Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 20 de outubro de 2016 Páx. 47300

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2014/76-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31, HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 17 de xullo de 2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra).

Segundo consta no proxecto presentado, cuxo orzamento ascende a 505.933,00 €, as características básicas das instalacións son as seguintes:

• A subministración de gas natural farase cun módulo de regasificación de GNL (gas natural licuado), con depósito de almacenamento de 60 m3 e cuxa instalación está prevista na parcela de referencia catastral 36059A05700486.

• A rede de distribución terá o seu inicio neste módulo, desde o que partirá un eixe principal que posteriormente se dividirá en diferentes ramais de menor diámetro para cubrir axeitadamente a demanda de gas das diferentes áreas do núcleo urbano, empregándose tubaxe de polietileno.

• O nivel de presión que se vai adoptar elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo a subministrar ou o número total de clientes potenciais.

Segundo. O 22 de maio de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17 de xuño de 2015 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 6 de marzo de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural en Vila de Cruces (expediente IN627A 2014/76-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de abril de 2015, no Boletín Oficial da provincia do 21 de abril de 2015 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 9 de abril de 2015.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 10 de marzo de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do citado proxecto de autorización administrativa presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Vila de Cruces, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este concello emitiu informe favorable ao respecto, do cal se deu traslado á empresa promotora da infraestrutura gasista, Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou escrito manifestando a súa conformidade co mesmo.

Quinto. O 15 de xullo de 2016 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiu informe favorable sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural en Vila de Cruces.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

• Outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. La empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde a notificación desta resolución, unha fianza por valor de 10.118,66 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de tres meses, contado a partir da notificación desta resolución, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións e, se é o caso, as separatas técnicas correspondentes.

As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. A autorización administrativa que se outorga afecta o termo municipal de Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra, e recolle a gasificación do núcleo de poboación de Vila de Cruces de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de autorización administrativa de distribución de gas natural no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra) - Xullo 2014», e asinado pola enxeñeira industrial Isabel Fernández Romero (Colexiada nº 16.707 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid).

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas