Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 54017

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Monfero (expediente IN407A 2015/157-1).

Expediente: IN407A 2015/157-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: adecuación LMT DC Eume 703-704 e anexos 2 e 3.

Concello: Monfero.

Feitos:

1. O 27 de maio de 2015 a promotora solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas: liña eléctrica de media tensión aérea, a 15 kV, cunha lonxitude de 1,276 km, con orixe no pórtico de saída da subestación Eume (expediente 423/01), condutor tipo LA-110 mm2 e final no apoio número 18 existente actual da LMT. DC (Eume-O Pedrido) (expediente 10556), circuítos 703 e 704.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución de información pública: 10 de xullo de 2015.

– DOG: 7 de agosto de 2015.

– BOP: 30 de xullo de 2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 16 de outubro de 2015.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 15 de setembro de 2015.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

Por medio dun anuncio desta xefatura territorial do 16 de novembro de 2015 (publicado no BOE do 18 de decembro) foron notificados os interesados descoñecidos, ausentes ou con enderezo descoñecido, de conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Durante o período durante o cal someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

Manuel Díaz Rodríguez, mediante escrito do 13 de agosto de 2015, alega en síntese, a súa falta de conformidade con algún dos aspectos dunha proposta económica realizada por Unión Fenosa Distribución, S.A., e propón un acordo alternativo.

Destas alegacións déuselle traslado a promotora, que contestou:

Escrito recibido o 18 de decembro de 2015, no cal se manifesta o seguinte: que se chegou a un acordo coa alegante. Xuntouse copia do acordo.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. A promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9 de outubro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización da instalación, non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 9 de novembro de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña