Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45060

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 15 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L347, do 20.12.2013) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L149, do 20.5.2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuoso co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13.11.2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os efectos de concesión de axudas do dito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e as prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade, que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco estratéxico común. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso, tanto o sector extractivo como o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.

Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas destinadas a tripulantes de buques pesqueiros ao abeiro da normativa antes citada e realizar ao mesmo tempo a convocatoria destas axudas para o ano 2016, coa finalidade de apoiar o sector pesqueiro en medidas que contribuirán a facelo máis competitivo e respectuoso co seu contorno.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 e 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a tripulantes de buques pesqueiros para fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva

Artigo 2. Definicións

a) Para os efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

Buques de 3ª lista que pesquen en augas interiores: buques de artes menores segundo as artes que teñan no seu Permex (permiso de explotación) e que realicen unha actividade marisqueira competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou unha actividade pesqueira exclusivamente en augas interiores de Galicia.

b) Para as definicións non incluídas na letra a) deste artigo aplicaranse as definicións do Regulamento (UE) nº 1303/2013, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE e Regulamento (UE) nº 508/2014 relativo ao FEMP e, no seu defecto, demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas terán como finalidade:

1. A primeira adquisición dun buque de pesca.

2. A compensación socioeconómica a pescadores que traballasen a bordo dun buque pesqueiro obxecto de axuda á paralización definitiva.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2016 as axudas concederanse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas no orzamento de gastos da Consellería do Mar, segundo a Lei 12/2015 de orzamentos da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2016; o importe total máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario para cada unha delas, segundo a finalidade, é o seguinte:

14.02.723A.780.0, código proxecto: 2016.00280 (axuda inicial para a primeira adquisición dun buque de pesca): 500.000 €.

14.02.723A.770.2, código proxecto: 2016.00283 (compensar os efectos da paralización definitiva): 300.000 €.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65, punto 2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %, excepto para a compensación por paralización definitiva, en que o cofinanciamento do FEMP é nun 50 % e o do Estado membro (CA de Galicia) noutro 50 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 5. Beneficiarios e requisitos xerais

Poderán ser beneficiarios pescadores tripulantes de buques pesqueiros que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar enrolado nun buque con porto base en Galicia e ter o domicilio fiscal en Galicia.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non ter cometido infracción grave:

– Da PPC definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves, segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

5. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

6. Non estea nin estivese nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados países terceiros non cooperantes ao abeiro do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

7. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Á solicitude xuntarase unha declaración responsable, por parte do solicitante, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 a 6 deste artigo.

Artigo 6. Requisitos específicos dos beneficiarios

Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Se a finalidade é para a primeira adquisición dun buque de pesca:

– Ter menos de 40 anos de idade no momento de presentar a solicitude de axuda.

– Estar de alta no réxime dos traballadores do mar.

– Ter traballado, cando menos, cinco anos como pescador ou ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que vai adquirir (segundo o establecido no Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro).

– O buque que adquira ten que estar operativo e inscrito no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, ter unha eslora total inferior a 24 m, entre 5 e 30 anos de antigüidade, estar equipado para a pesca mariña e pertencer a un segmento de frota que no informe de capacidade pesqueira, vixente no momento da solicitude, a que se refire o artigo 22.2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, amose equilibrio coas posibilidades de pesca.

– A compra debe realizarse na súa totalidade, non se admitirán compras parciais.

– A adquisición non poderá ter lugar na mesma familia ata o segundo grado de parentesco, inclusive.

– Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 12 desta orde e non poderán estar finalizados, con independencia dos pagamentos realizados antes da data de presentación da solicitude.

b) Se a finalidade é compensar os efectos da paralización definitiva:

– Ter traballado no mar durante 90 días ao ano a bordo do buque pesqueiro afectado pola paralización definitiva nos dous anos civís anteriores á data de presentación de solicitude de axuda de paralización do buque. Enténdese por ano civil o comprendido entre o 1 de xaneiro ao 31 de decembro.

– O buque debe ser obxecto de axuda á paralización definitiva pola CA de Galicia dentro do marco do FEMP.

– Acreditar un período de cotización no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, cando menos, de doce meses ao longo da súa vida laboral.

Artigo 7. Obrigas xerais dos beneficiarios

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, que será a data contable do último pagamento, este non pode:

– Cesar na actividade produtiva.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos.

Esta letra b) non será de aplicación ás de compensación por paralización definitiva.

Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se nos dez anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando o beneficiario sexa unha peme.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

g) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

i) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, este non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, nin estar incluído na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados paíes terceiros non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008, do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 8. Obrigas específicas dos beneficiarios

Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, o beneficiario deberá cumprir ademais os seguintes requisitos:

1. No caso de axuda inicial para primeira adquisición dun buque de pesca o beneficiario deberá exercer de maneira habitual a actividade pesqueira a bordo do buque.

2. No caso de axudas de compensación pola paralización definitiva, o beneficiario non poderá retomar a súa actividade pesqueira dentro dun período inferior a dous anos a partir da data de presentación da solicitude de axuda, unha vez concedida esta. Se o beneficiario a retomase reembolsará pro rata temporis a dita axuda.

Artigo 9. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. No caso das axudas iniciais para primeira adquisición dun buque de pesca, o investimento máximo subvencionable será o do prezo de adquisición do buque e a axuda será o 25% do dito custo, sen que en ningún caso esta sexa superior a 75.000 €.

3. Para as axudas de compensación socioeconómica a pescadores que traballasen a bordo dun buque pesqueiro obxecto de axuda á paralización definitiva, o investimento máximo subvencionable non poderá superar por beneficiario individual o dobre do salario mínimo interprofesional fixado en cada momento, en cómputo anual. O investimento máximo subvencionable será o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no ano de convocatoria da axuda, en cómputo anual. A axuda será do 100 %.

Artigo 10. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Este artigo non é de aplicación para a compensación socioeconómica.

2. Para a adquisición dun buque de pesca, os investimentos que poderán ser obxecto de subvención son o custo de adquisición da embarcación.

3. Non serán subvencionables:

– Os gastos de xestoría, rexistro, etc. distintos do prezo de compra do buque.

– As construcións ou importacións de buques.

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo ou aqueles pagados mediante préstamos non emitidos por entidades de crédito.

4. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, aprobados polo Comité de Seguimento, e que segundo se indica na citada norma serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se vai conceder.

Artigo 12. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes da presentación da solicitude. Excluirase desta obriga a axuda de compensación socioeconómica.

2. O non inicio das actuacións para a primeira adquisición dun buque de pesca acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2016 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes e documentación (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

a) Se o investimento é para axuda inicial para primeira adquisición dun buque de pesca, deberá achegar:

– Anexo I de solicitude de axudas destinadas á adquisición dun buque de pesca (código do procedemento PE119A).

– Copia do DNI da persoa solicitante, só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

– Copia do DNI da persoa representante, só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

– Compromiso de adquisición do buque con indicación do nome, matrícula, importe do custo asinado polo potencial vendedor e comprador.

– Informe de vida laboral emitido na mesma data que a presentación da solicitude.

– Copia de todas as follas de todos os cadernos de inscrición marítima que deberán estar actualizados.

– Certificado de navegabilidade do buque, certificado de conformidade (se procede) en vigor.

– Plan de empresa.

– De ser o caso, documento acreditativo de ter a titulación profesional exixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir: patrón local de pesca, patrón costeiro polivalente ou superior (segundo o establecido no Real decreto 36/2014).

– Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias

– Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achegar a disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto:

* Certificados bancarios actualizados das contas bancarias do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e tamén dos recursos alleos (préstamos de entidades de crédito).

Considérase a documentación mínima para a tramitación de solicitudes presentar os documentos seguintes:

– Anexo I de solicitude de axudas destinadas á primeira adquisición dun buque de pesca, asinado por persoa física.

– Compromiso de adquisición do buque con indicación do nome, matrícula, importe do custo asinado polo potencial vendedor e comprador.

A non presentación da dita documentación mínima nos termos descritos dará lugar á inadmisión da solicitude.

b) Se a axuda é para a compensación socioeconómica a pescadores que traballasen a bordo dun buque pesqueiro obxecto de axuda á paralización definitiva deberá achegar:

– Anexo II de solicitude de axudas destinadas á compensación dos efectos da paralización definitiva (código do procedemento PE119B).

– Copia do DNI da persoa solicitante, só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).

– Copia do DNI da persoa representante só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, 10 de xullo).

– Copia de todas as follas de todos os cadernos de inscrición marítima, que deberán estar actualizados.

– Informe de vida laboral emitido na mesma data que a presentación da solicitude.

– Documentación acreditativa da finalización da relación laboral respecto do buque paralizado: resolución sobre recoñecemento de baixa emitido polo Instituto Social da Mariña e, se o pescador é traballador por conta allea, tamén carta de despedimento. De non estar rematada a dita relación, poderá achegala no momento da xustificación da axuda.

Artigo 15. Tramitación de solicitudes

1. A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos e, se así non o fixer, terase por desistido da súa solicitude. Non se aplicará o anteriormente exposto ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima sinalada no artigo 14, punto 9, segundo parágrafo, respecto da primeira adquisición do buque, que non serán admitidas, e darase por finalizada a súa tramitación.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, punto 7, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de valoración.

6. Para os expedientes que non cumpran os requisitos, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria continuarán tramitándose de acordo co establecido no presente artigo.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

Os proxectos que se financien deberán adecuarse ao programa operativo do FEMP e ser técnica e economicamente viables.

I) Criterios xerais de avaliación.

1. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais nos cales se terán en conta as seguintes consideracións:

– Idoneidade segundo o programa operativo do FEMP.

– Valoración da viabilidade económica.

– Valoración da viabilidade técnica.

2. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha acecuada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan achegar valor engadido a esta avaliación.

3. Para a valoración ao programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do programa operativo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

4. O órgano instrutor emitirá un «informe de idoneidade» para cada solicitude que alcanzase esta fase, no cal se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: <= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5) e inadecuado (nulo <=2) en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como «inadecuado» non poderán continuar tramitándose. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda, na cal se indicarán as causas que a motivan.

5. Os proxectos que superaren a valoración ao programa operativo do FEMP deberán ser técnica e economicamente viables, para o cal o órgano instrutor solicitará os correspondentes informes técnicos.

6. Os proxectos para os cales algún dos correspondes informes de viabilidade técnica ou viabilidade económica fosen desfavorables entenderanse non viables para a obtención dos fondos públicos, para o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda, na cal se indicarán as causas que a motivan.

II) Criterios específicos de avaliación.

1. Unha comisión de selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co establecido nesta alínea.

2. Os criterios de selección poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

3. Para o ano 2016 os criterios que servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes serán os que se relacionan a continuación segundo a finalidade da axuda:

a) Para a axuda inicial para a primeira adquisición do buque, ata un total de 50 puntos:

– Pola idade do solicitante: 40 - a idade do solicitante

– Se a solicitante é unha muller: 10 puntos

– Por ser un buque de pesca costeira artesanal: 10 puntos.

– Capacidade de financiamento: priorizaranse aqueles que conten con maior implicación económica con recursos propios do solicitante, de xeito que:

• Financiamento con fondos propios sexa igual ou superior ao 40 %: 6 puntos.

• Financiamento sexa maior do 15 % e menor do 40 %: 3 puntos.

• Financiamento igual é inferior ao 15 %: 1 punto.

En caso de empate, terá prioridade a persoa máis nova tendo en conta a data de nacemento.

b) Se a axuda é para compensación socioeconómica dos efectos da paralización definitiva:

Por cada día de cotización ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar: 1 punto.

En caso de empate, terán preferencia as persoas solicitantes de maior idade.

3. Os solicitantes que renunciasen á axuda unha vez concedida ou fosen resoltos decaídos no seu dereito de cobramento na convocatoria do ano anterior e se volvan presentar serán considerados en último lugar e non se lles aplicarán os criterios de valoración, salvo para competir entre os que estean nesta situación.

C) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde, e indicarán os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo ca puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A comisión de selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo ca puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada dos criterios específicos de cada expediente.

5. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

6. No caso de empate na valoración, a comisión de selección aplicará os criterios de desempate establecidos nos criterios específicos.

Artigo 16. Comisión de selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente, as xefaturas do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada unha das xefaturas territoriais e a xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que exercerá a secretaría.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de polo menos a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

5. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

6. A reunión da comisión de selección poderá ter lugar presencial ou telematicamente.

7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por beneficiario será necesaria a autorización do Consello da Xunta. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de tres meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez notificada a dita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se percibe a subvención.

5. O número máximo de anualidades non será superior a catro e o período límite de xustificación será ata o 31 de decembro da última anualidade.

Artigo 18. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo anterior non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo de tres (3) meses ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberán ser comunicadas polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización nun prazo non inferior a dous meses antes da data límite de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito o beneficiario deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin se aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou beneficiario non desvirtúen a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 31 de outubro de 2016, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña dun prazo distinto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvenciones de Galicia.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase co pagamento da adquisición.

b) Que os beneficiarios estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, o beneficiario non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse en exemplar orixinal e unha copia simple. Os exemplares deberanse presentar en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa seguinte documentación:

– Anexo III, de declaración responsable doutras axudas no pagamento e compromiso do requisito de admisibilidade.

– Ademais, segundo o caso:

a) Para a axuda inicial para a primeira adquisición do buque:

– Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque adquirido na súa totalidade.

– Documento público de compravenda do buque en que consten todas as circunstancias e pagamentos efectivamente realizados.

– Se é o caso, certificación bancaria dos pagamentos realizados con posterioridade á escritura de compravenda e antes do fin do prazo de xustificación.

– Documento xustificativo do pagamento do imposto de transmisións patrimoniais.

– Seguro da embarcación que garanta a cobertura de danos a terceiros.

b) Se a axuda é para compensación socioeconómica dos efectos da paralización definitiva:

– Documentación acreditativa da finalización da actividade laboral en relación co buque paralizado, no caso de que non se presentase no momento de solicitar a axuda.

5. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 21. Reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) que o beneficiario cometa infracción do dereito comunitario e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Autorizacións do beneficiario

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, se a persoa solicitante ou representante denegase expresamente o consentimento, deberá presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 24. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional terceira

En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file