Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 16 de novembro de 2016 Páx. 51322

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ourense

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de dotacións para equipamento relixioso en solo rústico en Vilar de Astrés (expediente planeamento urbanístico 2013001249).

Anúnciase que o Concello Pleno, en sesión ordinaria do día 5 de agosto de 2016, adoptou, entre outros, o seguinte acordo, cuxa parte dispositiva di:

«O Pleno do Concello, por dez votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular e dezasete abstencións dos grupos municipais de Democracia Ourensana, PSdeG-PSOE e Ourense en Común, adoptou o seguinte acordo:

1º. Aprobar definitivamente o Plan especial de dotacións para equipamento relixioso en solo rústico en Vilar de Astrés (ao carón da estrada provincial OU-0526 Vilar-Madrosende), por instancia da congregación Hermanas Pobres de Santa Clara (R.R. Clarisas Reparadoras).

2º. Comunicar a aprobación definitiva á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, dándolle traslado dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan aprobado definitivamente, debidamente dilixenciados polo secretario xeral do Pleno do Concello, facendo constar tal aspecto.

Réxime de recursos.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa e aproba definitivamente unha disposición de carácter xeral, só poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a aquel en que reciba a presente notificación ou ben no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda desestimado por silencio o recurso de reposición que se indica no seguinte parágrafo, se fose interposto, conforme o establecido nos artigos 50 do Real decreto lexislativo 2/2008; 52 da Lei reguladora das bases de réxime local; 194, 209 e concordantes do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais; 58 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como os artigos 8, 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, poderá interporse recurso de reposición, con carácter potestativo, fundamentado exclusivamente en cuestións formais de procedemento administrativo referidas ao presente expediente, no prazo dun mes ante o mesmo órgano que o ditou, conforme o establecido nos artigos 52 da Lei reguladora das bases de réxime local; 194, 209 e concordantes do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e 58 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Con data do 9 de setembro de 2016, recibiu o expediente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Ourense, 9 de setembro de 2016

Jesús Vázquez Abad
Alcalde presidente