Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2016 Páx. 53463

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2016 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa da actividade docente, investigadora e de xestión, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Mediante Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que mentres a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23 dos estatutos, seguiranse aplicando os establecidos polas normas en vigor, no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na súa redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

En consonancia co anterior, a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento polos cargos de xestión levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (DOG do 26 de outubro).

Con respecto ao establecido no artigo 8.1 da devandita orde, mediante acordo da CGIACA do 4 de outubro de 2016, concretáronse os cargos que poderán asimilarse aos sinalados na citada Orde do 16 de outubro de 2006, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

De conformidade coa citada normativa, o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia convocará, mediante resolución, a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a asignación destes complementos retributivos.

Mediante Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, polos que se delega na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión establecido no artigo 2.4 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Segunda. Destinatarios

De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor en activo das universidades públicas que compoñen o Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, co artigo 6.4 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2.2 da Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración positiva será preciso:

1. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamento, director de instituto universitario, en calquera das institucións universitarias ou de educación superior públicas galegas, estatais ou europeas; e aqueles cargos directamente relacionados coa xestión académica ou da investigación equiparados, a efectos exclusivos deste complemento, pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación recollidos no anexo I desta resolución.

2. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.

Computaranse os períodos de tempo de ocupación dos correspondentes cargos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, ata o 31 de decembro de 2015, sempre e cando nesta derradeira data xa se tivese producido o cesamento efectivo.

Cuarta. Formalización e presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán encher telematicamente a instancia e a relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2015, nos modelos dispoñibles na aplicación informática (anexos II e III), á cal se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es. Non se valorarán os méritos que non fosen incorporados telematicamente.

2. Unha vez cubertos os impresos (anexos II e III) telematicamente, deberán imprimirse e presentarse nos lugares sinalados no número 4, debidamente asinados.

3. Xunto cos impresos sinalados no punto anterior (anexos II e III) e sempre que non se tivesen remitido telematicamente a través da plataforma informática, deberá presentarse a documentación que se relaciona a seguir:

• Copia do DNI ou documento equivalente, no caso de lle denegar expresamente á ACSUG a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

• Documentación acreditativa dos cargos desempeñados:

– Cargos desempeñados nas universidades pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia: só no caso de lle denegar expresamente á ACSUG a súa consulta ás correspondentes universidades.

– Cargos desempeñados no resto de institucións: deberá achegarse a súa documentación xustificativa: certificado oficial emitido pola secretaría xeral da correspondente universidade ou órgano equivalente ou, de ser o caso, fotocopia dos boletíns ou diarios oficiais en que consten respectivamente o nomeamento e o cesamento.

• Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

4. Os anexos II e III e, de ser o caso, a documentación complementaria sinalada no número 3 presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia https:/sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou enderezo electrónico 012@xunta.gal

Quinta. Modelos normalizados

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Sexta. Consentimentos e autorizacións

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Sétima. Notificacións

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e os actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Dado que a notificación por medios electrónicos neste caso é de carácter obrigatorio, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, procederase a efectuar a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitava. Prazo

O prazo para presentar as instancias en que se solicite a asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Admisión a trámite e emenda das solicitudes

1. A ACSUG comprobará que as solicitudes presentadas en prazo cumpran cos requisitos establecidos pola Orde do 16 de outubro de 2006 e demais normativa de aplicación, necesarios para admitilas a trámite.

2. Será imprescindible presentar a seguinte documentación:

– Modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo II.

– DNI ou equivalente (no caso de non prestar autorización á ACSUG para consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade antes sinalada).

– Relación de cargos desempeñados ata o 31 de decembro de 2015 (anexo III).

3. Cando ás solicitudes presentadas en prazo non se xunten os documentos exixidos no parágrafo anterior, ou non reúnan os requisitos exixidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administro común das administracións públicas, requirirase a persoa interesada para que proceda á súa emenda de conformidade co disposto no artigo 68 da citada norma. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

4. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as correspondentes avaliacións faranse con base na documentación acreditativa dos cargos desempeñados que achegase a persoa interesada ata ese momento e nas certificacións posteriores emitidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia por solicitude da ACSUG.

Décima. Procedemento

1. O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e de recoñecemento polos cargos de xestión.

2. No suposto de que algún dos cargos desempeñados e alegados polos solicitantes non estivese incluído no anexo I desta resolución, a CGIACA será a encargada de decidir sobre a súa inclusión e valoración.

Décimo primeira. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA seranlle notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 13 de abril). Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados, cando resulten positivos, seranlles notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que procedan, se é o caso, por parte dos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo segunda. Recurso

1. Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou seren impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma aplicación informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberá imprimirse, asinarse e presentarse en calquera dos rexistros na forma establecida na base cuarta.

Décimo terceira. Efectos económicos

Cando, de conformidade co disposto na base décimo primeira, se proceda á asignación dos referidos complementos polas universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2016 e nas cantidades establecidas na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Décimo cuarta. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación, nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Complementos retributivos», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a ACSUG, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a acsug@acsug.es

Décimo quinta. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2016

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO I
Cargo académico* e equivalencias exclusivamente para os efectos
deste complemento

Cargo académico

Puntos/ano

Reitor/a

1,00

Conselleiro/a competente en materia de universidades

1,00

Vicerreitor/a, adxunto/a ao reitor/a

0,80

Director/a xeral ou equivalente en materia de universidades

0,80

Secretario/a xeral

0,80

Valedor/a universitario/a, presidente/a da comisión/tribunal de garantías

0,80

Representante/delegado/a na CIUG

0,80

Director/a ACSUG

0,80

Presidente/a ou vogal da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación**

0,80

Presidente/a da ACSUG

0,80

Decano/a e director/a de facultade/escola

0,50

Vogal do Consello de Dirección da ACSUG

0,50

Adxunto/a a Secretaría Xeral/vicesecretario/a xeral

0,40

Adxunto/a ao vicerreitor/a, vicerreitor/a adxunto/a e comisionado/a, director/a de área/director/a UTC

0,40

Director/a do centro de posgrao ou escolas de doutoramento

0,40

Director/a departamento

0,40

Vicedecano/a, subdirector/a de facultade/escola

0,30

Director/a de instituto universitario

0,30

Secretario/a de facultade/escola

0,30

Presidente/a ou secretario/a do tribunal único das PAAU

0,30

Secretario/a de departamento

0,25

Director/a do Centro de Linguas

0,20

Director/a de centros propios ou adscritos docentes, Escola de Práctica Xurídica, Estación Biolóxica, Observatorio Astronómico

0,15

Director/a IV ciclo, Universidade Sénior

0,15

Presidente/a da comisión de doutoramento, posgrao

0,15

Presidente/a ou secretario/a das comisións delegadas das PAUU/director/a de grupo de traballo da CIUG

0,15

Secretario/a de instituto universitario

0,15

* As equivalencias dos cargos desempeñados nas administracións públicas autonómica, estatal ou europeas a que se refire o artigo 6.4.1 do Decreto 54/2004, do 4 de marzo, que regula os presentes complementos, serán decididas pola CGIACA individualmente, tendo en conta a relevancia do cargo e a súa relación coa xestión da educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

** En exercicio das funcións establecidas nos artigos 22 e seguintes dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), aprobado por Resolución do 10 de decembro de 2008 (DOG do 20 de xaneiro de 2009).

missing image file
missing image file
missing image file