Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2016 Páx. 43747

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2016, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 16 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 220, do 18 de novembro), pola que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o día 15 de setembro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde da Consellería de Facenda do 13 de abril de 2015 (DOG número 74, do 19 de abril), encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1,

ACORDOU:

Que o segundo exercicio da fase de oposición terá lugar o día 28 de setembro de 2016 e que o lugar de realización será na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela (avenida Dr. Ángel Echeverri, s/n. Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela), na aula 1, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas.

Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016

Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal