Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2016 Páx. 55260

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 19 de decembro de 2016 pola que se fai pública a modificación e ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 9 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ao 30 de xuño de 2017, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

A Orde do 9 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ao 30 de xuño de 2017, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (Diario Oficial de Galicia núm. 159, do 24 de agosto), establece no seu artigo 1.3, no cal se recollen os créditos que financian a orde, que estes importes poderán ser obxecto de modificacións, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins como consecuencia dos remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa e servizo, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da devandita orde, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de persoas beneficiarias posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego (CEE) de Galicia e procédese á súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2016 ata o 30 de xuño de 2017, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

A ampliación afecta exclusivamente a anualidade 2016, que subvenciona o custo salarial de persoas con discapacidade en CEE das mensualidades de xullo a outubro de 2016.

As aplicacións orzamentarias e os importes que se amplían figuran dotados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, e son os seguintes:

Aplicación

Proxecto

Anualidade

Importe

09.40.322C.470.0

2016 00309

2016

230.341,27 €

09.40.322C.481.2

2016 00309

2016

50.350 €

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria