Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 29 de novembro de 2016 Páx. 52978

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Aguas de las Cuencas de España, S.A. (Acuaes) as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica consistente na LAT 132 kV de alimentación da subestación da estación depuradora de augas residuais de Lagares desde a subestación Balaídos Zona Franca, situada no termo municipal de Vigo (expediente IN407A 2015/162-4).

Despois de examinar o expediente instruído a pedimento da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (Acuaes), con enderezo para os efectos de notificación na rúa Colón, 21, 3º, 36201 Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 3.9.2015 a sociedade estatal Acuaes presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción da subestación EDAR Lagares e da súa liña eléctrica de alimentación desde a subestación Balaídos Zona Franca, situadas no termo municipal de Vigo (Pontevedra), acompañada do proxecto de execución e das autorizacións dos organismos afectados.

A infraestrutura eléctrica proxectada para procurar a subministración eléctrica da EDAR de Lagares inclúe non só as dúas actuacións promovidas por Acuaes (subestación EDAR de Lagares e a súa liña eléctrica de alimentación desde a subestación Balaídos Zona Franca), senón tamén dúas actuacións promovidas pola empresa distribuidora da zona (Unión Fenosa Distribución, S.A.): LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios/Balaídos e subestación eléctrica de 132 kV Balaídos Zona Franca.

O proxecto de execución presentado inclúe o conxunto de actuacións (as promovidas tanto por Acuaes como por Unión Fenosa Distribución, S.A.), leva por título Acometida eléctrica e subestación da EDAR de Lagares (Vigo), está asinado polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado nº 1.151 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado co nº 20150273 e data 5.2.2015.

A dita solicitude acompáñase das autorizacións dos organismos afectados pola liña eléctrica de alimentación da EDAR de Lagares (Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Vigo).

Segundo. A xefatura territorial iniciou a tramitación do procedemento de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para a instalación eléctrica correspondente á liña eléctrica de alimentación da EDAR de Lagares desde a subestación Balaídos Zona Franca, baixo o número de expediente IN407A 2015/162-4.

Esta instalación eléctrica, situada no termo municipal de Vigo, consiste nunha liña eléctrica de alta tensión (LAT) subterránea a 132 kV, con condutor LA-240+H1209, de 2.800 m de lonxitude, con orixe nunha cela de liña da subestación Balaídos Zona Franca (propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A.) e final na subestación da EDAR de Lagares (propiedade de Acuaes).

O 11.9.2015 a Xefatura Territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da instalación eléctrica descrita no parágrafo anterior, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23 de outubro e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 6 de outubro de 2015.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. O 15.3.2015 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado Acometida eléctrica e subestación da EDAR de Lagares (Vigo), no concernente á LAT de alimentación da EDAR de Lagares desde a subestación Balaídos Zona Franca e no que atinxe aos requisitos técnicos para a súa execución.

Cuarto. O 29.3.2016 a Xefatura Territorial trasladou a esta dirección xeral unha copia do expediente de referencia (IN407A 2015/162-4), para os efectos da súa resolución.

Quinto. Posteriormente, achegouse a esta dirección xeral a declaración responsable, asinada polo proxectista con data do 19.5.2016, na cal se fai constar que o proxecto de referencia cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e da Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar á sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (Acuaes) a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica consistente na LAT 132 kV de alimentación da subestación da EDAR de Lagares desde a subestación Balaídos Zona Franca, situada no termo municipal de Vigo (Pontevedra).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, (Acuaes), denominado Acometida eléctrica e subestación da EDAR de Lagares (Vigo), asinado polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado nº 1.151 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado co nº 20150273 e data 5.2.2015.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como as demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deben comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. Canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura eléctrica autorizada e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta resolución por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións obxecto dela.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas