Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 6 de outubro de 2016 Páx. 45965

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 13 de xuño de 2016 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Mondoñedo (Lugo).

O Concello de Mondoñedo remite o documento do plan xeral de ordenación municipal solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG).

Analizada a documentación datada en febreiro de 2016 con dilixencias da aprobación provisional do 8.2.2016, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Mondoñedo dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 12.7.1978, con cinco modificacións puntuais.

Como planeamento de desenvolvemento consta o Plan especial de protección e reforma interior do núcleo histórico, aprobado definitivamente o 24.3.1994.

I.2. Normativa específica do patrimonio cultural.

Mediante Decreto 91/1985, do 2 de maio, declarouse ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico, a cidade antiga de Mondoñedo (DOG do 23 de maio).

I.3. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal de Mondoñedo está afectado polos seguintes proxectos sectoriais:

Parque eólico Terral (aprobación definitiva 22.5.2003); liña de alta tensión 132 kV sub. Mondoñedo-sub. Boimente (AD 24.4.2008); parque empresarial de Mondoñedo (AD 16.10.2003); modificación puntual do parque empresarial de Mondoñedo (AD 29.10.2009); parque eólico de Mondoñedo (AD 22.7.2005); liña de alta tensión 132 kV Mondoñedo-Meira (AD 2.2.2006); parque eólico Farrapa I, fase I (AD 29.3.2007); parque eólico Farrapa I, fase II (AD 28.5.2009); parque eólico Sasdónigas (AD 26.1.2012); e liña de alta tensión 132 kV entrada a Boimente (AD 12.6.2014).

I.4. Avaliación ambiental estratéxica.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu no 10.11.2015 declarar a inviabilidade de sometemento do PXOM ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

I.5. Tramitación.

1. En xullo de 1999 redactouse un avance do PXOM, de acordo co artigo 41.1 da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

2. Con data do 14.5.2001, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 41.3 da Lei 1/1997.

3. A secretaria e o arquitecto técnico municipais emitiron informes previos á aprobación inicial nas datas do 8.8.2001 e de 9.8.2001, respectivamente.

4. O Concello Pleno do 16.8.2001 acordou a aprobación inicial do plan, e o sometemento a información pública, mediante anuncios no xornal El Progreso do 7.10.2001, no DOG do 5.10.2001; e no BOP de Lugo do 12.9.2001.

5. O 30.12.2002 o Concello de Mondoñedo solicitou á Dirección Xeral de Urbanismo informe previo á aprobación definitiva do plan, segundo o disposto no artigo 41.5 da Lei 1/1997.

6. O 13.1.2003 a Dirección Xeral de Urbanismo devolveu a documentación remitida polo Concello por incompleta, sinalando que, segundo a disposición transitoria terceira da LOUG, este planeamento, por estar aprobado inicialmente e en tramitación antes da entrada en vigor desta lei, podería, durante o prazo de seis meses, continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva de acordo coa Lei 1/1997, do solo de Galicia, aplicando o establecido na disposición transitoria primeira da LOUG ou, noutro caso, adaptarse integramente á nova lei.

7. Os servizos municipais emitiron informes xurídicos con data do 3.12.2010 e 27.8.2013; e informes técnicos con data do 7.12.2010 e 3.9.2013.

8. O Concello Pleno do 26.9.2013 acordou continuar a tramitación do PXOM aprobado inicialmente o 16.8.2001; estimar, desestimar ou estimar parcialmente as alegacións presentadas na primeira exposición pública do PXOM; tomar coñecemento do PXOM modificado (pola resolución de alegacións, os informes sectoriais emitidos, a actualización cartográfica e documental, os informes técnicos municipais e a adaptación ás leis 9/2002 e 2/2010 e demais cambios lexislativos habidos neste período), e abrir un novo período de información pública de dous meses segundo o artigo 85.8 da LOUG.

9. Esa información pública realizouse mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 4.11.2013; e no DOG do 4.11.2013. Simultaneamente déuselle audiencia aos concellos da Pastoriza, Alfoz, Foz, Riotorto, Lourenzá e Abadín.

10. En sesión do 30.12.2013, o Concello Pleno acordou ampliar o prazo de información pública por quince días hábiles máis, con anuncio nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 9.1.2014, e no DOG do mesmo día 9.1.2014.

