Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2016 Páx. 48337

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Lugo

EXTRACTO do Acordo 11/654, da Xunta de Goberno Local, en sesión que tivo lugar o 13 de outubro de 2016, polo que se convocan subvencións, para persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade, para gastos de transporte en taxi adaptado.

BDNS (identif.): 320494.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións.

Primeiro. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar estas axudas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter unha idade mínima de 4 anos.

2. Estar empadroado/a no concello de Lugo cunha antigüidade mínima de 1 ano, anterior á presentación da solicitude e durante a percepción da axuda.

3. Ter recoñecida a condición legal de discapacidade que afecte gravemente a súa mobilidade sen que poida utilizar os transportes públicos colectivos, e así se acredite no certificado oficial de discapacidade, emitido polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO) dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

4. Non ser propietario/a de vehículo e, para as persoas menores de 18 anos, non contar ningún membro da unidade familiar ou de convivencia con vehículo, salvo o disposto no seguinte parágrafo:

Situacións especiais: as persoas con discapacidade que, pola súa situación de discapacidade, exercesen dereitos e obtivesen beneficios sobre a adquisición e/ou adaptación dun vehículo poderán solicitar estas axudas soamente para os períodos e/ou viaxes en que, por causas sobrevidas e debidamente xustificadas, se vexan imposibilitadas para utilizalo. Todo isto sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nesta disposición.

5. Para as persoas que traballen, non ter recoñecido este beneficio por convenio colectivo, contrato laboral ou calquera outro título acreditativo do dito beneficio.

6. Non dispor duns recursos económicos superiores a 2 veces o IPREM vixente, 12 pagas (12.780,26 € anuais).

Para o cómputo dos recursos económicos terase en conta a renda persoal da persoa solicitante, e calcularase tendo en conta a totalidade dos rendementos derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

No caso de que a persoa solicitante teña cónxuxe ou parella de feito, entenderase como renda persoal a metade da suma dos ingresos de ambos os membros da parella.

No caso de que a persoa solicitante careza de ingresos, valoraranse os ingresos da/das persoa/s da/das que dependa economicamente (pai, nai, titor/a, etc.). Neste caso calcularase a renda per cápita tendo en conta a totalidade dos rendementos derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O período que se computará na determinación da renda será o correspondente ao último exercicio fiscal cuxo período de presentación da correspondente declaración vencese na data de presentación da solicitude, ou do último exercicio económico vencido con anterioridade á data da convocatoria, no caso de non estar obrigados/as a presentar declaración de IRPF.

7. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias fronte á Axencia Estatal da Administración Tributaria, á Delegación de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, á Tesouraría Territorial da Seguridade Social e co Concello de Lugo, respectivamente. No momento da solicitude da subvención, este aspecto poderá ser acreditado, para estes efectos, coa declaración responsable incluída no anexo II destas bases, e no momento da xustificación da axuda deberá acreditarse mediante a presentación das correspondentes certificacións.

8. Ter regulamentariamente xustificadas as subvencións concedidas con anterioridade polo Concello de Lugo para o cumprimento de fins análogos, durante os dous exercicios económicos anteriores.

9. Non estar incurso/a en prohibición para obter a condición de beneficiario/a das subvencións de conformidade co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

10. Ter solicitada a axuda de transporte sanitario facilitada polo Sergas. Cando o desprazamento veña motivado por razóns de saúde e sexa facilitado polo Sergas, a dita comprobación e verificación levaraa a cabo a unidade xestora, e realizarase no prazo de xustificación; comportará a perda da axuda municipal no caso de non terse solicitado ou terse concedido a través do Sergas.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras do programa de axudas económicas a persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade para gastos do transporte en taxi adaptado, exercicio 2016, aprobounas a Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo, Acordo 11/654, na sesión ordinaria que tivo lugar o trece de outubro de dous mil dezaseis, e publicáronse no BOP de Lugo número 242, do 21 de outubro de 2016.

Terceiro. Contía

Esta convocatoria conta cun crédito orzamentario de 9.000 €.

A contía máxima da axuda a cada persoa solicitante será de 800 € anuais, con excepción das persoas empadroadas na zona rural. Neste caso o límite máximo da contía subvencionable establécese en 1.000 € anuais.

Se polo número de solicitudes que reúnen os requisitos a cantidade que correspondería a todas as persoas solicitantes supera a cantidade consignada nos orzamentos para esta finalidade, a adxudicación da axuda individual farase en primeiro lugar primando as persoas solicitantes que residan na zona rural e, en segundo, as que teñan menos ingresos. Non obstante, o órgano competente para resolver poderá proceder ao rateo, entre as persoas beneficiarias da subvención, do importe global máximo establecido na convocatoria, segundo se establece no artigo 22 da Lei 38/2003.

Cuarto. Forma e prazo de presentación das solicitudes

As persoas interesadas presentarán as súas solicitudes en modelo normalizado (anexo I das bases), xunto coa documentación necesaria, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou ben utilizando os medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, por conduto da BDNS.

Lugo, 21 de outubro de 2016

Ana Mª González Abelleira
Tenenta de alcalde-delegada da Área de Benestar Social, Igualdade e Inclusión