Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2016 Páx. 54770

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de novembro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunican aos posibles titulares de dereitos e intereses os acordos adoptados sobre a revisión do esbozo do expediente 3/77 e catro máis.

Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e coa finalidade de levar a cabo o establecido na disposición transitoria décimo terceira con respecto á revisión de esbozos de montes veciñais en man común, o Xurado, na reunión do 17 de setembro de 2012, acordou solicitar ao Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia susceptibles de tal adecuación.

En relación con isto, na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 18 de novembro de 2016 figuran os seguintes acordos:

Monte Serra Gorda, Salgueirón, Roza da Graña e Froxende (expediente 3/77), pertencente aos veciños da parroquia de Bóveda, do concello de Begonte, clasificado polo Xurado con data do 28 de novembro de 1977. Con data do 26 de setembro de 2016 tivo entrada un escrito presentado por Juan Gómez López, como presidente da Xunta Reitora do monte, no cal solicita que se proceda á revisión do esbozo conforme á documentación que xunta. Con data do 10 de outubro de 2016, o Servizo de Montes elabora unha proposta de novo esbozo para os montes Serra Gorda, Salgueirón, Roza da Graña e Froxende (nº 51), deste xeito queda o monte cunha superficie de 289,98 hectáreas, de conformidade coa nova cartografía. Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á oportuna incorporación do esbozo ao expediente e á constancia a nivel Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade co dito.

Monte Verducedo e Lomba (expediente 5/80), pertencente aos veciños da parroquia de Moscán, do concello do Páramo, clasificado polo Xurado con data do 16 de novembro de 1981 e monte Verducedo e Porqueira (expediente 13/80), pertencente aos veciños da parroquia de Vilafiz, do concello do Páramo, clasificado polo Xurado con data do 16 de novembro de 1981. Con data do 6 de xuño de 2016, o Servizo de Montes elabora unha proposta de novo esbozo para estes montes (nº 9/16), baseada en que se fai necesaria pola existencia dunha expropiación recente para a construción do corredor Nadela-Sarria que afectou ambos os dous montes, así como a cartografía do proxecto de ordenación e dos convenios e os deslindamentos parciais aprobados por ambas as dúas partes, adaptando os perímetros á realidade. Unha vez dado traslado aos presidentes de ambas as dúas comunidades, con data do 26 de setembro de 2016, Eliseo Fernández García, como presidente da comunidade de Moscán, presenta escrito de alegacións en que fai unhas precisións que observa en dúas zonas obxecto de actuación. Dado traslado ao Servizo de Montes, con data do 28 de setembro de 2016, elabora unha nova proposta para este monte Verducedo e Lomba (nº 14/16), que queda cunha superficie de 59,05 hectáreas, ademais está unha mouteira pendente dunha ampliación de clasificación (expediente 4/2016). O monte Verducedo e Porqueira queda cunha superficie de 48,72 hectáreas, de conformidade coa nova cartografía. Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á oportuna incorporación do esbozo ao expediente e á constancia a nivel Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade co dito.

Monte Mudia (expediente 42/78), pertencente aos veciños da parroquia de San Vicente de Reigosa, do concello da Pastoriza, clasificado polo Xurado con data do 5 de febreiro de 1979. Con data do 21 de setembro de 2016, o Servizo de Montes elabora unha proposta de novo esbozo para o monte Mudia, baseado no artigo 105.2 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que establece que as administracións públicas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos, existentes nos seus actos e na concentración parcelaria en que existiría un solapamento de superficies de 17,33 hectáreas, coincidindo en realidade o monte veciñal coa zona en convenio con nº de elenco 2715067 e quedando o monte cunha superficie de 137,76 hectáreas, de conformidade coa nova cartografía. Ao mesmo tempo, exponse que tras a concentración e clasificación do monte se produciu un cambio na denominación oficial da parroquia, na actualidade é A Regueira (San Vicente), polo que tamén se propón un cambio na denominación da propiedade. Examinada a devandita proposta, o Xurado, por unanimidade, acorda aceptala e proceder á oportuna incorporación do esbozo ao expediente e á constancia no nivel do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade co dito, así como da denominación da parroquia propietaria, A Regueira (San Vicente).

Monte de Lago (expediente 109/76), pertencente aos veciños do lugar de Lago, da parroquia de Padornelo, do concello de Pedrafita do Cebreiro, clasificado polo Xurado con data do 22 de decembro de 1976. Con data do 24 de agosto de 2016 tivo entrada un escrito presentado por Manuel Busto García e Manuel Álvarez Pérez, como comuneiros representantes da comunidade, no cal solicitan que se proceda á revisión do esbozo conforme a documentación que xuntan. Con data do 21 de outubro de 2016, o Servizo de Montes elabora unha memoria técnica para a revisión do monte de Lago (nº 8/16) informa que o monte pasaría de ter 51 hectáreas clasificadas a 40,783; prodúcese unha merma dun 20 % con respecto á superficie inicial, polo tanto, superior ao establecido nos criterios a seguir para as revisións do esbozo. En vista do contido do informe anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda non aceptar a revisión do esbozo presentada.

Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no punto 3 da disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Lugo, 29 de novembro de 2016

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo