Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45058

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 15 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións relativas ao fomento de novas empresas acuícolas que practiquen unha acuicultura sustentable, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 318174.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os novos acuicultores que creen por primeira vez unha micro ou pequena empresa acuícola como titulares.

Considérase novo acuicultor, para efectos destas bases, aquela persoa física ou xurídica que non estea acometendo outra actividade económica en materia de acuicultura na data de presentación da solicitude de axuda.

Esta axuda concederase aos acuicultores que inicien as súas actividades no sector, sempre que:

a) Conten coas competencias e coas cualificacións profesionais adecuadas.

b) Creen por primeira vez unha microempresa ou pequena empresa acuícola como titulares.

c) Presenten un plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades acuícolas e xustifiquen a viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto, así como a súa sustentabilidade.

Segundo. Finalidade

1. Esta orde ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas ao fomento de novas empresas que practiquen unha acuicultura sustentable, así como a súa convocatoria para o exercicio de 2016.

2. Serán subvencionables os proxectos de creación de microempresas ou pequenas empresas acuícolas por parte de novos acuicultores que cumpran os requisitos para ser consideradas novas micro ou pequenas empresas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 15 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións relativas ao fomento de novas empresas acuícolas que practiquen unha acuicultura sustentable, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para o ano 2016 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.772.7, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2016, aprobado pola Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. A concesión das subvencións queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 2.000.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar