Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 29 de novembro de 2016 Páx. 52929

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 25 de novembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade.

No Diario Oficial de Galicia núm. 53, do xoves 17 de marzo de 2016, publicouse a Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

No artigo 16 punto 2, no seu punto primeiro establécese que «2. A persoa beneficiaria deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto da axuda no prazo sinalado no proxecto de intervención; non obstante o anterior, a persoa beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación por circunstancias debidamente acreditadas que, en ningún caso, poderá exceder o 30 de novembro de 2016».

Diversas dificultades na tramitación do procedemento, a tardía data de publicación da convocatoria e o prazo de presentación de solicitudes de dous meses determinou que a fase de instrución e a resolución dos expedientes finalizase máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria, é necesario modificar o prazo de xustificación inicialmente establecido.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade

O ordinal primeiro do punto 2 do artigo 16 queda redactado como segue:

«2. A persoa beneficiaria deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto da axuda no prazo sinalado no proxecto de intervención; non obstante o anterior, a persoa beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación por circunstancias debidamente acreditadas que, en ningún caso, poderá exceder o 10 de decembro de 2016».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social