Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 2 de novembro de 2016 Páx. 48524

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 145/2016).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 145/2016 deste xulgado do social, seguido por instancia de Jorge César Veloso contra Aprendizaje Direct, S.L. e o Fogasa, se ditou a seguinte resolución:

«Auto.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2016

Antecedentes de feito:

Primeiro. Jorge César Veloso presentou o 2 de agosto de 2016 demanda de execución contra Aprendizaje Direct, S.L., instando a execución da sentenza número 137/2016 ditada no procedemento de despedimento número 620/2015, seguido ante este xulgado e ditada o día 9 de xuño de 2016, a cal, notificada ás partes, foi declarada firme.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 19 de agosto de 2016, citáronse as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 280 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia non compareceu a parte executada nin o Fogasa malia constar citados. Compareceu a parte executante, quen, aberto o acto, se ratificou na demanda executiva e solicitou o ditado de auto de extinción da relación laboral con aboamento da indemnización e salarios de trámite correspondentes, por non resultar posible a readmisión dado que a empresa pechou e, sen propoñerse proba, tras o trámite de conclusións, se declararon os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado e así se declara que nos autos de despedimento número 620/2015 seguidos ante este xulgado se ditou sentenza do 9 de xuño de 2016, cuxa decisión é do teor literal seguinte: “Que estimando integramente a demanda interposta por Jorge César Veloso contra Aprendizaje Direct, S.L., efectúo os pronunciamentos seguintes:

1. Debo declarar e declaro a nulidade do despedimento do demandante efectuado pola demandada Aprendizaje Direct, S.L. con efectos o 30 de xuño de 2015, por vulneración do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva e, en consecuencia, debo condenar e condeno a Aprendizaje Direct, S.L. a que readmita inmediatamente o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, con aboamento dos salarios de deixados de percibir desde a data de efectos do despedimento ata a data de efectiva readmisión a razón de 39,27 euros diarios.

2. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa deberá observarse o que resulte da aplicación o artigo 33 do ET, con notificación da presente resolución”.

Dáse por integramente reproducido o contido da citada sentenza que consta en autos, onde consta o salario regulador do executante para os efectos do despedimento, 39,27 euros diarios, e antigüidade, 1.10.2012, e a data de efectos do despedimento, 30.6.2015.

Segundo. A executada non readmitiu o executante, ao non ter a empresa actualmente actividade e despois de pechar o centro de traballo.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. De conformidade co artigo 286.1 da LRXS, “Sen prexuízo do disposto nos artigos anteriores, cando se acreditase a imposibilidade de readmitir o traballador por cesamento ou peche da empresa obrigada ou calquera outra causa de imposibilidade material ou legal, o xuíz ditará auto no cal declarará extinguida a relación laboral na data da dita resolución e acordará que se lle aboen ao traballador as indemnizacións e os salarios deixados de percibir que sinala o número 2 do artigo 281”.

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da dita resolución, acordará que se lle aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Corresponde pois á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados ut supra resultan da documental que consta en autos procedente do procedemento declarativo de que dimana a presente execución. A través das ditas documentais quedou probada a declaración de nulidade do despedimento, e a obriga da executada de readmitir o traballador nos termos sinalados na sentenza, así como a falta da dita readmisión e a imposibilidade de levala a efecto por cesar a actividade empresarial e pechar o centro de traballo. Non acreditou a executada en relación coa readmisión do executante, pois, dada a súa actuación procesual, non despregou actividade probatoria, ao non cumprir coa carga probatoria que lle incumbe, que é a efectiva e correcta readmisión do traballador nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Con base na valoración conxunta da proba practicada e nos preceptos legais ut supra citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, letras b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que haberá de calcularse na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida no artigo 56 do ET, e será de trinta e tres días de salario por ano de servizo, cun máximo de 24 mensualidades, pois nos encontramos ante un contrato de traballo subscrito con posterioridade á entrada en vigor da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (e conforme dispoñía tamén a disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012). Polo tanto, correspóndelle percibir ao executante unha indemnización de 5.291,63 euros, e con aboamento dos salarios deixados de percibir desde o despedimento ata a presente resolución, que ascenden a 18.456,9 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe observarse o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida na data da presente resolución a relación laboral que unía a Jorge César Veloso con Aprendizaje Direct, S.L. e condeno a Aprendizaje Direct, S.L. a aboarlle a Jorge César Veloso a suma de 5.291,63 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral na data da presente resolución e a suma de 18.456,9 euros en concepto de salarios de tramitación.

Notifíqueselles ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que contra esta poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Paula Méndez Domínguez, maxistrada titular do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada. A letrada da Administración de xustiza.

Dilixencia. A seguir cúmprese o ordenado. Dou fe».

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Aprendizaje Direct, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2016

A letrada da Administración de xustiza