11. A arquitecta e o secretario municipais emitiron cadanseu informe previo á aprobación provisional en data 4.2.2016.

12. O Concello Pleno do 5.2.2016 aprobou provisionalmente o PXOM.

13. En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse e emitíronse informes:

a) En materia de estradas:

A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informes o 14.5.2014 e o 3.3.2015, desfavorables; e o 26.11.2015, favorable.

A demarcación de estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento emitiu informes o 14.5.2001, 27.3.2014 e 7.1.2016 (favorable condicionado).

A Deputación Provincial emitiu informes o 30.4.2001, 31.1.2014 (incluíndo documentación complementaria o 10.4.2014), 28.7.2014, 10.2.2015 e 15.1.2016 (favorable).

b) En materia de patrimonio cultural:

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informes en data 2.4.2001, 5.12.2014, 20.5.2015 e 12.1.2016 (favorable condicionado).

c) En materia de augas:

Informes de Augas de Galicia do 20.8.2001, 27.2.2015 e 16.3.2015 (favorable condicionado).

d) En materia de ambiente:

Informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI, do 6.11.2013, sobre xestión de residuos urbanos.

e) En materia de telecomunicacións:

Informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo) do 17.12.2013.

f) En materia de montes:

O Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar emitiu informe o 15.11.2013.

g) En materia de concentración parcelaria:

Informes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural do 15.11.2013, 24.9.2014, 6.2.2015 e 17.3.2015.

h) En materia de propiedades públicas:

Escrito da Delegación de Economía e Facenda de Lugo (Ministerio de Facenda e Administracións Públicas) do 8.11.2013.

i) En materia de dereitos mineiros:

Informe do Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria do 9.12.2013.

14. O secretario municipal certifica que se solicitou e non se emitiu en prazo o informe da Dirección General de Política Energética y Minas. Consta o informe extemporáneo deste organismo con data do 11.12.2015.

II. Análise e consideracións:

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que ten as competencias en materia de urbanismo e ordenación do territorio, analizou a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable; e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

Neses termos, púidose comprobar que o PXOM de Mondoñedo aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 8.2.2016, resulta conforme a normativa urbanística e sectorial de aplicación; cumprindo, en todo caso, formular as seguintes consideracións:

A. Determinacións en solo urbano.

1. No solo urbano consolidado, os planos de ordenación deben sinalar as rasantes da rede viaria pública (artigo 54.f) da LOUG).

2. Segundo o establecido no artigo 12 da LOUG, a apertura de novas vías exixe prever as correspondentes actuacións illadas en solo urbano:

– Ámbitos de ordenanza U4 e U2 entre os camiños de Fondoso e da Chanta (NE do PEPRI).

– Ámbitos con ordenanzas U8 e U2 situados ao norte do equipamento DOC-04 nos cales se abre unha vía entre as rúas das Viñas da Veiga e de Bos Aires.

– Ámbitos con ordenanza U3 na Carroceira, cunha nova rúa que se obterá por «normalización».

3. Cómpre establecer as fichas de todos os ámbitos de solo urbano non consolidado, coas determinacións correspondentes. Non se establecen determinacións sobre os prazos para o desenvolvemento do PERI-1; nin do Ámbito delimitado pola CN-634, a avenida de Buenos Aires e a estrada LU-124 obxecto da modificación puntual das normas subsidiarias con AD do 15.3.2001. Tampouco constan determinacións gráficas nin escritas para os polígonos P-1 (rúa Julia Pardo Montenegro), P-5 (rúa Casas Novas), P-7 (rúa San Lourenzo) e P-8 (esquina rúa San Lourenzo) mencionados no artigo 17 da normativa.

B. Clasificación do solo rústico.

De acordo co establecido no artigo 32.2.c da LOUG e co disposto nos respectivos proxectos sectoriais, deben incluírse como solo rústico de protección de infraestruturas, con independencia doutras categorizacións simultáneas, os ámbitos atinxidos polos parques eólicos Terral, Sasdónigas e Farrapa I.

No parque eólico Mondoñedo a delimitación de solo rústico de protección de infraestruturas debe respectar a establecida polo correspondente proxecto sectorial.

Deben clasificarse tamén como solo rústico de protección de infraestruturas os ámbitos atinxidos pola liña de alta tensión Mondoñedo-Meira, segundo o seu correspondente proxecto sectorial.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG, resolvo:

1º. Aprobar definitivamente, o Plan xeral de ordenación municipal de Mondoñedo, condicionado ao cumprimento das cuestións obxecto de reparación sinaladas no punto II desta orde.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio