Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 24 de outubro de 2016 Páx. 47595

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto de LAT 132 kV tramo provisional entre LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios Balaídos e LAT 132 kV Balaídos-Castro, no termo municipal de Vigo (expediente IN407A 2016/365-4).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 30.9.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgan a Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Balaídos Zona Franca-Atios Balaídos, situada no termo municipal de Vigo (expediente IN407A 2014/160-4).

Segundo. O 30.6.2016 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou ante a Xefatura Territorial de Pontevedra a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dun novo tramo soterrado para conectar a LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios-Balaídos coa LAT 132 kV Balaídos-Castro, como situación provisional para atender a subministración á subestación Balaídos Zona Franca debido a que o 10.11.2015 o Tribunal Supremo ditou sentenza que declara a nulidade do PXOM de Vigo e, por tanto, está pendente de resolverse a viabilidade das obras referidas no antecedente primeiro.

Dada esta situación, e sendo preciso acadar unha nova solución para atender a subministración á subestación Balaídos Zona Franca, esta alimentarase a través da LAT 132 kV Balaídos-Castro.

Construirase un novo tramo soterrado para conectar a LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios-Balaídos coa LAT 132 kV Balaídos-Castro como situación provisional. Trátase dun novo tramo soterrado duns 150 metros que discorrerá integramente por terreos da actual subestación Balaídos, sen afectar outros servizos nin organismos, e conecta na propia subestación coa LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios-Balaídos; está previsto poñer en servizo uns 1,63 km desta liña.

Esta solicitude acompañouse do correspondente proxecto de execución, titulado LAT 132 kV tramo provisional entre LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios-Balaídos e LAT 132 kV Balaídos-Castro, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio de Enxeñeiros do ICAI) e visado co nº 0139/16 e data 25.5.2016, e no cal figura un orzamento de 254.562,77 €.

Neste proxecto inclúese a declaración responsable, asinada polo proxectista con data do 13.5.2016, en que se fai constar que o proxecto cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación, de conformidade co exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e da Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria.

Terceiro. O 22.7.2016 a Xefatura Territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV tramo provisional entre LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios Balaídos e LAT 132 kV Balaídos-Castro que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 1 de agosto de 2016 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 4 de agosto.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 6.9.2016 a Xefatura Territorial emitiu informe técnico favorable sobre o citado proxecto.

Quinto. O 15.9.2016 a Xefatura Territorial trasladou a esta dirección xeral copia do expediente de referencia, informe técnico favorable e copia do proxecto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de LAT 132 kV tramo provisional entre LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios-Balaídos e LAT 132 kV Balaídos-Castro, situada no termo municipal de Vigo.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A., denominado LAT 132 kV tramo provisional entre LAT 132 kV Balaídos Zona Franca/Atios-Balaídos e LAT 132 kV Balaídos-Castro, asinado polo enxeñeiro industrial Alfonso González Álvaro (colexiado nº 2920/2130 do Colexio de Enxeñeiros do ICAI) e visado co nº 0139/16 e data 25.5.2016; e no cal figura un orzamento de 254.562,77 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta resolución por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións obxecto dela.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas