Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2016 Páx. 55430

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 181/2016, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 181/2010, do 21 de outubro, polo que se crea a Comisión Galega de Coidados Paliativos.

A creación da Comisión Galega de Coidados Paliativos o 23 de maio de 2012, de conformidade co Decreto 181/2010, do 21 de outubro, como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, supuxo un impulso no desenvolvemento do Plan galego de coidados paliativos na nosa comunidade, tanto pola proposta dos obxectivos relativos ao nivel de calidade asistencial como polo labor de coordinación entre todos os medios e dispositivos do sistema sanitario na atención paliativa.

O pasado 26 de xuño aprobouse no Parlamento de Galicia a Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, que fai súa a definición da Organización Mundial da Saúde dos coidados paliativos como o conxunto coordinado de intervencións sanitarias dirixidas, desde un enfoque integral, á mellora da calidade de vida dos/as pacientes e das súas familias, que se enfrontan aos problemas asociados con enfermidades ameazantes para a vida, mediante a prevención e o alivio do sufrimento, por medio da identificación temperá e a impecable avaliación e o tratamento da dor e outros problemas físicos, psicolóxicos e espirituais.

A aprobación desta Lei polo Parlamento de Galicia ofrece a oportunidade de desenvolver unha atención paliativa integrada e interdisciplinar en liña co expresado no Plan galego de coidados paliativos.

Existe un amplo consenso en que os coidados paliativos deben comezar a aplicarse cando o/a paciente inicia unha enfermidade sintomática, activa, progresiva, incurable e ameazante para a vida, e nunca esperar para a súa aplicación a que os tratamentos específicos de base estean esgotados. Por tanto na atención ás persoas que se encontran neste proceso deben estar comprometidos todos os/as profesionais dos recursos sanitarios e sociosanitarios de Galicia.

Esta visión holística da atención paliativa xunto coa inclusión na Lei 5/2015, do 26 de xuño, tanto dos servizos sanitarios como sociosanitarios, fan necesario adaptar a composición da actual Comisión Galega de Coidados Paliativos en liña cos obxectivos da lei, procurando que estean representados e implicados dentro dela os axentes sanitarios e sociosanitarios que teñen relación non só cos/as doentes terminais e as súas familias senón tamén coas persoas con enfermidade avanzada e complexa.

Por tanto, en función destes motivos, establécese a redefinición do perfil dos/as vogais e a función da Comisión Galega de Coidados Paliativos.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do nove de decembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Un. O artigo 2.1.d) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«d) Promover a elaboración de guías e protocolos de coidados paliativos que se desenvolvan desde o Servizo Galego de Saúde».

Dous. O artigo 2.1.e) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«e) Promover que a formación e investigación en coidados paliativos se desenvolvan de acordo co establecido no Plan galego de coidados paliativos».

Tres. Engádese o artigo 2.1.g) no Decreto 181/2010, do 21 de outubro, que queda redactado da seguinte forma:

«g) Velar pola coordinación dos diferentes recursos asistenciais e o consenso entre os/as profesionais dos protocolos, guías de práctica clínica e procesos asistenciais integrados existentes, así como da súa difusión».

Catro. O artigo 2.1.g) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, pasa a ser o artigo 2.1.h)

Cinco. O artigo 3.1) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«1. A Comisión Galega de Coidados Paliativos estará composta por:

a) Presidente/a: director/a xeral de Asistencia Sanitaria ou persoa en quen delegue.

b) Vicepresidente/a: subdirector/a xeral de Planificación e Programación Asistencial ou persoa en quen delegue.

c) Secretario/a: a persoa designada para a coordinación do Plan galego de coidados paliativos será quen exerza as funcións de secretario/a da Comisión.

d) Dezaseis vogais».

Seis. O artigo 3.2) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«2. As persoas que ocupen as vogalías serán designadas respectando a seguinte composición:

a) Un médico ou médica de cada un dos seguintes: dun servizo de coidados paliativos, dun servizo de hospitalización a domicilio, dun servizo de oncoloxía, dun servizo de medicina interna, dun servizo de neuroloxía, dun servizo de pediatría, do 061 ou urxencias hospitalarias, de familia de atención primaria.

b) Un enfermeiro ou enfermeira de cada un dos seguintes: dun servizo de coidados paliativos, dun servizo de hospitalización a domicilio, de atención primaria, dun servizo de oncoloxía ou medicina interna.

c) Un farmacéutico ou farmacéutica do Servizo Galego de Saúde.

d) Un traballador ou traballadora social do Servizo Galego de Saúde.

e) Un psicólogo ou psicóloga clínico do Servizo Galego de Saúde.

f) Unha persoa representante da Consellería de Política Social.

Na designación das persoas que ocupen as vogalías procurarase o respecto do principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na composición do órgano colexiado, así como a presenza dunha persoa con formación en acompañamento espiritual. Da mesma forma, para a elección destas vogalías recadarase a opinión das respectivas sociedades científicas».

Sete. O artigo 8.1) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«1. A persoa designada para a coordinación do Plan galego de coidados paliativos será quen exerza as funcións de secretario/a da Comisión e será proposta pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e nomeado/a ou cesado/a pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, as súas funcións serán exercidas por outra persoa funcionaria ou estatutaria, designada polo/a presidente/a».

Oito. O artigo 6 do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, pasa a ser o artigo 8.

Nove. Os artigos 7 e 8 do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, pasan a ser os artigos 6 e 7, respectivamente.

Dez. O artigo 9.1) do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«1. A periodicidade das reunións ordinarias da comisión terá, como mínimo, carácter semestral. Tamén poderá reunirse con carácter extraordinario cando o dispoña a presidencia ou o soliciten as dúas terceiras partes dos membros da comisión.

Para a válida constitución do órgano, para efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presencia do presidente e do secretario ou, se for caso, daqueles que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros».

Once. O artigo 10 do Decreto 181/2010, do 21 de outubro, queda modificado da seguinte forma:

«Para a adopción de acordos no seo da Comisión Galega de Coidados Paliativos ou nos grupos de traballo que se creen será necesario o voto favorable da maioría dos seus membros, e axustarase ao disposto nos artigos 14 a 22, relativos aos órganos colexiados, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade