Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 14 de novembro de 2016 Páx. 50284

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan de sectorización do solo urbanizable non programado número 25 (SUNP-25), Roxos.

A Xunta de Goberno da cidade de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 26 de xuño de 2015, aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan de sectorización do SUNP-25 (Roxos), promovida pola Xunta de Compensación do citado polígono, segundo o proxecto presentado o día 22 de maio de 2015.

Co obxecto de dar cumprimento ao exixido polo artigo 10.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, requiriuse da Xunta de Compensación diversa documentación relativa ás parcelas afectadas pola modificación.

Á vista da documentación presentada, a Xunta de Goberno da cidade de Santiago de Compostela, na súa sesión que tivo lugar o día 22 de abril de 2016, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar o documento refundido da modificación puntual do Plan de sectorización do SUNP-25 (Roxos), presentado con data do 21 de marzo de 2016 pola Xunta de Compensación do SUNP-25, en Roxos, no que se integra a relación das parcelas e propietarios catastrais afectados pola modificación proposta.

Segundo. Ao abeiro do previsto polo apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, continuar a tramitación do expediente segundo o procedemento regulado polo artigo 75 da nova lei.

En consecuencia, e de conformidade co que dispón o artigo 75.1.a) da LSG, o expediente someterase a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que para o efecto se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. Así mesmo, practicarase notificación persoal aos propietarios das parcelas afectadas segundo figuran no catastro, e publicarase edicto no Boletín Oficial del Estado para os efectos de que sirva de notificación a aqueles propietarios que non puideran ser citados persoalmente, segundo prevé o artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación sometida a información pública incluirá o documento inicialmente aprobado e o refundido presentado o 21 de marzo de 2016, así como o resumo executivo exixido polo artigo 25.3 do Real decreto lexislativo 7/2015.

Tamén se incluirá o documento de inicio remitido ao órgano ambiental, presentado polo promotor con data do 7 de novembro de 2014, e a decisión sobre a non necesidade de sometemento a avaliación ambiental estratéxica.

Así mesmo, e para os efectos do disposto polo artigo 25.3 do Real decreto lexislativo 7/2015, que substitúe o antigo artigo 10.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, na documentación sometida a información pública, incluirase un resumo executivo co seguinte teor:

1. A modificación afecta a redacción das ordenanzas H, R1 e R2 do vixente Plan de sectorización do SUNP-25 (Roxos) aprobado definitivamente o 19 de maio de 2006, e cuxa regulación se contén nos artigos 15, 12 e 13 da normativa publicada no Boletín Oficial da provincia do día 24 de xullo de 2006.

2. As parcelas afectadas pola modificación figuran identificadas coa súa referencia catastral e localización no documento presentado o 21 de marzo de 2016 (plano C.01).

3. No ámbito da ordenanza H, parcela catastral 2077706NH3427E0000BQ, o obxecto da modificación é ampliar os usos autorizados polo artigo 15 da normativa vixente do Plan de sectorización, no senso de permitir, ademais do hoteleiro, os seguintes usos dotacionais, de titularidade pública ou privada: asistencial, sanitario, docente, sociocultural, deportivo, relixioso e institucional-administrativo. Así mesmo, incorpórase a ordenación resultante do estudo de detalle aprobado polo Concello o 26 de novembro de 2009, que poderá ser adaptado ou revisado a través dun novo estudo de detalle segundo a normativa de aplicación.

4. No ámbito das restantes parcelas afectadas, ordenanzas de vivenda unifamiliar R1 e R2, modifícanse as condicións de proxecto reguladas nos artigos 12 e 13 da normativa co fin de permitir a redacción dun estudo de detalle que asegure a coherencia e integración do conxunto, con carácter alternativo ou opcional á aprobación dun proxecto único de edificación de cada unha das illas definidas no Plan.

5. Dado o contido e alcance da modificación proposta, a súa aprobación inicial non impide o outorgamento das licenzas que resulten conformes coas determinacións do planeamento vixente (Plan de sectorización e estudo de detalle).

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente no Servizo de Planeamento e Xestión e formular as alegacións que xulguen oportunas. Na páxina web do Concello www.santiagodecompostela.gal poderase consultar a documentación sometida a información pública.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2016

O alcalde
P.D. (DEC/3997/2015, do 18 de xuño)
Jorge Duarte Vázquez
Concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade