Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2016 Páx. 44728

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS)

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2016 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos, co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

A Axencia Galega para a Xestión de Coñecemento en Saúde, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade, asume a coordinación do proxecto europeo Empattics (Empowering Patients for a BeTTer Information and Improvement of the Communication Systems).

A Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, no seu artigo 15, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG nº 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza de titulado/a superior de xestor de proxecto para a execución e xestión do proxecto europeo Empattics (Empowering Patients for a BeTTer Information and Improvement of the Communication Systems) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2016

Sonia Martínez Arca
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Bases da convocatoria

Bases da convocatoria para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo de persoal laboral temporal do grupo I do V convenio colectivo único para persoal laboral da Xunta de Galicia para traballar na execución e xestión do proxecto europeo Empattics (Empowering Patients for a BeTTer Information and Improvement of the Communication Systems).

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Convócase proceso selectivo para a contratación, ao abeiro do artigo 7.5. b) do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia dun efectivo persoal laboral temporal do grupo I do citado convenio colectivo cunha das seguintes titulacións de grao (ou licenciado) en Ciencias Sociais o en Ciencias da Vida: Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Empresariais, Ciencias Químicas, Farmacia, Ciencias Biolóxicas ou Medicina.

A persoa seleccionada vai traballar na execución e xestión do proxecto europeo Empattics (Empowering Patients for a BeTTer Information and improvement of the Communication Systems). Trátase dun proxecto que pretende desenvolver tecnoloxías encamiñadas a incrementar a adherencia aos tratamentos e o fomento de hábitos de vida máis saudables. O proxecto utiliza mecanismos de compra pública precomercial para aliñar as necesidades dos servizos de saúde e as capacidades técnicas e de desenvolvemento do sector privado. En Empattics, baixo a coordinación de ACIS participan seis organizacións europeas (máis información en http://empattics.eu/). En concreto a persoa seleccionada contrátase para a realización das seguintes funcións:

Realizar a xestión e coordinación do proxecto Empattics levando a cabo as tarefas de actividades administrativas e de xustificación económica asociadas ao proxecto;

1. Preparar organizar e dinamizar reunións de traballo co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados.

2. Preparar informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto.

3. Analizar e priorizar tecnoloxías susceptibles de seren incorporadas ao proxecto.

Desenvolver metodoloxías de control do proxecto, así como indicadores de seguimento deste.

4. Aplicar os modelos de compra pública precomercial durante a execución do proxecto

5. Representar a ACIS nos diferentes foros, redes e organismos, e a interlocución con outros axentes públicos e privados relacionados con proxecto.

6. Calquera outra función non definida aquí e considerada desde ACIS relacionada coa execución e coordinación do proxecto Empattics.

* Número de efectivos: 1.

* Centro directivo: o centro directivo é a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde adscrita a Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela, aínda que terá que facer desprazamentos a países de Europa, por mor do seu traballo.

* Duración: desde a súa formalización ata o 30 de abril de 2019.

De acordo co artigo 15 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do mencionado V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 e desenvolvida na Orde do 14 de xaneiro de 2016 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2016.

1.3. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do RDL 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para seren admitidos no proceso de selección os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.4, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Teren cumpridos dezaseis anos de idade.

2.1.3. Titulación académica.

Estar en posesión da titulación de grao (ou licenciado) en Ciencias Sociais ou en Ciencias da Vida: Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Empresariais, Ciencias Químicas, Farmacia, Ciencias Biolóxicas ou Medicina.

Ademais da titulación antes indicada requírese a titulación de máster en Desenvolvemento Económico e Innovación, máster en Innovación, máster en Xestion de Políticas Públicas ou máster en Xestión e Administración de Empresas.

Finalmente, solicítase formación especializada en xestión de proxectos e nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas MCER.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será obrigatorio para os aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.1.4. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.5. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, ademais dos/as posibles candidatos/as seleccionados polo Servizo Público de Emprego, ao cal cursará oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, todas aqueloutras persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo, deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas, que no caso de se obteren no estranxeiro deberá estar homologada en España.

d) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares relacionados coa avaliación de tecnoloxías sanitarias.

e) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

f) Fotocopia compulsada do titulo acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia número 146, do 30 de xullo).

g) Fotocopia das publicacións relacionadas coa avaliación de tecnoloxías sanitarias. No caso das publicacións monográficas presentarase fotocopia das cubertas e da portada onde apareza o depósito legal e a autoría do documento. En canto aos artigos científicos, fotocopiarase a totalidade do documento.

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva do/a candidato/a tanto os erros na consignación deste como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Loxicamente este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación da solicitude farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) e no taboeiro de anuncios desta. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Na mesma data da publicación das presentes bases, presentarase na oficina do Servizo Público de Emprego segundo o disposto no artigo 7.6 b) do V convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Para calquera aclaración ou información adicional os/as interesados/as poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no número de teléfono 981 55 51 03.

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Baremo.

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/as aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

4.1.1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría a que se pretende acceder: 0,15 puntos/mes.

4.1.2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións públicas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,10 puntos ao mes.

4.1.3. Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,05 puntos ao mes.

A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder os 5 puntos.

Os méritos relativos á experiencia profesional na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas deberán acreditarse por calquera destes dous medios:

– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración onde veñan desempeñando os servizos incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e remate do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante.

– Fotocopia cotexada dos documentos orixinais xunto con informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/os de tempo alegado/os).

4.2. Formación: ata un máximo de 5 puntos.

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta, organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Públicas, Fegas, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidade autónomas, universidades, Inem, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFCAP, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria:

Cursos de ata 25 horas: 0,1 puntos.

Cursos de máis de 25 horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos.

Cursos de 75 horas ou máis: 0,3 puntos.

4.3. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado) e que sexa superior ao establecido como requisito de acceso.

En grao de perfeccionamento/Celga 4: 0,75 puntos.

Outro grao superior ao anterior: 1 punto.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, aos cursos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia lingüística da Xunta de Galicia.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso será nomeado, pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conforme o previsto no artigo 11 do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Sexta. Admisión dos/as aspirantes e baremación dos méritos

6.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, comprobado polo tribunal que os/as aspirantes reúnen os requisitos exixidos segundo o disposto nas bases da presente convocatoria, e valorados os candidatos/as presentados, segundo os méritos por eles alegados, conforme o baremo establecido, o tribunal de selección ditará resolución declarando aprobada a relación provisional de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios.

Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de cinco días hábiles, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para poder emendar, se é o caso, as causas da súa exclusión.

6.2. A estimación ou desestimación das ditas emendas entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as coas puntuacións provisionais dos méritos alegados polos aspirantes.

A relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as coas puntuacións provisionais dos méritos alegados polos/as aspirantes farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (www.acis.sergas.es) e no seu taboleiro de anuncios.

Os/as aspirantes admitidos/as disporán dun prazo de cinco días hábiles, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para facer as reclamacións que consideren oportunas sobre estas.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

6.3. Finalmente o tribunal ditará unha resolución que se publicará na páxina web da Axencia (www.acis.sergas.es) e no taboleiro de anuncios, aprobando a relación definitiva de puntuacións dos méritos alegados polos/as aspirantes admitidos/as.

Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de cinco días hábiles, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do día seguinte ao da súa publicación, para facer as reclamacións que consideren oportunas sobre estas.

6.4. Rematado o proceso selectivo, o tribunal proporá a Xerencia da Axencia como aspirante para contratar para a cobertura da vacante obxecto desta convocatoria a aquel que alcanzase o primeiro posto na orde de prelación de resultados das puntuacións definitivas.

6.5. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, que deberá presentar no prazo de cinco días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación perante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde no cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.4.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.5.

6.6. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á súa contratación para o posto para que foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado o seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior, a documentación citada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que un candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.7. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que sendo de trámite decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file