Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2016 Páx. 48463

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ANUNCIO do 10 de outubro de 2016 polo que se fai público o Acordo do Consello de Administración do 28 de xullo de 2016 polo que se acorda, por razóns de rendibilidade e viabilidade financeira, a continuación da prestación conxunta dos servizos técnico-náuticos de practicaxe, amarre e desamarre de buques nos portos de Corcubión, Laxe-Corme, Cee, Cariño, Viveiro-Burela e Ribadeo.

O día 28 de xullo de 2016, na sala de reunións dos servizos centrais de Portos de Galicia, na praza de Europa, portal 5A, 6º, Área Central, As Fontiñas, en Santiago de Compostela, reuniuse en sesión realizada en segunda convocatoria o Consello de Administración do ente público Portos de Galicia. Exercía a súa presidencia José Juan Durán Hermida e, dentro do punto X da orde do día, adopción de resolución pola que se acorda, por razóns de rendibilidade e viabilidade financeira, a continuación da prestación conxunta dos servizos técnico-náuticos de practicaxe, amarre e desamarre de buques nos portos de Corcubión, Laxe-Corme, Cee, Cariño, Viveiro-Burela e Ribadeo, tomouse o seguinte acordo:

Abstencións: ningunha.

Votos en contra: ningún.

Por unanimidade dos membros asistentes presentes e cos votos delegados adóptase a resolución pola que se acorda, por razóns de rendibilidade e viabilidade financeira, a continuación da prestación conxunta dos servizos técnico-náuticos de practicaxe, amarre e desamarre de buques nos portos de Corcubión, Laxe-Corme, Cee, Cariño, Viveiro-Burela e Ribadeo.

De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece nos seus artigos 28.6 e 27.9 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia en materia de portos, de carácter exclusivo en materia de portos non declarados de interese xeral do Estado, portos de refuxio e portos deportivos, e de desenvolvemento lexislativo e de execución da lexislación do Estado en materia de portos pesqueiros.

Coa posta en funcionamento do ente público Portos de Galicia, creado en virtude da Lei 5/1994, do 29 de novembro, do Parlamento de Galicia, este constitúe a entidade instrumental da Xunta de Galicia que exerce as funcións de administración portuaria dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste senso, segundo o artigo 2 desta Lei 5/1994, do 29 de novembro, Portos de Galicia ten por obxecto o proxecto, construción, conservación, mellora, ordenación, administración e explotación das obras, instalacións, servizos e actividades portuarias, así como a planificación das zonas de servizo e as súas futuras ampliacións.

O tráfico de buques mercantes acadou no ano 2014 a cantidade de 487 buques mercantes e no ano 2015 a cantidade foi de 384 buques mercantes. Por outra parte, as mercadorías transportadas polos mencionados buques polos nosos portos, descartada a pesca, ascendeu no ano 2014 a 2.025.184,82 toneladas e no ano 2015 a 1.603.040,91 toneladas.

Dentro das súas competencias exclusivas sobre seguridade marítima da Administración xeral do Estado, determinouse para a Comunidade Autónoma de Galicia a disposición do servizo de practicaxe, por razóns de seguridade da navegación, nos portos de Corcubión, Laxe-Corme, Cee, Cariño, Viveiro-Burela e Ribadeo.

O artigo 4 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia, establece un reenvío normativo á lexislación estatal en materia de portos, establecendo a súa aplicación supletoria; é dicir, na actualidade, substancialmente, o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro.

En virtude da dita lei estatal, dentro das competencias que posúe o ente público está a prestación do servizo de practicaxe, que o artigo 126.1 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante define como o servizo de asesoramento aos capitáns de buques e artefactos flotantes para facilitar a súa entrada e saída a porto e as manobras náuticas dentro deste, en condicións de seguridade e nos termos que se establezan nesta lei, na regulamentación xeral que regule este servizo, así como naqueloutras disposicións normativas ou contractuais que lle sexan de aplicación, e establece nos puntos seguintes que:

«2. O servizo de practicaxe será obrigatorio nos portos cando así o determine a Administración marítima.

Non obstante, a Administración marítima poderá establecer exencións á obrigatoriedade da utilización do servizo de practicaxe en cada porto, con criterios baseados na experiencia local do capitán do buque, nas características do buque, na natureza da carga, nas peculiaridades do porto e noutras circunstancias que regulamentariamente se prevexan logo do informe previo da autoridade portuaria, oído o órgano que exerza a representación dos prácticos a nivel nacional.

Con carácter xeral, salvo indicación expresa da Capitanía Marítima por razóns de seguridade na navegación, estarán exentos do servizo de practicaxe os buques e embarcacións ao servizo da autoridade portuaria, os destinados á realización de obras no dominio público portuario, os destinados ao avituallamento e ao aprovisionamento de buques, os destinados á prestación de servizos portuarios con base no porto e os que estean ao servizo doutras administracións públicas, que teñan a súa base no porto, así como aqueles buques de calquera outro tipo, cuxa tripulación inclúa un capitán que exercese, incluso interinamente, como práctico no porto de que se trate ou ben superase as probas de habilitación teóricas e prácticas no dito porto.

3. O número de prestadores quedará limitado a un único prestador en cada área portuaria. Para estes efectos, enténdese como área portuaria aquela que sexa susceptible de explotación totalmente independente, incluíndo a súa accesibilidade marítima e, por tanto, que os límites xeográficos de prestación do servizo de practicaxe correspondentes a cada unha destas áreas sexan totalmente independentes».

No mesmo sentido estipúlase na disposición adicional quinta do Regulamento xeral de practicaxe, do 1 de marzo de 1996, aprobado polo Real decreto 393/1996, do 1 de marzo.

A regulación normativa xa citada impón a necesidade de que Portos de Galicia, en canto que Administración portuaria competente nos portos autonómicos galegos, proceda a establecer, determinar e regular o servizo de practicaxe de vital importancia para a seguridade da navegación.

A prestación dos servizos de practicaxe, de amarre e desamarre de buques nos portos autonómicos pode levala a cabo directamente Portos de Galicia ou mediante xestión indirecta, a través dun contrato con terceiros.

Desde o ano 1996, e por razóns de mellor xestión económica destes servizos, o Consello de Administración de Portos de Galicia acordou a xestión da practicaxe a través dun contrato con terceiros, en concreto, cos prácticos habilitados para os portos antes sinalados pola Administración marítima xeral do Estado.

Dado que o número de prácticos habilitados é restrinxido e non é posible promover a concorrencia, a xestión do servizo de practicaxe vénse licitando polo procedemento negociado sen publicidade, conforme a normativa de contratos do sector público.

Nos portos de Corcubión, Laxe-Corme, Cee, Cariño, Viveiro-Burela e Ribadeo, como xa se indicou, está definida a obrigatoriedade da practicaxe, que debe prestar tamén o servizo técnico-náutico de amarre e desamarre de buques, servizo que o artigo 128 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante define así:

«1. Enténdese por servizo de amarre o servizo cuxo obxecto é recoller as amarras dun buque, portalas e fixalas aos elementos dispostos nos peiraos ou na atracada para este fin, seguindo as instrucións do capitán do buque, no sector de amarre designado pola autoridade portuaria e na orde e coa disposición conveniente para facilitar as operacións de atracada, desamarre e desatracada.

2. Enténdese por servizo de desamarre aquel cuxo obxecto é o de largar as amarras dun buque dos elementos de fixación a que está amarrado, seguindo a secuencia e as instrucións do capitán e sen afectar as condicións de amarre dos barcos contiguos.

3. As prescricións particulares do servizo conterán os medios que este servizo debe dispor para colaborar coas administracións competentes nos servizos de extinción de incendios, salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña».

Tanto o servizo de practicaxe como o de amarre nos referidos portos autonómicos de Corcubión, Laxe-Corme, Cee, Cariño, Viveiro-Burela e Ribadeo son deficitarios, polo que, de cara a procurar a mellor viabilidade económica destes servizos coas menores contraprestacións económicas por parte de Portos de Galicia, o Consello de Administración de Portos de Galicia acordou a prestación conxunta destes dous servizos, contraprestacións económicas públicas en atención a garantir a seguridade da navegación e a explotación destes portos con relevante actividade comercial e impacto económico directo e inducido na poboación da súa área de influencia.

Dado que na actualidade estes servizos continúan presentando uns resultados de explotación insuficientes, as contraprestacións económicas de Portos de Galicia destes contratos deben manterse e continuar as circunstancias de interese público de garantir, en condicións de seguridade e operatividade, a actividade comercial dos portos en beneficio do interese xeral que para as comarcas, en particular, e para o conxunto dos portos autonómicos, en xeral, revisten estes portos.

Polo exposto, esta dirección, ao abeiro do artigo 9 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia, propón que o Consello de Administración acorde:

Primeiro. A organización e xestión dos servizos de practicaxe, amarre e desamarre de buques, mediante a súa xestión indirecta conxunta, para os efectos de que ao abeiro do artigo 7.3.c) da dita Lei 5/1994, de ser o caso, acorde a súa aprobación e ratificación.

Segundo. Que se proceda a acordar, polo procedemento que corresponda segundo o texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, a licitación conxunta dos servizos de practicaxe, amarre e desamarre de buques, con indicación dos recursos administrativos e contencioso-administrativos que procedan contra ela.

Terceiro. Facultar a Presidencia para a aprobación dos pregos reitores destes servizos e a posterior contratación deles.

De conformidade co artigo 6.1 do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, os actos suxeitos ao dereito administrativo que diten o Consello de Administración e a Presidencia de Portos de Galicia esgotaran a vía administrativa e contra eles poderanse interpor os recursos contencioso-administrativos que resulten procedentes, polo que contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o xulgado competente da dita orde xurisdicional, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo o disposto no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Todo o cal se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2016

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia