Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2016 Páx. 46782

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2016, do tribunal designado para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización dos exercicios.

En sesión que tivo lugar o 3 de outubro de 2016, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 29 de febreiro de 2016, para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada,

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2016 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 5 de novembro de 2016, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).

Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de mercadorías: todos eles/elas ás 9.00 horas.

b) Transporte interior e internacional de viaxeiros: todos eles/elas ás 16.00 horas.

Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos, ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/a aspirante á realización das probas. Recoméndaselles igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016

David Conde Varela
Secretario do tribunal

Visto e prace
Antón García Río
Presidente do tribunal