Por Resolución reitoral do 20 de setembro de 2016 aprobouse o expediente para a contratación do servizo de cafetaría-comedor en diversos centros da Universidade de Vigo, 2 lotes (expediente 2AE/16). Nesta ordenábase a realización dos trámites necesarios para a adxudicación do servizo mediante procedemento aberto a través da publicación no boletín oficial correspondente e no perfil do contratante.
Publicado anuncio de licitación no DOG núm. 187, do 30 de setembro de 2016, rematou o prazo de presentación de ofertas o 17 de outubro de 2016.
Non obstante, tense advertido un erro na publicación do expediente no perfil do contratante, de xeito que este tense publicitado como administrativo especial, co cal na documentación a través da que se incorpora información no perfil se proporcionou un prego de cláusulas administrativas que non se corresponde cun contrato de servizos, polo que se debe emendar o dito erro.
Así mesmo, no anexo C-I apréciase unha discrepancia na ponderación atribuída (45 puntos) fronte á asignada na folla resumo de características (48 puntos) debendo ser distribuída a ponderación por produtos de xeito que se acaden eses 48 puntos.
Por todo o anteriormente exposto, acórdase ditar a seguinte resolución:
1. Corrixir o anexo C-I para que acade a ponderación atribuída ao criterio 3: oferta económica de 48 puntos.
2. Outorgar un novo prazo de presentación de ofertas de 15 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
3. Publicar o expediente 2AE/16 como contrato de servizos no perfil do contratante, suprimindo este como contrato administrativo especial.
4. Aqueles licitadores que xa teñan presentado oferta e desexen manter esta deberán facer manifestación expresa en tal sentido neste novo prazo de presentación de ofertas, ou ben poderán presentar unha nova oferta que a substitúa.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán os interesados interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao do recibo da notificación desta. Non obstante, os interesados poderán optar por interpor contra esta resolución recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 19 de outubro de 2016
O reitor da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 7.5.2015; DOG do 13 de maio)
Manuel Fernández Jáuregui
Xerente da Universidade de Vigo