Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Xoves, 10 de novembro de 2016 Páx. 49926

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 27 de outubro de 2016 pola que se regula a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para o ano 2017.

O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, aprobada polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, atribúen á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 8 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, indica que se deberán establecer os períodos hábiles de pesca para as distintas especies e demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia, e adoptará as medidas excepcionais e os réximes especiais que se consideren pertinentes.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa especial para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca fluvial de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establece, no seu artigo 88, os obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, con excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2017.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta norma é a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Ulla durante o ano 2017.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde son as pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla, detalladas no anexo I.

Artigo 3. Limitacións á pesca

1. A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións que a seguir se indican:

a) Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na denominada «vea».

b) Deberán empregarse redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

c) Serán devoltos ás augas ou entregados aos axentes que o soliciten todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

d) En todo momento deberán colaborar co persoal do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, seguindo as súas instrucións.

2. Estas limitacións obrigan a todas as persoas autorizadas, sexan ou non titulares das pesqueiras.

Artigo 4. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será:

a) Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do día 2 de xaneiro ao 25 de marzo.

b) No tramo comprendido desde a pesqueira das Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 30 de xaneiro ao 22 de abril.

c) No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis), todas incluídas, do 6 de febreiro ata o 6 de maio.

O mesmo día que remate o período autorizado retiraranse as artes de pesca.

2. As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 horas ata as 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca (deberán levantarse as redes das pesqueiras) desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. Co obxecto de autorizar a actividade nas pesqueiras, as persoas titulares destas presentarán a súa solicitude polos procedementos que seguen:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar ás persoas interesadas a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE só no caso de denegar expresamente a consulta dos datos de identidade a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) As persoas titulares que presentan a solicitude por primeira vez, documento que acredite a titularidade das pesqueiras.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria poderá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións informativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio/Secretaría Xeral Técnica. San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.gal

Artigo 6. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

2. O prazo máximo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución que se dite pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, seguindo os artigos 112.1, 123 e 124 da Lei 39/2015, recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación ou directamente, segundo o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación.

Artigo 7. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público, salvo que estean obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI/NIE durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregarase un libro de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e estar sempre á disposición do persoal do Servizo de Conservación da Natureza. Unha vez rematada a temporada, deberá ser entregado no prazo de 15 días. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar a permisos da próxima temporada.

No caso de que traballe a pesqueira unha persoa distinta da titular, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar no Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra que está autorizado pola persoa titular.

Artigo 9. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

Polo uso indebido da pesqueira responderá a persoa titular desta. Se nun mesmo posto hai varias persoas titulares, responderán solidariamente.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.

Disposición transitoria única

Para os efectos do establecido no artigo 8 desta orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e en tanto non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla expedirase a licenza das clases A ou B, segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira en que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no anexo I desta orde.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por proposta do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file