Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2016 Páx. 55819

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de novembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 11 de abril de 1997, pola que se determinan os criterios a seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos.

En cumprimento do disposto na disposición transitoria primeira da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, con data 1 de xaneiro de 2015, entrou en vigor a Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que modifica a Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, na que se introducen unha serie de modificacións que afectan, entre outros aspectos, á composición do pleno das cámaras e a adscrición das empresas, e establecerá o carácter de adscrición universal de todas as empresas ás cámaras, garantirase desta forma a representación de todas as empresas nos órganos de goberno das cámaras en función da representatividade dos distintos sectores da economía, de acordo cun sistema de elección universal e democrática en que todas as empresas son electoras e elixibles.

Así, prevese que o censo electoral das cámaras, comprenderá a totalidade do seu electorado, clasificados por grupos e categorías, en atención á importancia económica dos distintos sectores representados, na forma que determine a administración tutelante.

Pola súa banda na nova configuración dos plenos das cámaras contémplase que estes estarán compostos polo número de vogalías que se determine no regulamento de réxime interior de cada cámara, e nos que, polo menos, dous terzos dos/das vogais serán elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre todas as persoal físicas e xurídicas que exerzan unha actividade comercial, industrial, de servizos ou de navegación na demarcación, de acordo coa clasificación en grupos e categorías que se establezan, ao ter en consideración a súa achega ao PIB, o número de empresas e o emprego.

Ademais dos/das vogais representantes das empresas e persoas de recoñecido prestixio na vida económica da circunscrición, elixidos polas organizacións empresariais intersectoriais e territoriais máis representativas, a Lei inclúe na nova configuración dos plenos os/as vogais representantes das empresas de maior achega voluntaria na demarcación de cada cámara.

Desta maneira, para garantir a adecuación ao novo marco normativo, faise necesario modificar a Orde do 11 de abril de 1997, pola que se determinan os criterios a seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación dos/das vogais representantes nos plenos respectivos.

En concreto, a supresión do recurso cameral permanente e as variables a ter en consideración para determinar a importancia económica dos distintos sectores representados nos grupos e categorías obrigan a modificar os criterios de ponderación establecidos na devandita orde.

Por isto, e de acordo coas competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de cámaras de comercio, industria, servizos e navegación,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 11 de abril de 1997, pola que se determinaban os criterios a seguir polas cámaras oficias de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos

A Orde do 11 de abril de 1997 pola que se determinaban os criterios a seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vogais representantes nos plenos respectivos queda modificada como segue:

Un. O artigo único queda modificado no sentido de engadir un punto 3.

«3. Para a elaboración do censo de empresas de maior achega, de acordo co previsto no artigo 30, punto 5, da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, as cámaras haberán de establecer, nos seus respectivos regulamentos de réxime interior, os límites mínimos de achegas voluntarias a partir dos que as empresas estarán incluídas no censo.

O censo de empresas elaborarase con referencia á data de apertura do correspondente proceso electoral».

Dous. O número 1 do anexo «Normas para a constitución de grupos de categorías de electores e para a asignación de vogalías», queda redactado como segue:

«1. Preparación do marco.

O marco inicial para proceder á determinación de grupos e categorías de electores e electoras virá dado pola seguinte información que debe obrar en poder de cada cámara tal e como está legalmente establecido:

1º. Matrícula para o último exercicio dispoñible do imposto sobre actividades económicas (IAE), correspondente aos suxeitos pasivos que exerzan a actividade na súa demarcación territorial.

2º. Relación, referida ao último ano dispoñible, dos rendementos do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) daqueles empresarios e empresarias a título individual que figuren na matrícula do IAE citada no punto anterior.

3º. Relación, referida ao último exercicio dispoñible, da base impoñible ou da cota líquida positiva do imposto sobre sociedades que figuren na matrícula do IAE citada no punto anterior.

A dita información, dispoñible en forma de bases de datos (con rexistros e campos), unha vez depurada convenientemente, dará lugar a un campo novo de ponderación económica que se incorporará, de ser o caso, aos rexistros de cada base de datos».

Tres. O número 1.1 do anexo «Normas para a constitución de grupos de categorías de electores e para a asignación de vogalías», queda redactado como segue:

«1.1. Relación por actividades.

Partindo da matrícula do IAE, todos aqueles rexistros que tendo idéntica epígrafa correspondan a un mesmo NIF (número de identificación fiscal) se consolidarán nun rexistro único.

Como resultado desta operación de consolidación teremos unha relación das actividades económicas, ordenadas por epígrafes correlativas do IAE, realizadas por electores dentro da demarcación da cámara».

Catro. O número 1.2 do anexo «Normas para a constitución de grupos de categorías de electores e para a asignación de vogalías», queda redactado como segue:

«1.2. Marco para a constitución de grupos de actividades.

A anterior relación de actividades completarase engadíndolle un novo campo a cada rexistro: ponderación económica. A estes efectos imputarase como epígrafe IAE dos rexistros das relacións de IRPF e IS aquel que constitúa a actividade principal do elector ou electora identificado polo seu NIF, entendéndose que, en ausencia doutra información fidedigna, a actividade principal será aquela pola que o suxeito pasivo obteña maiores rendementos. O campo ponderación económica definirase como a suma dos campos IAE, máis IRPF ou rendemento por IS, de ser o caso, sendo este ultimo, a elección da cámara, ben a base impoñible ou ben a cota líquida positiva do imposto sobre sociedades.

Así pois, a relación por actividades completada co campo de ponderación económica, será o marco a partir do cal, tras aplicación dos criterios que se establezan, formaranse os grupos de actividade. Cada rexistro deste marco será considerado como unha actividade para os efectos dos cómputos que se precisen en relación coa definición de grupos de actividades».

Cinco. O número 3 do anexo «Normas para a constitución de grupos de categorías de electores e para a asignación de vogalías», queda redactado como segue:

«3. Distribución de vogalías entre os grupos.

Dado que o número N de vogalías que se van elixir estará xa fixado por cada cámara e os grupos estarán xa constituídos de acordo cos principios e criterios formulados nestas normas, a atribución de vogalías a cada grupo farase conforme o principio de proporcionalidade, de maneira que o número dos/das vogais asinados a cada grupo de electores estea en consonancia co peso relativo de cada grupo no total.

O peso relativo dun grupo «i», Pi, obterase como a media aritmética ponderada dos tantos por un ai e bi, definidos en 2.2.2, onde as ponderacións α, β, constantes para todos os grupos, serán tales que:

1º. α + β = 1

2º. 0,6 < α < 0,8

Así pois, o peso relativo do grupo «i», Pi virá dado pola fórmula:

Pi = α × ai + β × bi

Ao ser N o número total de vogalías que se van elixir, ao grupo «i» corresponderalle en principio (N × P) vogalías, onde as parénteses entre as que figura o produto N × P indican a parte enteira de tal produto. Se para algúns dos grupos ese produto é menor que 1, procederase a asignarlles unha vogalía. Unha vez así asignados os vogais, o remanente de vogalías que aínda non se atribuíse iranse asignando a cada un dos grupos que teñan a fracción de unidade máis alta no produto N × P ata completar o total dos/das vogais».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria