Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 53951

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2016 pola que se dispón a publicación da modificación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia.

Exposición de motivos.

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, procedeu á creación desta Comisión da Transparencia de Galicia. O 10 de maio procedeuse á súa constitución en sesión solemne. Unha vez posta en marcha e iniciados os seus traballos, o pasado 14 de xuño aprobou o seu regulamento interno. Malia o pouco tempo transcorrido, a intensidade do traballo realizado, vén de poñer de manifesto a necesidade de facer unha serie de adaptacións na nosa norma de réxime interno, non só pola seguridade xurídica que isto supón, senón como parte da nosa propia razón de ser que vén de facer da transparencia unha guía no traballo diario. De tal xeito que todos os galegos e galegas poidan coñecer, se así o desexan, con todo detalle o noso funcionamento.

Á vista de todo isto apróbase a seguinte modificación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia, aprobado por Acordo do 14 de xuño de 2016.

Artigo único. Modificación do Regulamento interno da Comisión da Transparencia

Modifícase o vixente Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia, aprobado por Acordo do 14 de xuño de 2016 nos termos expostos deseguido.

Un. Modifícanse os parágrafos b), e) e i) do artigo 7, que quedan redactados da seguinte forma:

«b) Coñecer as reclamacións que se presenten en aplicación do artigo 28 e da disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, designar a persoa que elabora a proposta de resolución e elevar as propostas de resolución á comisión, que serán comunicadas por vía electrónica aos membros da comisión.

e) Presidir as sesións, autorizar, se é o caso, a presenza nestas dos expertos precisos para o asesoramento á comisión e asuntos transversais, moderar o desenvolvemento dos debates ou suspendelos por causas xustificadas.

i) Velar polo cumprimento das obrigas de publicidade de acordo co previsto no capítulo II do título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro. Así mesmo, respostar ás solicitudes de información sobre as actuacións da comisión xa publicadas, indicando ao interesado como pode acceder a ela e ofrecer unha resposta acaída a aquelas consultas informais que non teñan carácter de recurso».

Dous. Modifícanse os parágrafos a) e b) do artigo 12, que quedan redactados da seguinte forma:

«a) Recibir a convocatoria das sesións do órgano de que forman parte, cunha antelación, respecto á data da súa realización, de cinco días.

b) Asistir ás sesións da Comisión da Transparencia e participar nos debates dos asuntos sometidos a resolución ou acordo. En relación coas propostas de resolución, remitidas pola presidencia, poderán presentar as correspondentes emendas, e remitilas á secretaría por correo electrónico».

Tres. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 14, que queda redactado da seguinte forma:

«1. A comisión adoptará as resolucións e demais acordos, logo do estudo da documentación elaborada para o caso concreto baixo a dirección da Presidencia, en sesión plenaria. Poderán ser públicas por acordo da persoa titular da Presidencia as sesións solemnes».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

As modificacións ao Regulamento interno da Comisión da Transparencia de Galicia publicaranse no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2016

Milagros María Otero Parga
Valedora do Pobo