Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2016 Páx. 48208

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de outubro de 2016 pola que se modifica a Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2016.

Mediante a Orde do 11 de agosto de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 164, do 31 de agosto), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou as axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema universitario de Galicia.

O artigo 5 da dita orde detalla a duración das axudas e o importe máximo segundo sexan centros singulares de investigación ou agrupacións estratéxicas. Porén, non se establece unha contía mínima definida para cada categoría. A contía mínima resulta relevante co obxecto de garantir un financiamento basal suficiente para as propostas que obteñan financiamento.

Así mesmo, o artigo 20.2 establece que para a xustificación das axudas concedidas será necesario que as universidades beneficiarias expidan, con data límite do 30 de novembro, a documentación que se sinala nese punto. Tendo en conta que o prazo de presentación de solicitudes rematou o 30 de setembro de 2016 e a dificultade técnica de avaliación das solicitudes, procede modificar o dito artigo 20.2 e ampliar o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación do gasto no ano 2016.

Esta modificación non implica a apertura dun novo período de presentación de solicitudes, posto que xa se presentaron todas as posibles candidaturas que reunían os requisitos establecidos na convocatoria.

En consecuencia, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificación dos artigos 5 e 20 da Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2016, que quedan redactados como segue:

O artigo 5 queda redactado da seguinte maneira:

«As axudas serán de aplicación por un período de 4 anualidades segundo a seguinte distribución:

Modalidade A. Centros singulares de investigación: aquelas solicitudes que alcancen na fase de avaliación esta condición terán unha axuda que será dun mínimo de 200.000 € e un máximo de 400.000 € na primeira anualidade. Na segunda, terceira e cuarta anualidade, a contía máxima que poderán percibir será de 800.000 € e a mínima de 500.000 €.

Modalidade B. Agrupacións estratéxicas consolidadas: aquelas solicitudes que alcancen na fase de avaliación esta condición, sempre que obteñan a puntuación mínima establecida no artigo 13 da convocatoria, terán unha axuda que será dun mínimo de 125.000 € e un máximo de 200.000 € na primeira anualidade. Na segunda, terceira e cuarta anualidade, a contía máxima que poderán percibir será de 400.000 € e a mínima de 250.000 €, para cada unha das agrupacións que se concedan con cargo a estas axudas».

No artigo 20.2 engádese un novo parágrafo a continuación do segundo, que queda redactado da seguinte maneira:

«No ano 2016 a data límite para presentar a xustificación será o 15 de decembro de 2016».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria