Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2016 Páx. 46784

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2016 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes e de xustificación da axuda da Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma16), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

No Diario Oficial de Galicia núm. 132, do 13 de xullo de 2016, publicouse a Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma16), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

No punto segundo do resolvo establécese que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 2016 e que o prazo de xustificación da axuda se estenderá ata o 31 de outubro de 2016.

Tras os primeiros dous meses e medio de vixencia dos incentivos obsérvase que, aínda que a execución alcanzou xa un importe considerable, o tempo restante de vixencia do programa non será suficiente para acadar o orzamento asignado á axuda.

En consecuencia, para incrementar no posible a oportunidade de acollerse ás axudas por parte dos seus beneficiarios proponse ampliar o prazo de presentación de solicitudes. Esta modificación leva aparellada a do prazo de xustificación que as entidades colaboradoras necesitan para presentar a documentación.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar ata o 24 de outubro de 2016 o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto segundo do resolvo da Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma16), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

Segundo. Ampliar ata o 15 de novembro de 2016 o prazo de xustificación das axudas establecido no mesmo punto segundo do resolvo.

Terceiro. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica