Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2016 Páx. 46773

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 21 de setembro de 2016 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Oímbra.

O concello de Oímbra remite o Plan xeral de ordenación municipal para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Oímbra e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Antecedentes.

1.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Oímbra carece de planeamento xeral propio, polo que lle son de aplicación as Normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Ourense de 1991. Conta cun plan especial de parque empresarial aprobado o 27 de decembro de 2012.

1.2. Tramitación administrativa.

1. O concello comezou a formulación dun PXOM antes da entrada en vigor da Lei 2/2010, e someteuno ao informe previo á aprobación inicial, o cal se emitiu o 15 de abril de 2010.

2. Con base ao documento de inicio remitido, o 30 de xullo de 2008 o órgano ambiental formulou o documento de referencia o 16 de decembro de 2008.

3. O concello Pleno aprobou inicialmente o PXOM o 20 de abril de 2010 e o 14 de xullo de 2011 xunto co ISA, e someteunos a información pública por un período dun mes no primeiro caso e dous meses no segundo, mediante anuncios nos xornais La Región e La Voz de Galicia, publicados o 22 de abril de 2010 e 27 de xullo de 2011, así como nos DOG do 26 de abril de 2010 e do 19 de agosto de 2011. Simultaneamente déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Verín, Monterrei e Cualedro así como a Montalegre e Chaves en Portugal.

4. Constan informes municipais: técnico do 25 de abril de 2011, e xurídicos do 5 de abril de 2010 e 4 de abril de 2011.

5. Os informes sectoriais emitidos sobre o documento foron:

– Confederación Hidrográfica do Douro: do 13 de xuño de 2011 e 4 de xaneiro de 2012, desfavorables; e do 18 de marzo de 2014, favorable condicionado.

– Subdelegación do Goberno do 2 de febreiro de 2012.

– Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 20 de agosto de 2011, favorable.

– Secretaría de Estado de Telecomunicacións do 14 de setembro de 2015 e 6 de outubro de 2015.

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 25 de abril de 2012.

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: do 27 de decembro de 2011, desfavorable; do 5 de marzo de 2015, favorable condicionado; e definitivo do 20 de xaneiro de 2016.

– Deputación Provincial de Ourense do 26 de abril de 2011, favorable condicionado.

– Servizo de Montes do 11 de abril de 2016.

– Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio do 25 de abril de 2016.

6. O Concello Pleno aprobou provisoriamente o PXOM o 23 de decembro de 2015, logo de informe da Secretaría municipal, e remitiuno á CMAOT en solicitude de aprobación definitiva.

7. O 4 de abril de 2016 requiriuse ao Concello a emenda de deficiencias na documentación remitida para aprobación definitiva; foron atendidas polo Concello mediante documentación remitida o 27 de xuño de 2016 e o 5 de setembro de 2016.

8. Logo de analizar o expediente administrativo, no que respecta á preceptiva notificación das aprobacións do PXOM á Administración xeral do Estado, o Concello notificou a aprobación inicial á Delegación do Goberno, sen que obtivese pronunciamento desta respecto do patrimonio titularidade do Estado neste concello, posto que non existen nel bens de titularidade estatal.

2. Análise e consideracións.

Da análise dos documentos que integran o PXOM de Oímbra aprobado provisoriamente polo Concello Pleno do 15 de decembro de 2015, púidose comprobar o cumprimento de todo o pedido no informe previo á aprobación inicial, nomeadamente canto a:

2.1. Modelo territorial.

A proposta do PXOM pasa por delimitar 11 núcleos rurais e un sector de solo urbanizable delimitado industrial, e a restante superficie clasifícase como solo rústico especialmente protexido.

En atención ao recollido no informe previo á aprobación inicial do plan, optouse por suprimir o sector de solo urbanizable residencial previsto e por redelimitar todos os núcleos rurais, reducindo a súa extensión en función de criterios de colmatación, lazos de relación e recollendo parcelas similares topograficamente e coa mesma estrutura de propiedade, en cumprimento do artigo 13 da LOUG.

2.2. Estrutura xeral e orgánica do territorio.

O PXOM xustifica o cumprimento do artigo 47 da LOUG, referente ás reservas de solo necesarias para a implantación de sistemas xerais de espazos libres, zonas verdes e equipamentos, así como ás necesarias para dotacións urbanísticas en relación coa capacidade residencial.

2.3. Clasificación e determinacións do solo.

Procedeuse a adaptar as categorías do solo rústico ás determinacións legais correspondentes. Nese senso, e aínda que de conformidade co artigo 32.2.d) da LOUG, o PXOM clasifica como solo rústico de protección de leitos a zona de policía dos cursos de auga do concello, púidose observar un erro no río Porto do Rei Búbal e os seus afluentes, que mesmo que aparecen identificados e grafados os leitos e a afección das liñas de policía, non se grafa a trama de solo rústico de protección de leitos na franxa correspondente entre os leitos e a súa policía.

Xa que logo, do exame da documentación aprobada provisoriamente polo Concello Pleno de Oímbra en sesión plenaria do 15 de decembro de 2015, púidose constatar que as deficiencias observadas no informe previo á aprobación inicial do 15 de abril de 2010 foron tidas en conta e que se introduciron as correccións necesarias para darlles cumprimento, agás no relativo ao erro observado no número 2.3 anterior.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

3. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal de Oímbra deixando constancia expresa de que:

– No ámbito do río Porto do Rei Búbal e os seus afluentes engadirase a afección do solo rústico de especial protección de leitos entre as liñas de policía situadas a ambos os lados do leito.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio