Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2016 Páx. 55256

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 22 de novembro de 2016 de aprobación definitiva das áreas do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña, deixadas en suspenso.

O Concello de Moaña eleva, para a súa aprobación definitiva, o documento refundido do Plan xeral de ordenación municipal consonte o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria 2ª.1) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta literal que con data 18.11.2016 eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Moaña ten vixente o Plan xeral de ordenación municipal aprobado mediante Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 13.7.2011 de aprobación definitiva parcial do PXOM, que deixou en suspenso áreas e determinacións nas cales o Concello debía introducir as correccións necesarias.

2. Nas sesións plenarias do 13.7.2016 e 29.9.2016, o Concello de Moaña aprobou as áreas en suspenso ao abeiro da Orde do 13.7.2011.

3. Constan no expediente informes municipais do arquitecto, do 26.9.2016; do secretario, do 26.9.2016; e da Intervención, do 28.9.2016.

4. Ao abeiro do establecido na disposición transitoria 2ª.1) da LSG, os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na LOUG.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación do PXOM de Moaña, redactada por Ecoduas, S.L., e coa dilixencia de aprobación provisional do 30.9.2016, púidose comprobar que esta emenda as deficiencias sinaladas na Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 13.7.2011, cumprindo, en todo caso, facer as seguintes consideracións:

1. Estrutura xeral e orgánica do territorio.

O ámbito SP4 remitido ao Plan especial do porto de Vigo (PEPV) cualificarase como sistema xeral portuario, con axuste á delimitación de espazos e usos portuarios da Autoridade Portuaria de Vigo (DEUP) aprobada pola Orde FOM 822/2015, do 13 de abril.

2. Determinacións en solo urbano.

1. Na fronte costeira, cómpre clasificar como solo urbano, dado o seu grao de urbanización e transformación, os seguintes ámbitos:

– Desde a praia do Con ata a praia de Meira na avenida Porta do Sol na contorna do punto 313 do deslindamento do termo municipal de Vilaboa ao termo municipal de Cangas aprobado pola Orde ministerial do 17.7.2007.

– Desde a praia do Cocho ata o punto 491 do deslindamento do termo municipal de Vilaboa ao termo municipal de Cangas aprobado pola Orde ministerial do 17.7.2007.

– Desde o punto 512 ata o punto 539 do deslindamento do termo municipal de Vilaboa ao termo municipal de Cangas aprobado pola Orde ministerial do 17.7.2007.

– Ámbito do sistema xeral portuario SP3 en Domaio.

– Ámbito do PEPV entre os puntos 639 e 644 do deslindamento do termo municipal de Vilaboa ao termo municipal de Cangas aprobado pola Orde ministerial do 17.7.2007.

– Desde o punto 735 ata o punto 766 do deslindamento do termo municipal de Vilaboa ao termo municipal de Cangas aprobado pola Orde ministerial do 17.7.2007.

2. As actuacións illadas municipais AI1, AI2 e AI3, propostas no ámbito de ordenanzas 2 e 3 ao norte da PO-551 e limitado ao oeste polo SUR-D-5 e ao leste polo cemiterio de Meira, deberán incluírse no estudo económico do PXOM.

3. Observacións formais e documentais.

1. No solo urbano, non procede superpoñer a clasificación como solo rústico de protección de infraestruturas na zona de afección das estradas e liñas eléctricas.

2. Debe grafarse claramente a liña de delimitación do solo urbano nos planos de ordenación, que desaparece nalgúns ámbitos de Moaña e Domaio.

3. Cómpre incluír na listaxe de equipamentos da memoria os depósitos de auga grafados.

4. Cómpre incluír na normativa, as fichas do sistema xeral portuario SP1, SP2, SP3 e SP4.

5. No plano 4.4.04 eliminarase a ordenanza 4 de solo urbano, no ámbito ao sur do predio singular de Domaio clasificado como solo rústico.

6. De resultas da eliminación do número 9.19, non coincide o índice coa normativa.

7. Cómpre representar coa mesma grafía todos os sistemas xerais portuarios.

4. Adaptación ao Plan de ordenación do litoral.

1. Na ficha do P-22 farase constar a necesidade de observar as condicións xerais do artigo 61 do POL e de ter en conta os usos existentes segundo a cartografía de usos.

2. No ámbito do P3 as alturas máximas axustaranse ás da contorna. A súa ordenación detallada requirirá a emisión de informe do organismo competente en materia POL.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente as áreas do Plan xeral de ordenación municipal de Moaña, deixadas en suspenso na Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 13.7.2011, con suxeición ao cumprimento das condicións contidas no punto II anterior.

Con este fin, o Concello deberá achegar un documento refundido do PXOM, que introduza as citadas condicións.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio