Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 25 de novembro de 2016 Páx. 52651

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 23 de novembro de 2016 pola que se regulan as operacións de peche do exercicio de 2016 e de apertura do exercicio 2017.

O artigo 47 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e que a el se lle imputarán os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.

Na presente orde regúlanse os prazos e os procedementos para a realización das operacións contables de peche da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos do ano 2016.

Regúlanse tamén os procedementos e os prazos para a realización das operacións contables propias da apertura da contabilidade do ano 2017.

Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1.1. Esta orde será de aplicación:

a) Á Administración xeral da Xunta de Galicia.

b) Aos organismos autónomos.

c) Ás axencias públicas autonómicas.

d) A aquelas outras entidades que con carácter específico determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

1.2. O resto de entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde e a formar e remitir as súas contas anuais nos termos regulados no artigo 18 desta orde.

1.3. As entidades que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, formen parte do sector administracións públicas e que non figuren incluídas entre as entidades a que se refiren os puntos 1.1 e 1.2 están obrigadas a remitir á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a información da liquidación provisional das súas contas nos termos regulados no artigo 16 desta orde.

Artigo 2. Sinalamento de haberes no mes de decembro

2.1. As nóminas elaboradas polo Cixtec para a percepción de haberes do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 15 do dito mes e remitiranse o día 19 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e á tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 21 do mesmo mes; para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 6 de decembro.

2.2. Os haberes correspondentes ao mes de decembro satisfaranse a partir do día 22 do mesmo mes.

Artigo 3. Modificacións orzamentarias

3.1. Os expedientes de modificacións orzamentarias que afecten o orzamento de 2016 terán como data límite de entrada na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos o día 25 de novembro de 2016.

3.2. O prazo previsto no punto anterior deste artigo non será aplicable nas modificacións que afecten créditos do capítulo I «Gastos de persoal» e as seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

3.3. Os expedientes de modificacións orzamentarias deberán estar completos. En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.

Artigo 4. Recepción e tramitación de documentos contables

4.1. Os documentos contables, relativos aos capítulos II e IV, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 25 de novembro: documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD de exercicios correntes e futuros.

b) O día 30 de decembro: resto de documentos contables.

Excepcionalmente naquelas obrigas de capítulo II e IV xeradas polo cumprimento de prestacións ou servizos continuados e de devindicación periódica nas cales non sexa posible a determinación exacta do seu importe antes do 31 de decembro e co obxecto da súa correcta imputación ao exercicio 2016, admitirase a entrada dos documentos contables OK nas intervencións con data límite do 9 de xaneiro do 2017, e deberán estar contabilizados con data límite do 13 de xaneiro de 2017.

4.2. Os documentos contables, relativos aos capítulos VI e VII, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 25 de novembro: documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D, documentos AD de exercicios correntes e futuros e documentos DOK e ADOK.

b) O día 2 de decembro os documentos ADOK de capítulo VI para tramitar aquelas facturas que estean rexistradas no Sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia (SEF) con data do 25 de novembro.

c) O día 30 de decembro: resto de documentos contables.

4.3. Quedarán exceptuados do disposto nos puntos anteriores:

a) Os gastos que correspondan a expedientes que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais.

b) As achegas financiadas con cargo ao capítulo IV previstas no Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia.

c) Os expedientes de gasto con cargo ás partidas correspondentes á dependencia, renda de integración, pensións non contributivas e axudas de emerxencia social. Inclúense neste punto as transferencias a corporacións locais en materia de dependencia.

d) Os expedientes de gasto correspondentes a comedores escolares, transporte escolar, gastos de funcionamento dos centros e subvencións a centros concertados. Cando estes expedientes sexan tramitados mediante pagamentos a xustificar, tampouco lles será de aplicación a limitación que establece o artigo 8.1 desta orde.

e) Os expedientes correspondentes a farmacia hospitalaria e receitas médicas.

f) Os expedientes de gasto correspondentes á asistencia xurídica gratuíta.

g) Os expedientes de gasto correspondentes a prórrogas de contratos.

h) Os expedientes financiados polo Feaga.

i) Os documentos RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD con cargo aos créditos do capítulo IV financiados por transferencias finalistas do Estado.

j) Os documentos contables necesarios para reaxustar as anualidades dando cumprimento ao disposto no número 1 do artigo 11 desta orde.

k) Os documentos contables negativos.

l) Os gastos correspondentes ás seccións 01, 02 e 21 do orzamento de gastos.

m) Os documentos contables ADOK de capítulo VI que fosen autorizados previamente pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Esta autorización deberá realizarse necesariamente con carácter previo á aprobación do gasto de todos os expedientes, incluídos aqueles a que se refire o artigo 97.1.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais para estes expedientes será o 30 de decembro.

4.4. Os documentos contables relativos aos capítulos III, VIII e IX e os do capítulo I non incluídos no artigo 2 desta orde, terán como data límite de entrada o 30 de decembro.

4.5. Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada terán como data límite de entrada o 16 de decembro.

4.6. Nos organismos autónomos e nas axencias autonómicas non sometidos a función interventora, as datas a que fan referencia os puntos anteriores entenderanse referidas ao momento da contabilización dos expedientes pola oficina contable da dita entidade.

Artigo 5. Xustificación das operacións

5.1. Os documentos e expedientes a que se refire o artigo 4 deberán remitirse ás intervencións acompañados da totalidade da documentación que preceptúe a normativa que hai que aplicar en cada caso e que acredite a necesidade de contabilizar a operación con cargo ao orzamento do ano 2016.

No suposto de remisión de documentos contables que incumpran o anteriormente sinalado, a intervención delegada procederá á súa devolución ao órgano xestor sen contabilizar e absteranse de contabilizalos no caso de que volvesen ter entrada unha vez transcorrida a data límite establecida.

As intervencións delegadas e territoriais velarán moi especialmente polo cumprimento desta norma.

5.2. En particular, aplicaranse as seguintes normas:

a) Nos expedientes plurianuais de contratos de obras, servizos e subministracións, e de subvencións e convenios, a intervención comprobará que a imputación ao exercicio 2016 a realice a parte que proceda, segundo o programa de traballo ou o plan de investimentos.

b) Aboamentos á conta por operacións preparatorias dos contratos: serán excepcionais, e requirirán autorización da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, os aboamentos de anticipos ás empresas adxudicatarias dos contratos; o órgano de contratación deberá xustificar a súa necesidade de acordo co programa de execución do investimento.

Artigo 6. Actos de recepción

Para os efectos de realizar as comprobacións materiais de aplicación dos fondos públicos en datas compatibles co peche do exercicio contable, as solicitudes de designación de representante deberán recibirse na Intervención antes do 9 de decembro de 2016.

Artigo 7. Tramitación conxunta de obrigas recoñecidas e propostas de pagamento

A tramitación de expedientes que impliquen o recoñecemento de obrigas realizarase conxuntamente coa correspondente proposta de pagamento. Os interventores delegados e territoriais velarán especialmente polo cumprimento deste artigo.

Artigo 8. Pagamentos que hai que xustificar

8.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais dos documentos con fase OK a xustificar será o 2 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas e territoriais os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o día 9 de decembro.

8.2. As cantidades libradas a xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas no 2016, e deberanse reintegrar ao Tesouro da Comunidade Autónoma os importes non aplicados e presentar as contas xustificativas e os documentos contables de formalización antes do día 13 de xaneiro de 2017.

Artigo 9. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro

9.1. O último día do exercicio 2016 en que a Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá satisfacer pagamentos será o 31 de decembro.

9.2. Ata que as intervencións delegadas e territoriais deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2016, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.

9.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2017.

Artigo 10. Ingresos procedentes de dereitos liquidados

Os órganos xestores con competencia en materia de ingresos velarán especialmente por que o día 13 de xaneiro estean realizadas todas as actuacións necesarias para a imputación ao exercicio 2016 dos dereitos e recadación que corresponda. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma coidará moi especialmente do cumprimento do disposto no artigo 80 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que respecta aos dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do peche do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realizar o ingreso en período voluntario exceda o 31 de decembro.

Artigo 11. Operacións de fin de exercicio

11.1. Con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores anularán os saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.

11.2. Unha vez realizadas estas operacións, os centros xestores remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o anexo que figura ao final desta orde, no cal se comunicará a finalización da tramitación de operación do exercicio 2016 e a autorización para a anulación dos saldos existentes nas fases A e RC.

11.3. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

11.4. Como consecuencia do anterior, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias do ano 2016, dos saldos de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes. Estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

11.5. Así mesmo, e con anterioridade ao peche do exercicio, os centros xestores procederán a anular os saldos en fase A e RC da agrupación de exercicios futuros que, de acordo coa normativa de aplicación, non deban manter a súa vixencia no ano 2017.

Artigo 12. Relación de acredores orzamentarios

Co obxecto de que á fin do exercicio queden regularizados os saldos de obrigas de exercicios pechados, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá aos distintos centros xestores do orzamento de gastos a relación de acredores.

Os centros xestores xustificarán, antes do día 13 de xaneiro de 2017, aqueles saldos que se correspondan coa existencia dunha obriga real. En caso de que non quede acreditada a dita circunstancia, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá dar de baixa en conta estes saldos.

Artigo 13. Propostas de pagamento pendentes de realización

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, e indicará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 13 de xaneiro de 2017, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.

Artigo 14. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios

As intervencións delegadas e territoriais e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables pendentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.

Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.

Artigo 15. Relación de gastos non imputados ao orzamento do exercicio 2016

Unha vez finalizadas as operacións recollidas nos números 1, 2 e 3 do artigo 11, os centros xestores comunicarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 13 de xaneiro, as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2016 con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.

A Intervención Xeral poderá obter de oficio do Sistema electrónico de facturación a información das obrigas a que se refire o parágrafo anterior e que estean soportadas en facturas.

Artigo 16. Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público

As entidades previstas nos números 1.2 e 1.3 do artigo 1 desta orde remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 17 de xaneiro, a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo Consello de Política Fiscal e Financeira.

Artigo 17. Contabilidade financeira

A información derivada da contabilidade financeira deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao peche do exercicio de 2016, como de 2015.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100, «Patrimonio».

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase con carácter xeral o 2 % para inmobles e o 10 % para o restante inmobilizado amortizable.

Artigo 18. Elaboración e remisión das contas anuais

Todas as entidades incluídas nos números 1.1 e 1.2 do artigo 1 desta orde deberán formular as súas contas antes do 31 de marzo de 2017. As contas deberán ser postas á disposición dos auditores antes do 1 de abril de 2017.

Unha vez aprobadas polo órgano competente, as contas serán remitidas á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma antes do 30 de xuño de 2017 para os efectos da súa incorporación á conta xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 19. Peche do exercicio 2016

Sen prexuízo do disposto en normas especiais contidas na presente orde, o día 13 de xaneiro de 2017 pecharase a contabilidade do exercicio de 2016.

Artigo 20. Apertura do exercicio 2017

20.1. Antes do 2 de decembro de 2016 a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos deberá elevar á persoa titular da Consellería de Facenda a proposta dos criterios que se aplicarán na incorporación automática de remanentes de crédito, de conformidade co disposto na Orde de 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores.

20.2. Unha vez presentado o proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2017, e antes da súa entrada en vigor, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos remitirá á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma un informe sobre os criterios seguidos, se é o caso, para a transformación dos códigos de aplicación e de proxecto entre os exercicios 2016 e 2017, indicando cando corresponda os códigos de aplicación e proxecto do orzamento do 2017 que son continuidade dos utilizados no exercicio 2016.

20.3. A contabilidade do exercicio 2017 ábrese o día 1 de xaneiro de 2017.

A Subdirección Xeral de Contabilidade contabilizará de oficio os créditos orzamentarios que deriven da prórroga do orzamento de 2016 e os límites de gasto con cargo a exercicios futuros, seguindo os criterios definidos pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Calquera modificación dos límites de gasto con cargo a exercicios futuros instrumentarase a través da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos. Tras as oportunas verificacións, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos remitirá os documentos contables debidamente cubertos á Subdirección Xeral de Contabilidade que procederá á súa contabilización.

Os documentos contables de expedientes tramitados en réxime de tramitación anticipada que non fosen contabilizados en data 30 de decembro serán devoltos ao xestor para os efectos da súa substitución por documentos contables do exercicio 2017. Todos os actos realizados conservarán a súa vixencia nos termos recollidos na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 21. Traspaso de saldos

21.1. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos en exercicios anteriores.

Unha vez pechado o exercicio de 2016, procederase á imputación ao exercicio 2017 dos compromisos firmes de gasto adquiridos en exercicios anteriores e que non alcanzasen a fase de obriga recoñecida.

21.2. Traspaso de compromisos firmes de gasto contraídos con cargo a exercicios futuros.

No caso de compromisos firmes de gastos plurianuais traspasarase sempre de forma conxunta a parte que afecta o exercicio 2017 e a que afecta exercicios futuros.

21.3. Traspaso de actuacións realizadas en réxime de tramitación anticipada.

Unha vez realizado o traspaso dos compromisos de gasto a que se refiren os puntos 21.1 e 21.2 desta orde, realizarase a imputación das actuacións e documentos contables tramitados no ano 2016 ao amparo da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Non obstante, naqueles casos en que quede debidamente asegurada a existencia de crédito adecuado e suficiente para realizar o traspaso dos compromisos firmes de gasto a que se refiren os números 21.1 y 21.2 desta orde, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a través das intervencións delegadas, poderá realizar de oficio ou por petición do órgano xestor correspondente a imputación ao ano 2017 das actuacións realizadas en tramitación anticipada sen esperar ao traspaso definitivo dos compromisos firmes de gasto.

21.4. Instrucións para o traspaso.

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá ditar as instrucións precisas para garantir unha correcta contabilización das operacións de traspaso previstas neste artigo.

Artigo 22. Tramitación de expedientes con cargo ao orzamento de 2017

Mentres non estea garantido o financiamento suficiente para a imputación dos compromisos firmes adquiridos en exercicios anteriores e das actuacións realizadas en tramitación anticipada non se poderán tramitar expedientes de gasto con cargo ao exercicio 2017.

Non obstante, en casos de urxente e inaprazable necesidade, debidamente xustificada, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a través das intervencións delegadas, poderá autorizar a tramitación de expedientes novos de gasto con cargo ao orzamento do ano 2017 con anterioridade á finalización das operacións de traspaso dos expedientes procedentes de exercicios anteriores.

Cando un órgano xestor solicite a autorización a que se refire este artigo, deberá xuntar á solicitude unha certificación acreditativa da existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2017 para financiar tanto o novo expediente como aqueles expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar.

Os interventores delegados, tras verificar que o crédito do exercicio 2017 é suficiente para o financiamento de todos os expedientes derivados do traspaso que estean pendentes de contabilizar, autorizarán a tramitación do expediente sen prexuízo dos posibles reparos que por outros motivos se poidan formular nel.

Artigo 23. Celeridade nas actuacións

Os órganos xestores tramitarán no menor tempo posible as actuacións necesarias para garantir a correcta imputación e contabilización de todos os saldos contables e operacións afectados por esta orde.

Disposición adicional única

Logo de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos no caso das modificacións orzamentarias e, para o resto dos casos, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderán autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado, na cal se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

1. Ponse en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma que a... concluíu coa tramitación de todos os expedientes con imputación aos orzamentos de 2016.

2. Quedan sen efecto as autorizacións de gasto que non acadaron a fase de compromiso.

3. Así mesmo, infórmase que os créditos que figuran como retidos, pendentes de utilización (fase RC) non van ser utilizados no exercicio, polo que se pode proceder á súa anulación.

Santiago de Compostela, ... de... de 2017

O/a director/a xeral. O/a secretario/a xeral