Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2016 pola que se notifican as autorizacións aos solicitantes da axuda para a redución da produción de leite de vaca prevista no Regulamento delegado (UE) 2016/1612 da Comisión, do 8 de setembro de 2016.

O Regulamento delegado (UE) 2016/1612 da Comisión, do 8 de setembro de 2016, polo que se establece unha axuda para a redución da produción leiteira, establece a concesión de axudas destinadas exclusivamente á redución das entregas de leite de vaca.

Conforme se dispón no artigo 4 do citado Regulamento (UE) 2016/1612 da Comisión, os Estados membros notificarán as autorizacións aos solicitantes no prazo dos sete días hábiles seguintes á data límite de recepción das solicitudes prevista no artigo 2, número 2, sen prexuízo do disposto no número 2 do artigo 4, no suposto de que se supere o volume total máximo previsto para esta liña de axuda.

A Comisión Europea comunicou aos Estados membros que o volume agregado obxecto de todas as solicitudes de axuda recibidas non superou o volume total máximo de redución.

De conformidade co exposto, e recibidas as solicitudes de axuda para a redución da produción leiteira para o primeiro período de redución, correspondente aos meses de outubro, novembro e decembro de 2016,

RESOLVO:

Primeiro. Comunicación da aceptación das solicitudes de axuda

Notificar aos interesados que figuran na relación que figura na sede electrónica do Fondo Galego de Garantía Agraria (http://mediorural.xunta.gal/fogga/) que as súas solicitudes de axuda foron admitidas polo volume de litros que solicitaron.

En todo caso, esta aceptación está condicionada á verificación administrativa do cumprimento de todos os requisitos formais previstos no Regulamento (UE) 2016/1612.

Segundo. Presentación da solicitude de pagamento

Os interesados que figuran na devandita relación deberán presentar a solicitude de pagamento no prazo de 45 días naturais desde a data de finalización do período de redución.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria