Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 20 de decembro de 2016 Páx. 55145

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de decembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan para o ano 2016 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores novos, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Mediante a Orde do 23 de decembro de 2015 (DOG núm. 247, do 29 de decembro) convocáronse para o ano 2016 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores novos, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Esta orde tivo modificacións posteriores mediante a Orde do 15 de marzo de 2016 pola que se modifica o prazo de presentación das solicitudes (DOG núm. 54, do 18 de marzo), do 2 de setembro de 2016 (DOG núm. 172, do 9 de setembro), pola que se amplía o prazo de presentación de permisos administrativos, e do 28 de novembro de 2016 (DOG núm. 229, do 30 de novembro), pola que se amplía a dotación orzamentaria.

Para o financiamento das axudas convocadas foi preciso asignar os importes para cada unha das anualidades de xeito estimativo.

O día 19 de febreiro de 2016 publicouse no DOG a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece cambios importantes na xestión das autorizacións en solo rústico. Nesta lei, no artigo 34, solo rústico de especial protección, no apartado a) do punto 2, cataloga o solo rústico de protección agropecuaria o que está constituído polos terreos que fosen obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta produtividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira.

Coa excepción feita dos terreos de concentración parcelaria con resolución firme e os que xa están catalogados como solo rústico de protección agropecuaria nos correspondentes planeamentos municipais, é preciso desenvolver o correspondente catálogo oficial para aqueles terreos que non se atopen nalgunha das situacións anteriores.

O día 9 de setembro de 2016 publicouse no DOG a Orde do 2 de setembro pola que se modifica a Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan as axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores novos e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Por esta orde modifícase o artigo 7 correspondente á presentación dos permisos administrativos na que se prorroga o prazo para a presentación destes ata o día 18 de outubro de 2016 e, ademais, para todas aquelas solicitudes que como consecuencia da entrada en vigor da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, non sexa posible a presentación do correspondente título habilitante municipal, esta circunstancia acreditarase mediante informe técnico municipal.

Estas circunstancias tiveron como consecuencia a presentación dun elevado número de informes municipais dada a imposibilidade da presentación do título habilitante no tempo establecido para iso, dado que practicamente a totalidade de solicitantes destas axudas necesitan este título habilitante para levar a cabo os investimentos previstos.

Todas estas incidencias derivadas da publicación da Lei 2/2016, do solo de Galicia, publicada en pleno período de tramitación destas axudas, tivo como consecuencia un importante retraso na aprobación destas e, polo tanto, un retardo na data en que os beneficiarios afectados poidan iniciar a execución do investimento por non poder contar, nas datas inicialmente previstas, coas licenzas que se solicitan ao non estar aprobados os correspondentes planeamentos urbanísticos e, polo tanto, a imposibilidade de executar a anualidade prevista para o ano 2016.

O artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que para as subvencións de carácter plurianual deberase indicar a contía máxima da subvención e a súa distribución por anualidades atendendo ao momento no que se prevexa realizar o gasto derivado das subvencións que se concedan. Para esta subvención, as circunstancias anteriormente referidas fan que esta previsión inicial se vexa alterada e fará necesaria a modificación da distribución inicialmente aprobada sen que se afecte a contía máxima inicial. Esta modificación non supón prexuízo para os beneficiarios e persegue unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan para o ano 2016 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores novos, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020

O artigo 21 da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se convocan para o ano 2016 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores novos, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, queda redactado como segue:

Artigo 21. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 75 %, efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) 13.03.712B 772.0 (CP 2016 00182), para as axudas previstas aos investimentos nas explotacións agrarias, para o ano 2016, tres millóns seiscentos mil euros (3.600.000), para o ano 2017 doce millóns catrocentos mil euros (12.400.000) e para o ano 2018, vinte millóns de euros (20.000.000). En total trinta e seis millóns de euros (36.000.000).

b) 13.03.712B 772.0 (CP 2016 00183) para as axudas previstas á primeira instalación de agricultores novos, para o ano 2016, dous millóns catrocentos mil euros (2.400.000), para o ano 2017, doce millóns trescentos mil euros (12.300.000) e para o ano 2018, nove millóns de euros (9.000.000). En total vinte e tres millóns setecentos mil euros (23.700.000).

c) 13.03.712B 772.0 (CP 2016 00185) para as axudas previstas ao desenvolvemento de pequenas explotacións, para o ano 2016, dous millóns de euros (2.000.000), para o ano 2017, un millón de euros (1.000.000) e para o ano 2018, cincocentos mil euros (500.000). En total tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000).

2. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

3. No suposto de existir remanente nalgunha das anteriores aplicacións poderíase utilizar para financiar solicitudes da outra aplicación.

4. Esta orde tramítase conforme ao establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2016, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural