Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 18 de outubro de 2016 Páx. 47113

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de setembro de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Coto da Gándara, Monte Faro, Relleira do Faro, Pedra da Mostra, Fonte Fría e outros da parroquia e concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade de que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 18 de decembro do 2015, adoptou o seguinte acordo en relación coa revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal de Coto da Gándara, Monte Faro, Relleira do Faro, Pedra da Mostra, Fonte Fría e outros da parroquia e concello de Vimianzo:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Coa denominación de monte Coto da Gándara e outros da parroquia e concello de Vimianzo están integradas dúas parcelas declaradas veciñais en man común por resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña do 14 de marzo de 2005 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), segundo consta no seu expediente de clasificación núm. 388.

Segundo. Con data do 20 de novembro de 2014 o presidente da comunidade veciñal comunica ao Xurado que, por sentenza firme da Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 6/2014, do 10 de febreiro, ditada en casación, se recoñeceu á comunidade veciñal da Gándara unha parcela de monte que estaba disputada na xurisdición civil pola comunidade veciñal de Ogas. Como resultado desta sentenza –que afecta a parcela núm. 2 clasificada na resolución do Xurado do 14 de marzo de 2005– procedeuse a realizar un levantamento topográfico do monte veciñal para os efectos de establecer un perímetro debidamente xeorreferenciado na súa totalidade, plano que achegan co escrito logo de ser aprobado na asemblea xeral da comunidade celebrada o 28 de setembro de 2014. Así mesmo, neste escrito solicitan que se incorpore a parcela núm. 3, de 0,396 ha, que tamén é aproveitada en común pola comunidade e da cal achegan o plano topográfico que a identifica. Propoñen no seu escrito que sexa aprobada a revisión da cartografía do seu monte incluíndo todas as parcelas.

Terceiro. O Servizo de Montes, por medio do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común, informa o 11 de decembro de 2015 sobre esta proposta de revisión da cartografía do monte veciñal de Coto da Gándara e outros en atención ao previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Neste informe especifícase que a revisión topográfica presentada consta de tres parcelas: a parcela 1 que non varía respecto da xa clasificada polo Xurado; a parcela 2, que é o resultado de engadir á parcela 2 antiga clasificada polo Xurado a obtida pola sentenza firme do TSXG, xa que son contiguas; e, por último, a parcela 3, que non está incluída no monte veciñal declarado. Informa tamén de que os vértices do plano do levantamento topográfico afectados pola sentenza teñen as mesmas coordenadas que as descritas na sentenza. En canto á parcela 3, achega un informe do distrito forestal V que indica que consta que desde tempo inmemorial viñan e veñen realizando os membros desta comunidade veciñal aproveitamento forestal, consuetudinariamente en réxime de comunidade e sen asignación de cotas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segundo. O informe do xefe de Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña do 11 de decembro de 2015 valida o informe técnico presentado pola comunidade propietaria solicitante en canto á parcela 1, que non varía da orixinal; e a parcela 2 coa agregación da parcela obtida por sentenza xudicial firme que se corresponde con esta; a parcela núm. 3 non está incluída no monte veciñal.

Logo de ver a planimetría presentada pola comunidade propietaria e o informe sobre esta do responsable da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña, este xurado por unanimidade dos membros presentes con dereito a voto,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a revisión de esbozo do monte veciñal Coto da Gándara, Monte Faro, Relleira do Faro, Pedra da Mostra, Fonte Fría e outros da parroquia e concello de Vimianzo, presentada pola comunidade propietaria e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 11 de decembro de 2015 e a planimetría que o acompaña e que forma parte desta resolución respecto das parcelas 1 e 2, de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, co que o monte veciñal queda coas características seguintes:

Monte: Coto da Gándara, Monte Faro, Relleira do Faro, Pedra da Mostra, Fonte Fría e outros.

Parroquia e concello: Vimianzo.

Comunidade veciñal propietaria: CVMC de Coto da Gándara.

Superficie total: 115,9196 ha.

O monte está integrado polas seguintes parcelas e coas seguintes estremas:

Parcela 1: superficie 8,2558 ha.

Norte: monte veciñal en man común de Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba (expediente 369).

Leste: propiedades particulares da Gándara.

Sur: propiedades particulares da Gándara.

Oeste: monte veciñal en man común de Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba (expediente 369).

Parcela 2: superficie 107,6638 ha.

Norte: monte veciñal en man común de Relleira de Sobreiros e Costa das Pasantes, Prado das Porfías, Costa de Cova Ladróns, Relleira de Corneda e Campo de Monteira de Riba (expediente 369) e propiedades particulares da Gándara e Pasantes.

Leste: propiedades particulares de Somonte.

Sur: monte veciñal en man común de Ogas (expediente núm. 185).

Oeste: entre os vértices 2 e 6 co monte veciñal en man común de Vao da Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartiño, O Foso, Cruceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos (expediente núm. 160). Entre os vértices 6 e 7 con monte de propiedade indeterminada.

Segundo. En canto á parcela núm. 3, iniciar un expediente para valorar a súa posible clasificación como veciñal en man común a favor da comunidade da Gándara da parroquia e concello de Vimianzo.

Terceiro. Notificar este acordo á comunidade propietaria e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A Coruña, 26 de setembro de 2016

Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común da Coruña