Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 53913

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 24 de outubro de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Maside, na rúa Camiño de San Paio e o seu contorno na Touza.

O Concello de Maside remite novamente o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizado o expediente remitido polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón actualmente de normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 29 de outubro de 1985, que tiveron sete modificacións puntuais.

I.2. Con data do 24 de abril de 2015, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ditou orde de non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de Maside na rúa Camiño San Paio e o seu contorno (A Touza), e sinalou unha serie de deficiencias que cómpre emendar.

I.3. Consta informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 30 de maio de 2016.

I.4. O Concello Pleno, en sesións do 31 de maio de 2016 e 28 de setembro de 2016, procedeu novamente a aprobar provisionalmente a modificación puntual incorporando unha serie de correccións.

II. Análise da delimitación de solo de núcleo rural e informe técnico.

II.1. O ámbito de actuación da modificación puntual, tanto no documento aprobado inicialmente como no documento aprobado de novo provisionalmente o 28 de setembro de 2016, é un asentamento xurdido á marxe do planeamento ao redor do camiño de San Paio, contiguo ao núcleo urbano da Touza, que afecta segundo as normas subsidiarias de planeamento vixentes, a solo non urbanizable (actualmente rústico). A superficie do ámbito é de 14.769 m2.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a reclasificación de solo non urbanizable (rústico) a urbanizable na zona de actuación, conforme o establecido na disposición transitoria décimo terceira da LOUG, referente aos asentamentos xurdidos á marxe do planeamento, para integrar e ordenar normativamente o asentamento do camiño de San Paio e o seu contorno no planeamento vixente.

II.3. O 19 de marzo de 2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 1 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data tivesen aprobación provisional poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na LOUG. Daquela, esta modificación puntual poderá continuar a súa tramitación conforme a LOUG.

II.4. No documento modificado fixéronse as correccións necesarias para cumprir as observacións formuladas na Orde CMATI do 24 de abril de 2015, nomeadamente:

– Corrixiuse a contradición da parcela mínima de 300 m2.

– Incluíuse no ámbito o equipamento deportivo contiguo.

– Xustificouse a previsión de maiores dotacións públicas, en aplicación do disposto no artigo 94.3 da LOUG, e emendouse a recualificación de terreos e o incremento de intensidade de uso.

– Incluíuse a asignación de usos globais conforme o artigo 46.3 da LOUG.

– Recolléronse as condicións de pendente e altura máximas da cuberta, así como os recuamentos mínimos a lindeiros.

– Grafáronse as aliñacións de todas as vías do ámbito de actuación.

II.5. Porén, observouse que na parte norte do ámbito non se resolveu a indefinición do solo comprendido entre as parcelas privadas e a aliñación oeste da vía, ao cal non se lle asigna uso; débese destinar ese espazo a vía pública e corrixir, en consecuencia, a aliñación oeste da vía facéndoa coincidir co límite das parcelas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de Maside na rúa Camiño San Paio e o seu contorno (A Touza), coa condición sinalada na epígrafe II.5 anterior.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio