Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 14 de novembro de 2016 Páx. 50177

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se suprimen os postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional nos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras e se crea e clasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no Concello de Oza-Cesuras.

Os municipios de Cesuras e Oza dos Ríos culminaron un pioneiro procedemento de fusión para constituírse nun único municipio que deu lugar á aprobación do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Oza dos Ríos e Cesuras e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras.

Como consecuencia da fusión, procédese á integración dos territorios, poboacións e organización dos municipios, incluíndo os medios persoais, materiais e económicos do municipio fusionado. Para estes efectos, adecúanse as estruturas organizativas de persoal e de recursos resultantes para a súa nova situación. Así, o novo municipio Oza-Cesuras solicita o 29 de setembro de 2016 a creación e clasificación do posto reservado a funcionarios con habilitación de carácter nacional como secretaría de clase terceira.

O réxime xurídico aplicable aos postos reservados aos funcionarios con habilitación de carácter nacional recóllese no artigo 92 bis 4 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, que dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos reservados aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

Ante a ausencia do desenvolvemento regulamentario, a disposición transitoria sétima da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, sinala que mentres non entre en vigor o regulamento previsto no artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, e non se opoña ao disposto nesta lei, mantén a súa vixencia a normativa regulamentaria referida aos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación do devandito artigo.

O Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, non regula de xeito expreso a situación en que se atopan os funcionarios con habilitación nacional cando se produce un proceso de fusión voluntaria de municipios, ben que se aplica por analoxía o suposto de agrupación de municipios para o sostemento en común do posto de secretario da disposición adicional segunda, a cal dispón o que segue: «Se no momento de aprobación do expediente de agrupación estivesen cubertos con carácter definitivo dous ou máis postos reservados nas entidades agrupadas, a provisión do posto ou postos resultantes efectuarase, de acordo co estipulado nos estatutos da agrupación, a favor dalgún deles, con respecto, en calquera caso, aos principios de mérito e capacidade. O funcionario que, como consecuencia do previsto no parágrafo anterior, cesase no seu posto de traballo, continuará percibindo, mentres non se lle atribúe outro posto e durante o prazo máximo de tres meses, as retribucións básicas e complementarias correspondentes ao suprimido. Os postos resultantes da constitución ou disolución de agrupacións serán clasificados polos órganos competentes das comunidades autónomas conforme o disposto no artigo 2».

O Concello de Cesuras contaba cun posto de secretaría-intervención cuberto de xeito definitivo, mentres que o Concello de Oza dos Ríos tiña vacante o seu posto de secretaría-intervención, provisto de xeito temporal a través dunha comisión de servizos.

Por todo isto, en aplicación do establecido nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado por Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15 da Lei de emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e coa Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias, corresponde á Dirección Xeral de Administración Local a sinatura da presente resolución, ben que, ao estar vacante en aplicación da normativa organizativa, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLVE:

Primeiro. Suprimir os postos de traballo dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras, reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de secretaría-intervención e sen categoría, de conformidade co anexo I.

Segundo. Crear e clasificar o posto de traballo do novo municipio de Oza-Cesuras nun posto de traballo de secretaría-intervención, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de secretaría-intervención, sen categoría, como se especifica no anexo II desta resolución coa correspondente adxudicación.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes, contados desde a súa publicación, ou poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2016

O director xeral de Administración Local
P.S. (Artigo 7.e) da Orde 14.5.2013, DOG núm. 92, do 15 de maio)
A secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
P.D. (Resolución 7.10.2016)
Nicolás Vázquez Iglesias
Vicesecretario xeral da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Relación de postos de traballo que se suprimen:

Concello de Oza dos Ríos

Secretaría-intervención

Concello de Cesuras

Secretaría-intervención

ANEXO II

Relación de postos de habilitados de nova creación no Concello de Oza-Cesuras e funcionarios a que se adxudican:

Secretaría-intervención

José Carmelo Sánchez-Presedo