Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 22 de setembro de 2016 Páx. 43442

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de setembro de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) no sector de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a efecto o día 23 de setembro de 2016.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga foi convocada pola organización sindical CIG e está dirixida a todos os traballadores e traballadoras das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, e levarase a efecto entre as 0.00 horas e as 24.00 horas do día 23 de setembro de 2016.

Con base no anterior, e logo da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga dirixida ao persoal das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá efecto desde as 0.00 horas ás 24.00 horas do día 23 de setembro de 2016, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue:

1. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 (FPUSG-061) a través da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG). O servizo préstase mediante:

– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) medicalizadas ou UVI´s móbiles, é dicir, ambulancias tipo C concertadas pola FPUSG-061, que se corresponden cun total de 10 unidades, situadas en 10 bases. O horario de servizo é de 24 horas.

– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir, ambulancias tipo B concertadas pola FPUSG-061 que se corresponden cun total de 106 unidades. O número de bases por provincia é o seguinte: 36 bases na provincia da Coruña con 42 vehículos, 20 bases na provincia de Lugo con 22 vehículos, 15 bases na provincia de Ourense con 17 vehículos, e 27 bases na provincia de Pontevedra con 35 vehículos.

2. Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado desde os hospitais e prestado con ambulancias dos seguintes tipos: convencionais, asistenciais de soporte vital básico e asistenciais de soporte vital avanzado.

3. Transporte sanitario non urxente, xestionado desde os centros e estruturas do Servizo Galego de Saúde e prestado con ambulancias dos tipos convencionais, asistenciais de soporte vital básico e vehículos de transporte sanitario colectivo.

4. Transporte sanitario prestado polas empresas que afecten enfermos ou accidentados na comunidade autónoma, non incluído nos puntos anteriores.

A Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG) está organizada consonte a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se consideran como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito á saúde de pacientes en situacións especiais, en que calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada poida desencadear un risco vital.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Os tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ás persoas enfermas e accidentadas que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidas polas características do servizo dispensado.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:

1. Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. O 100 % dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia, e diálise.

3. Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, determinarase o 50 % dos recursos por quendas ou franxas horarias establecidas, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.

4. No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o/a paciente necesite padiola.

Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases e o número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) e de soporte vital avanzado (AA-SVA) precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga. As AA- SVB estarán dotadas con condutor/a e axudante e as AA-SVA con condutor/a.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e aos usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO
Bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB)
e de soporte vital avanzado (AA-SVA) precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga

– Provincia da Coruña

A Coruña-3 bases

(3 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas + 2 AA-SVA)

Arzúa

Arteixo

As Pontes

Betanzos

Boiro

Cambre

Carballo (2 AA-SVB)

Cariño

Cee

Cedeira

Cerceda

Curtis

Ferrol-2 bases

(2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Mazaricos

Melide

Muros

Narón (1 AA-SVB 12 horas)

Negreira

Noia

Oleiros

Ordes

Ortigueira

Padrón

Ponteceso

Pontedeume

Rianxo (1 AA-SVB 12 horas)

Ribeira

Sada

Santa Comba

Santiago-2 bases

(2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Vimianzo

Total provincia da Coruña: 36 bases/42 ambulancias

– Provincia de Lugo

A Fonsagrada

A Pontenova

Becerreá

Burela

Chantada

Foz-2 bases

(1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVA)

Guitiriz

Lugo-2 bases

(2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Mondoñedo

Monforte de Lemos

Meira

Navia de Suarna

O Corgo

Palas de Rei

Quiroga

Ribadeo

Sarria

Vilalba

Viveiro

Total provincia de Lugo: 20 bases/22 ambulancias

– Provincia de Ourense

A Gudiña

Allariz

Bande

Carballiño, O

Castro Caldelas

Celanova

Maceda

O Barco

Ourense-2 bases

(2 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVA)

Pobra de Trives, A

Ribadavia

Verín

Viana do Bolo

Xinzo de Limia

Total provincia de Ourense: 15 bases/17 ambulancias

– Provincia de Pontevedra

A Cañiza

A Estrada

A Guarda

Arbo (1 AA-SVB 12 horas)

Baiona (1 AA-SVB 12 horas de luns a venres e 24 horas sábado e domingo)

Bueu

Caldas de Reis

Cambados

Cangas

Lalín

Marín (1 AA-SVB 16 horas)

Moaña

Mos (1 AA-SVA)

Nigrán

O Grove

O Porriño

Ponteareas (1 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas)

Pontevedra-2 bases

(2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Portonovo

Redondela

Silleda

Tomiño (1 AA-SVB 12 horas)

Tui

Vigo-2 bases

(3 AA-SVB + 3 AA-SVB 14 horas + 1 AA-SVA)

Vilagarcía (1 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas)

Total provincia de Pontevedra: 27 bases/35 ambulancias

Total Galicia: 98 bases/116 ambulancias

Entre parénteses figura o número de recursos cando a base ten máis de un, así como a asignación horaria naqueles recursos cuxo tramo horario é inferior a 24 horas/día.