Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.
Denominación: subestación O Rosal 132 kV; blindaxe parque de 20 kV e renovación aparellaxe no parque de 132 kV.
Situación: O Rosal.
Características técnicas: reforma da subestación O Rosal 132 kV consistente en:
– Blindaxe do parque de 20 kV, que pasará ao interior dun edificio prefabricado e estará composto por celas blindadas, configuración en simple barra e illamento en SF6.
– Substitución no parque de 132 kV dos interruptores e seccionadores de barras das posicións de transformador 103 e 104.
– Substitución do transformador de servizos auxiliares, por un de 50 kVA, RT 20 kV/400 V.
A instalación está situada no lugar de Cunchada, O Rosal.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014 pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG núm. 54, do 19 de marzo, esta xefatura territorial resolve:
Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Pontevedra, 6 de setembro de 2016
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra