Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 53972

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Betanzos

EDICTO (176/2015).

Nos autos de divorcio contencioso 176/2015, seguidos por instancia da procuradora da quenda de oficio María Amparo Cagiao Rivas, en nome e representación de María del Mar Sánchez Suárez, contra José Alfredo López Naveira, con data do 20 de maio de 2016 ditouse sentenza, que contén o encabezamento e a parte dispositiva que literalmente din:

«Sentenza

Betanzos, 20 de maio de 2016.

O día 20 de maio do ano en curso celebrouse ante este xulgado o xuízo sobre divorcio contencioso número 176/2015. É parte demandante María del Mar Sánchez Suárez, representada pola procuradora Amparo Cagiao Rivas e defendida pola letrada Patricia Lage Varela. É parte demandada José Alfredo López Naveira.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A procuradora Amparo Cagiao Rivas presentou, en representación da demandante, demanda de divorcio contencioso fronte a José Alfredo López Naveira, na cal solicitou deste xulgado unha sentenza que disolva por divorcio o matrimonio existente entre as partes; solicitou, ademais, a adopción de medidas consistentes na adxudicación do domicilio familiar ao demandado, que o préstamo hipotecario que grava a vivenda familiar sexa tamén asumido por este e que se estableza unha pensión de alimentos a favor da da filla do matrimonio de 150 euros mensuais.

Segundo. O demandado, emprazado persoalmente, non contestou nin compareceu no procedemento e, citado á vista a través de edictos, non compareceu á vista.

Terceiro. O día da vista non se practicou proba ningunha, ben que foi admitida a documental achegada, a realización de indagacións a través do punto neutro xudicial, da vida laboral de demandado e da súa situación económica e o interrogatorio do demandado cos efectos que legalmente procedan, visto que non foi anunciada a solicitude da súa declaración na vista con antelación e tendo en conta as regras de valoración da proba nos procedementos de familia.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. De acordo co artigo 496 da Lei de axuizamento civil, será declarado en situación de rebeldía procesual o demandado que non compareza en forma na data ou no prazo sinalado na citación ou emprazamento, e a declaración de rebeldía non será considerada como avinza nin como admisión dos feitos da demanda, salvo os casos en que a lei expresamente dispoña o contrario. O artigo 770.3 do mesmo texto legal establece que á vista deberán concorrer as partes por si mesmas, con apercibimento de que a súa non comparecencia sen causa xustificada poderá determinar que se consideren admitidos os feitos alegados pola parte que compareza para fundamentar as súas peticións sobre medidas definitivas de carácter patrimonial. Tamén será obrigatoria a presenza dos avogados respectivos.

Segundo. O artigo 86 do Código civil establece que se decretará xudicialmente o divorcio, calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun só dos cónxuxes, de ambos os dous, ou dun co consentimento do outro, cando concorran os requisitos e circunstancias exixidos no artigo 81. O número 2 do devandito artigo di que se decretará xudicialmente a separación calquera que sexa a forma de celebración do matrimonio, por petición dun dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses dende a celebración do matrimonio, e que coa demanda se achegue unha proposta fundada das medidas que deban regular os efectos derivados da separación.

Concorren no presente caso os presupostos legais para decretar a disolución do vínculo matrimonial solicitada, pois transcorreron máis de tres meses dende a celebración do matrimonio e existe petición por parte dun dos cónxuxes.

De acordo co artigo 1392 do Código civil, a sociedade de gananciais concluirá de pleno dereito cando se disolva o matrimonio. O réxime económico dos cónxuxes era o de sociedade de gananciais, segundo se desprende da certificación literal de inscrición do matrimonio.

Terceiro. Son tres as medidas que se solicitaron co fin de rexeren a situación posterior ao divorcio: a decisión sobre atribución do uso do domicilio familiar, a resolución sobre a atribución das cargas do matrimonio e o establecemento dunha pensión de alimentos a favor da filla común que convive coa demandante.

Comezando pola atribución do uso do domicilio familiar, visto que na propia demanda se afirma que neste reside o demandado e un dos fillos do matrimonio e que a propia demandante é a que afirma que non desexa o uso deste, non se advirte inconveniente en resolver no sentido solicitado, ao abeiro do artigo 96.2 do Código civil.

En relación coas cargas do matrimonio consistentes no pagamento do préstamo hipotecario, a resposta debe ser desestimatoria. Procede traer a aquí o afirmado na Sentenza do Tribunal Supremo do 5 de novembro de 2008, pois afirma que “a hipoteca que grava o piso que constitúe a vivenda familiar non debe ser considerada como carga do matrimonio, no sentido que a esta expresión se recoñece no artigo 90D CC, porque se trata dunha débeda da sociedade de gananciais e, polo tanto, incluída no artigo 1362, 2ª CC. Polo tanto, mentres subsista a sociedade, a hipoteca debe ser pagada por metade polos propietarios do piso que grava, os cónxuxes e, en consecuencia, debe excluírse das reclamacións formuladas polo reclamante”. Tal e como se expuxo no fundamento precedente, a presente sentenza produce a disolución da sociedade de gananciais pero non a súa liquidación, polo que resulta plenamente aplicado o disposto no fragmento da sentenza arriba transcrito, pois en definitiva todo o relativo ás débedas de sociedade de gananciais afecta o proceso de liquidación, pero en relación con elas resulta improcedente un pronunciamento na sentenza que resolve o divorcio. Neste sentido, a STS do 21 de outubro de 2014.

Polo que se refire á pensión de alimentos solicitada a favor da filla común, debe terse en conta o xa exposto máis arriba, a existencia de dous fillos comúns do matrimonio e que ambos os dous deben ser considerados dependentes, pois cada un deles reside cun dos proxenitores. Polo demais, a situación económica de ambos os dous proxenitores é igualmente precaria. Se María del Mar carece de calquera tipo de ingreso a cargo da Seguridade Social, José Alfredo ten abertas varias contas ao seu nome, pero só nunha delas tiña un escaso saldo positivo en data 31 de decembro. En tales circunstancias, en que os dous fillos do matrimonio teñen unha idade similar, e que cada un deles vive cun dos proxenitores, e que debe presupoñérselles dependentes, parece que a situación non permite establecer pensión de alimentos a cargo do demandado.

Cuarto. Non procede a condena en custas dadas as especiais circunstancias concorrentes nos procedementos de familia.

Resolución

Declaro a disolución por divorcio do matrimonio ata entón existente entre María del Mar Sánchez Suárez e José Alfredo López Naveira.

Acordo a adopción das seguintes medidas, que deben rexer entre as partes para despois do divorcio:

Atribúo o uso da vivenda familiar a José Alfredo.

Declaro a disolución do réxime económico matrimonial de sociedade de gananciais.

Acordo non constituír unha pensión de alimentos a cargo de José Alfredo López Naveira a favor da filla común do matrimonio maior de idade, Saskia Aimara.

Acordo non efectuar pronunciamento sobre as débedas da sociedade de gananciais.

Non se efectúa pronunciamento en materia de custas.

Así, por esta miña sentenza, contra a cal cabe recurso de apelación, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Roberto Porto García, xuíz titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Betanzos».

E en cumprimento do acordado, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e para que sirva de notificación en forma ao demandado Jose Alfredo López Naveira, expídese este edicto.

Betanzos, 9 de novembro de 2016

A letrada da Administración de xustiza