Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 17 de outubro de 2016 Páx. 46996

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 27 de setembro de 2016 polo que se fai pública a Resolución do 16 de setembro de 2016, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-862 Ferrol (FE-14)–L.P. Lugo, na marxe esquerda da estrada entre os puntos quilométricos 63+140 e 63+320.

Con data do 16 de setembro de 2016, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda emitiu resolución de aprobación definitiva da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-862 Ferrol (FE-14)-L.P. Lugo, na marxe esquerda da estrada entre os puntos quilométricos 63+140 e 63+320, co seguinte contido:

Antecedentes.

1. O 18 de febreiro de 2016 asínase o informe da Área de Planificación e Programación para iniciar a tramitación do expediente de redución extraordinaria da liña límite de edificación, ao cal se fai referencia no encabezamento do informe, segundo o previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. Mediante Resolución do 26 de febreiro de 2016, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter provisional, a delimitación anterior e resolveu tramitala segundo o procedemento establecido no artigo 85 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro.

3. A delimitación provisional foi sometida á información pública polo prazo de trinta (30) días hábiles, mediante Anuncio do 29 de febreiro de 2016, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 51, do martes 1 de marzo, e no taboleiro de anuncios do Concello de Ortigueira, co fin de que calquera persoa física ou xurídica formulase as alegacións que estimase pertinentes.

4. O expediente estivo exposto ao público, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela e na Casa do Concello de Ortigueira.

5. O informe do 14 de setembro de 2016, a Área de Planificación e Programación indicou que non se presentaron alegacións durante o período de información pública da delimitación provisional e que tampouco foi emitido informe ningún ao respecto por parte das entidades locais consultadas.

6. Mediante proposta de Resolución do 15 de setembro de 2016, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, proponse a aprobación, con carácter definitivo, da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-862 Ferrol (FE-14)-L.P. Lugo, na marxe esquerda da estrada entre os p.q. 63+140 e 63+320.

Consideracións legais.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda é competente para resolver o expediente de delimitación da liña límite de edificación previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, en relación co punto 2 da súa disposición adicional segunda.

Visto todo o que antecede e, en particular, a proposta de resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas,

RESOLVO:

Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-862 Ferrol (FE-14)-L.P. Lugo, no seu treito situado entre os p.q. 63+140 e 63+320, segundo o plano que se xunta, que supón a seguinte redución con respecto á establecida con carácter xeral na antedita lei:

– Pola marxe esquerda redúcese a liña límite de edificación de 15 m a 13,5 m, desde a liña exterior da delimitación da calzada, entre os p.q. 63+140 e 63+320.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante o mesmo órgano que o ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo establecen os artigos 116.1 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Porén, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa (artigo 116.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro). Para tal efecto poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

O que se fai público para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2016

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas