Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45273

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Arzúa (A Coruña), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/20-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 16.4.2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Arzúa (A Coruña), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (11.7.2013) e no Boletín Oficial da provincia (30.5.2013).

Segundo consta neste proxecto de autorización administrativa, a subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de gas natural licuado (GNL) situada ao oeste do núcleo urbano de Arzúa, e desde a cal partirá a rede de distribución cara a este núcleo urbano, acadando unha lonxitude de 8.028 m.

Segundo. En canto aos proxectos de execución, o 24.8.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou as dúas solicitudes seguintes:

– Aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Arzúa (A Coruña)», xunto co proxecto de execución e das separatas técnicas para os organismos afectados (Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Arzúa).

– Aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Arzúa (A Coruña)», xunto co proxecto de execución e das separatas técnicas para os organismos afectados (Deputación Provincial da Coruña e Concello de Arzúa).

A planta de GNL instalarase na parcela de referencia catastral nº 15006A514006040000DK (polígono 514, parcela 604), situada na rúa Río Vello, no polígono empresarial de Arzúa e que se corresponde coa parcela elixida no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa. Este proxecto da planta de GNL someteuse ao procedemento de aprobación do proxecto de execución baixo o número de expediente IN627A 2015/21-0.

Pola súa parte, a rede de distribución terá o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, discorrerá soterrada, dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 0,4 bar e construirase en polietileno de calidade PE-100 SDR 17,6 en distintos diámetros (160, 110, 90 e 63 mm), acadando unha lonxitude de 8.489 m. Este proxecto da rede de distribución someteuse ao procedemento de aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da utilidade pública baixo o número de expediente IN627A 2015/20-0.

Terceiro. O 13.10.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Arzúa (A Coruña)», promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/20-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.11.2015, no Boletín Oficial da provincia do 6.11.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 18.11.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Arzúa.

Así mesmo, practicouse notificación individual ao propietario do predio afectado pola dita infraestrutura gasista (nº de predio CO-AR-01), que aparece na RBDA incorporada como anexo á citada Resolución do 13.10.2015 pola cal se realizou o trámite de información pública.

Durante este trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 19.10.2015 esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da rede de distribución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados por ela: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Arzúa.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos en que manifestan a súa conformidade e/ou fixan o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

A respecto das entidades que non contestaron (Deputación Provincial da Coruña e Concello de Arzúa), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Quinto. O 5.1.2016 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiron informe sobre os expedientes de referencia (IN627A 2015/20-0 e IN627A 2015/21-0), no cal se conclúe o seguinte:

– Conforme o establecido no Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, procede a caducidade da autorización administrativa recollida na Resolución do 16.4.2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

– Deberíase proceder por parte do órgano substantivo á tramitación das solicitudes presentadas por Gas Galicia SDG, S.A., atendendo ao solicitado nelas e de acordo co procedemento establecido no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, e requirir previamente as separatas para os titulares de bens ou servizos dependentes das administracións públicas, organismos e empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral.

No dito informe, e como antecedentes, recóllense unha serie de observacións que conducen ás citadas conclusións:

– Conforme o disposto na Resolución do 16.4.2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Arzúa, o prazo para a presentación do proxecto de execución rematou o 11.1.2014.

– No procedemento establecido no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, non se prevé dentro dos procedementos establecidos a posibilidade de achegar varios proxectos de execución dunha autorización administrativa.

– Non se achegan separatas para os titulares das infraestruturas eléctricas e de telecomunicacións (verificouse in situ que resulta imposible o trazado das canalizacións de gas propostas polo núcleo urbano sen afectar calquera destes servizos).

Sexto. O 28.1.2016 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. completou a documentación presentada inicialmente, coa presentación das separatas técnicas para as seguintes empresas de servizos: Unión Fenosa Distribución, Viaqua, Telefónica e R Cable y Telecomunicaciones.

O 12.2.2016 esta dirección xeral trasladou a esta empresas de servizos as novas separatas técnicas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Todas estas empresas presentaron os seus respectivos escritos en que manifestan a súa conformidade e/ou fixan o seu condicionado técnico, do que se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. A respecto do informe emitido pola xefatura territorial sobre os expedientes de referencia (IN627A 2015/20-0 e IN627A 2015/21-0), a que se fai referencia no antecedente de feito quinto desta resolución, faise constar o seguinte:

– A revogación da autorización administrativa de referencia ten un carácter potestativo para a Administración segundo se desprende dos seguintes preceptos:

• O artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, establece que o incumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación.

• A condición sexta da autorización administrativa de referencia establece que a Administración reserva para si o o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

– No momento de presentación do proxecto de execución, a autorización administrativa estaba en vigor porque non se tiña iniciado o procedemento para a súa revogación, polo tanto, admitiuse a trámite a solicitude de aprobación do proxecto de execución.

– Da normativa reguladora do procedemento de autorización das infraestruturas gasistas non se desprende ningunha prohibición para desenvolver, a través dun ou varios proxectos de execución, a infraestrutura gasista recollida nun proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

– A respecto das empresas de servizos afectadas pola dita rede de distribución de gas natural, tramitáronse as respectivas separatas técnicas, de acordo co detallado no antecedente de feito sexto desta resolución.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista cuxo proxecto leva por título «Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Arzúa (A Coruña)», promovida por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/20-0).

2. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada infraestrutura gasista, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Arzúa (A Coruña)», asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez (colexiado nº 2.233 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña) e no cal figura un orzamento de 504.009,13 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberanse comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas