Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2016 Páx. 55391

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de novembro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se inicia a tramitación do expediente de clasificación do monte Cabaleiro, solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cesantes, parroquia de Cesantes (Redondela), e se abre un período dun mes para a práctica de alegacións.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 8 de febreiro de 2016, acordou iniciar os trámites para a clasificación como veciñal en man común do seguinte monte:

Concello: Redondela.

Parroquia: Cesantes.

Nome do monte: Cabaleiro.

Cabida: 4.226 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: monte veciñal Cabaleiro de Cesantes sen clasificar e área de descanso da estrada N-550 de Redondela a Pontevedra.

Sur: monte veciñal Cabaleiro de Cesantes sen clasificar, ocupado por Herminia Rey Lorenzo.

Leste: monte veciñal Cabaleiro de Cesantes clasificado polo Xurado Provincial mediante Resolución do 30 de maio de 2001.

Oeste: estrada N-550 de Redondela a Pontevedra.

O que se pon en coñecemento de todos os interesados, para efectos de abrir un período dun mes de duración para que se poida examinar o expediente e aducir durante este tempo o que se considere procedente en relación cos montes de referencia, así como presentar cantas alegacións, documentos ou informacións consideren convenientes e, se for o caso, propoñer proba concretando os medios de que pretendan valerse, de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Pontevedra, 24 de novembro de 2016

Xosé Carlos Morgade Martínez
Instrutor