Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2016 Páx. 42963

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2016 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde, ordenada pola Resolución da Consellería de Sanidade do 7 de setembro de 2016, para a realización de actividades de carácter técnico e de xestión en relación co Plan de innovación Código 100.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procederase a dar publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde, ordenada por Resolución da Consellería de Sanidade, do 7 de setembro de 2016, coas seguintes características:

1. O 17 de xuño de 2016, o Servizo Galego de Saúde asinou co Ministerio de Economía e Competitividade un convenio para o denominado Proxecto Código100. O Plan de innovación denominado Código100 componse de tres liñas de actuación:

1º. Liña Código 100 Empoderamento-CPI: impulsada co obxectivo de promover unha maior participación do usuario no proceso terapéutico e, por tanto, un maior empoderamento dos pacientes.

2º. Liña Código 100 Terapias avanzadas-CPI: que pretende avanzar na personalización de terapias e tecnoloxías de diagnóstico para unha asistencia sanitaria máis eficaz e eficiente.

3º. Liña Código 100 Xestión do coñecemento-CPI: que debe contribuír a unha dinamización do coñecemento sanitario co obxectivo de obter un maior impacto en todas as liñas de actuación.

As actividades de carácter material, técnico ou de servizos obxecto da encomenda son actividades de coordinación xeral do proxecto Plan de innovación Código 100, así como as actividades de coordinación, seguimento e execución en relación coas liñas 2 (terapias avanzadas) e 3 (xestión do coñecemento) do citado plan.

2. A Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, é unha axencia pública autonómica pertencente ao grupo de entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga). A Axencia posúe, consonte o artigo 5 dos seus estatutos, a condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden.

3. A realización das actividades obxecto da encomenda por parte da Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa para a entidade encomendada.

4. A encomenda producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase ata o 31 de decembro de 2019. O dito prazo prorrogarase automaticamente por períodos dun (1) ano, agás que algunha das partes exprese a vontade da súa resolución cunha antelación mínima dun mes á data de remate deste.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2016

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde