Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45268

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Silleda, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2014/74-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 5.8.2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Silleda (Pontevedra).

Segundo consta no proxecto presentado, cuxo orzamento ascende a 472.341 €, as características básicas das instalacións son as seguintes:

– A subministración de gas natural farase cun módulo de regasificación de GNL (gas natural licuado), con depósito de almacenamento de 60 m3 e cuxa instalación está prevista na parcela de referencia catastral 36052K50600549.

– A rede de distribución terá o seu inicio neste módulo, desde o cal partirá un eixe principal que posteriormente se dividirá en diferentes ramais de menor diámetro para cubrir adecuadamente a demanda de gas das diferentes áreas do núcleo urbano, empregándose tubaxe de polietileno.

– O nivel de presión que se adoptará elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo que se vai subministrar ou o número total de clientes potenciais.

Segundo. O 1.9.2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.9.2014 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 14.4.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural en Silleda (expediente IN627A 2014/74-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.6.2015, no Boletín Oficial da provincia do 28.5.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 28.5.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Silleda.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 17.4.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do citado proxecto de autorización administrativa presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello de Silleda, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este concello emitiu informe técnico ao respecto, no cal se detallan os bens municipais que se verán afectados e exíxese o seu restablecemento ou mellora logo de rematar as obras e, así mesmo, indícase que non se achegan datos sobre a normativa de prevención de incendios en canto ao módulo de regasificación.

Deste informe do concello deuse traslado á empresa promotora da infraestrutura gasista, Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou escrito de conformidade, en que se sinala que os datos de prevención de incendios para o módulo de regasificación se incluirán no proxecto de execución e nas separatas que se presentarán para solicitar a correspondente licenza municipal de obras.

Quinto. O 13.7.2015 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe sobre o proxecto de autorización administrativa para a distribución de gas natural en Silleda, no cal se conclúe que se axusta no seu contido ao considerado no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

– Outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Silleda (Pontevedra), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde a notificación desta resolución, unha fianza por valor de 9.446,82 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de tres meses, contado a partir da notificación desta resolución, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a aprobación do proxecto de execución, para o cal deberá presentar o proxecto detallado das instalacións e, se é o caso, as separatas técnicas correspondentes.

As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. A autorización administrativa que se outorga afecta o termo municipal de Silleda, na provincia de Pontevedra, e prevé a gasificación do núcleo de poboación de Silleda de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de autorización administrativa de distribución de gas natural no termo municipal de Silleda (Pontevedra)-xullo 2014», e asinado pola enxeñeira industrial Isabel Fernández Romero (colexiada nº 16.707 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid).

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas