Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2016 Páx. 54768

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de novembro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado relativo ao monte veciñal en man común da parroquia de Santa María de Muxa, no concello de Lugo (expediente 26/83).

Na sesión realizada polo xurado o día 18 de novembro de 2016 figura o seguinte acordo:

Monte Xartego, do Medio, Cerro, Guimarei, Outeiro e Toire (expediente 26/83), pertencente aos veciños da parroquia de Santa María de Muxa, no termo municipal de Lugo, e clasificado como veciñal en man común por resolución do Xurado Provincial con data do 15 de outubro de 1984. Con data do 19 de febreiro de 2016 ten entrada escrito de David Castedo Gómez (emendado por outro escrito do 15 de xuño de 2016) remitindo copia autenticada de sentenza firme ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Lugo, con data do 19 de maio de 2015, ditada no procedemento ordinario 908/2013, na cal, estimando a demanda presentada, se declara: «(...) 1º. Que os predios descritos na letra A) do feito primeiro da demanda e números 3, 4, 5, e 6 do informe pericial emitido por don Pedro Ángel Armesto Santos, presentado coa demanda, pertencen en plena propiedade ao demandante David Castedo Gómez e á sociedade de gananciais que conforma con Carmen López Rodríguez. 2º. Que o predio descrito na letra B) do feito primeiro da demanda pertence en plena propiedade á sociedade de gananciais conformada polo demandante Sixto Pérez Prol e a súa esposa Áurea Fernández Ruiz. 3º. Que a comunidade titular do monte veciñal en man común dos veciños de Santa María de Muxa está obrigada a comunicar ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común que, en canto afecta aos predios referidos nos pronunciamentos anteriores, existe erro no esbozo ou plano que figura no expediente 26/1983 de clasificación do monte Xartego, do Medio, Cerro, Guimarei, Outeiro e Toire, e que, por tanto, cómpre corrixir tales erros a fin de que a integridade de tales predios resulte excluída de canto no referido esbozo aparece pintado como perímetro do dito monte (...)». Dado traslado da documentación ao Servizo de Montes, con data do 22 de agosto de 2016 emítese informe (nº 86) especificando as modificacións resultantes, co que o monte Xartego, do Medio, Cerro, Guimarei, Outeiro e Toire queda cunha superficie de 50,26 hectáreas. Xúntase esbozo da situación actual do monte veciñal afectado. Examinada a devandita sentenza, o Xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ao establecido nela procedendo ás correccións oportunas, coa incorporación do esbozo referido ao expediente de clasificación.

Ao descoñecerse o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre os referidos montes, por medio do presente anuncio, de conformidade co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, comunícase o devandito acordo.

Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 29 de novembro de 2016

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo