Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 15 de decembro de 2016 Páx. 54642

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 175/2016, do 24 de novembro, polo que se derroga o Decreto 351/2003, do 11 de setembro, de regulación da duración dos procedementos disciplinarios ao persoal estatutario que presta servizos no Servizo Galego de Saúde.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece no número 1 do seu artigo 6 que esta «é aplicable ao persoal docente dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, agás no relativo ás seguintes materias:

a) Carreira profesional e promoción interna.

b) Retribucións complementarias.

c) Mobilidade voluntaria entre administracións públicas».

Así mesmo, o artigo 183.1 da antedita Lei 2/2015, do 29 de abril, recolle que «Todo o persoal ao servizo das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei queda suxeito ao réxime disciplinario establecido no presente título».

Por último, no artigo 192, número 5, a lei establece que «A duración máxima do procedemento disciplinario será dun ano. Vencido este prazo sen notificarse a resolución que poña fin ao procedemento, declararase de oficio a caducidade deste e ordenarase o arquivamento das actuacións...».

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, non establece un prazo de duración dos procedementos relacionados cos expedientes disciplinarios do persoal estatuario. Non obstante o Decreto 351/2003, do 11 de setembro, de regulación da duración dos procedementos disciplinarios ao persoal estatutario que presta servizos no Servizo Galego de Saúde, establece no seu artigo 3 que «O prazo máximo de duración dos procedementos será de seis meses, contados entre o acordo de iniciación e a notificación da resolución que, se é o caso, recaia».

En consecuencia, tendo en conta que a dita materia non é das exceptuadas polo artigo 6.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, en prol dunha maior seguridade xurídica e co fin de establecer procedementos homoxéneos para todo o persoal ao servizo das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, procede derrogar o antedito Decreto 351/2003, do 11 de setembro.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 351/2003, do 11 de setembro, de regulación da duración dos procedementos disciplinarios ao persoal estatutario que presta servizos no Servizo Galego de Saúde, de xeito que a duración máxima dos procedementos disciplinarios do dito persoal estatutario será dun ano de conformidade co artigo 192.5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade