Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 23 de decembro de 2016 Páx. 55749

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de San Sadurniño (expediente IN407A 2015/251-1).

Expediente: IN407A 2015/251-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: LMTS, CTC e RBT Escoitadoira e anexo 1.

Concello: San Sadurniño.

Feitos:

1. O 18 de agosto de 2016, o promotor solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.

Con data do 5 de agosto de 2016, Unión Fenosa Distribución, S.A. desiste na solicitude de declaración de utilidade pública ao ter acordo amigable coa totalidade dos propietarios afectados.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG do 5 de novembro de 2015 e no BOP do 22 de outubro de 2015.

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

4. Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

– Francisco Díaz Rodríguez, mediante escrito recibido o 13 de novembro de 2016, informa que non é o titular do predio nº 1. O predio é da súa esposa María Rodríguez Rodríguez.

– María Rodríguez Rodríguez, mediante escrito recibido o 20 de xaneiro de 2016, solicita o cambio de localización do centro de transformación.

En relación coas alegacións presentadas, o promotor presentou escrito do 5 de agosto de 2016, en que se valoran as alegacións presentadas por María Rodríguez Rodríguez, no que en síntese manifesta aceptar a solicitude de cambio de localización do centro de transformación.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. As características técnicas da instalación son as seguintes:

Liña eléctrica de media tensión subterránea a CT Escoitadoira, a 20 kV, cunha lonxitude de 1.042 m, con orixe en paso aerosubterráneo que se realizará na fachada da caseta do CT Castrelo (expediente 8798), onde se conectará a LMT CDR-805, condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV-1×240 Al e final no CT Escoitadoira (proxectado).

Centro de transformación prefabricado Escoitadoira, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

O orzamento da instalación, segundo o proxecto, é de 161.227,62 €.

7. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor ao respecto infórmase do seguinte:

En atención ao manifestado por Francisco Díaz Rodríguez, con data do 25 de decembro de 2015 notificóuselle a María Rodríguez Rodríguez a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública.

8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal se achegará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuizo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 24 de novembro de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña