Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2016 Páx. 53490

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2016 pola que se modifica o artigo 21 da Resolución do 10 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, para o ano 2016-2017, para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión, mobilidade alternativa e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industrial e de servizos, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A Resolución do 10 de agosto de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 171, do 8 de setembro, establece as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión, mobilidade alternativa e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industrial e servizos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016-2017.

De acordo co disposto no artigo 21.1 das bases reguladoras, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2017. En todo caso e, como mínimo, deberá presentar antes do 1 de decembro de 2016 o proxecto técnico de execución asinado por un técnico competente ou un contrato en que se detallen as actuacións proxectadas.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se dispón que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas, debido á demora na tramitación da convocatoria de axudas e como consecuencia disto, da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, prodúcese un atraso en todos os prazos previstos polo Inega para a tramitación deste procedemento, tanto para a presentación como para a emenda das solicitudes, o que imposibilita que se poida ditar resolución de concesión antes do 1 de decembro de 2016, data límite establecida nas bases reguladoras para presentar o proxecto técnico de execución asinado por un técnico competente ou un contrato en que se detallen as actuacións proxectadas, polo que é necesario ampliar este prazo ata o 30 de decembro de 2016 e que así poida ditar o director do Inega resolución de concesión das axudas e comunicala aos beneficiarios.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o artigo 21.1 das bases reguladoras, no que se refire á data de execución da instalación, que queda coa seguinte redacción:

«1. (...). En todo caso e, como mínimo, deberá presentar antes do 30 de decembro de 2016 o proxecto técnico de execución asinado por un técnico competente ou un contrato en que se detallen as actuacións proxectadas».

Segundo. Mantéñense vixentes todos os artigos da Resolución do 10 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión, mobilidade alternativa e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industrial e de servizos para o ano 2016-2017.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na página web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A eficacia desta resolución producirase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o presente acordo non é susceptible de recurso, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia