Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2016 Páx. 42458

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2016 pola que se establece o cronograma de actuacións para a adecuación dos establecementos de acuicultura que alberguen especies incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras.

Na nosa actual sociedade medrou, nas últimas décadas, a preocupación polos problemas relativos á conservación do noso patrimonio natural e da nosa biodiversidade. Entre outros problemas ambientais, a desaparición, en ocasións irreversible, de gran cantidade de especies da flora e da fauna silvestres e a degradación de espazos naturais de interese, converteuse en motivo de seria preocupación para a cidadanía que vén reivindicando, cada vez con máis voz, un ambiente de calidade que garanta a súa seguridade e saúde.

Neste marco, cada vez máis exixente dun desenvolvemento sustentable, xurdiu a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, cuxo capítulo III se centra na problemática das especies exóticas invasoras derivada da globalización de intercambios de todo tipo, e crea o Catálogo español de especies exóticas invasoras, no cal se incluirán todas aquelas especies e subespecies exóticas invasoras que constitúan, de feito, ou poidan chegar a constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, a agronomía ou para os recursos económicos asociados ao uso do patrimonio natural.

A citada Lei 42/2007 estableceu que as administracións públicas competentes prohibirán a introdución de especies, subespecies ou razas xeográficas alóctonas, cando estas sexan susceptibles de competir coas especies silvestres autóctonas, alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios ecolóxicos, de acordo co seu artigo 52.2. Ademais creou, no artigo 61.1, o Catálogo español de especies exóticas invasoras, no cal se deben incluír todas aquelas especies ou subespecies exóticas invasoras que constitúan, de feito, ou poidan chegar a constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, a agronomía, ou para os recursos económicos asociados ao uso do patrimonio natural. O dito catálogo terá carácter administrativo e ámbito estatal e regularase regulamentariamente.

En desenvolvemento desta norma promulgouse o Real decreto 1628/2011, do 14 de novembro, polo que se regulan a lista e Catálogo español de especies exóticas invasoras. Na súa aplicación producíronse diversas dificultades que fixeron precisa a promulgación dun novo texto.

Deste xeito, o 3.8.2013 publicouse no Boletín Oficial del Estado (en diante, BOE), núm. 185, o Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

A citada norma ten por obxecto regular o Catálogo español de especies exóticas invasoras e, en concreto, establecer:

a) As características, contidos, criterios e procedementos de inclusión ou exclusión de especies no catálogo.

b) As medidas necesarias para previr a introdución de especies exóticas invasoras e para o seu control e posible erradicación.

c) As características e contido das estratexias de xestión, control e posible erradicación das especies exóticas invasoras.

O 18.10.2013 as entidades Coda-Ecologistas en Acción, Sociedad Española de Ornitología (en siglas, SEO) e a Asociación para el Estudio y Mejora de los Salmónidos (AEMS-Ríos con Vida), interpuxeron ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo recurso contencioso-administrativo fronte ao Real decreto 630/2013, en que no petitum da demanda a nulidade da disposición xeral obxecto do recurso. Subsidiariamente solicitaban a declaración de procedencia de ser catalogadas como exóticas invasoras unha serie de especies entre as que se atopa a Oncorhynchus mykiss, coñecida como troita arco da vella, e a Undaria pinnatifida, coñecida como wakame. Do mesmo xeito, solicitaban que se declarase a nulidade das disposicións adicionais quinta e sexta do Real decreto 630/2013 e da súa disposición transitoria segunda.

Por medio da Sentenza núm. 637/2016, ditada o 16.3.2016, o Tribunal Supremo estima en parte a demanda formulada e declara a nulidade do real decreto exclusivamente no que se refire aos seguintes aspectos:

1. A exclusión do Catálogo das especies Batrachocytrium dendrobatidis, Undaria pinnatifida, Helianthus tuberosus, Cyprinus carpio, Oncorhynchus mykiss, debendo consecuentemente quedar estas incluídas no dito catálogo.

2. A exclusión do Catálogo da poboación murciana do bóvido Ammotragus lervia, debendo quedar a dita especie incluída sen excepcións.

3. A disposición adicional quinta, que queda anulada na súa totalidade.

4. A disposición adicional sexta, que queda anulada no seu punto segundo, en canto á seguinte indicación: «En ningún caso se autorizarán novas explotacións de cría de Neovison vison (visón americano), ou ampliación das xa existentes, nas provincias da área de distribución do Mustela lutreala (visón europeo) que figuren no Inventario español do patrimonio natural e a biodiversidade».

5. A disposición transitoria segunda, que queda anulada na súa totalidade.

O artigo 103 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, indica no seu número 2 que as partes estarán obrigadas a cumprir as sentenzas na forma e termos que nestas se consignen.

A disposición adicional sexta do citado Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, fai referencia ás instalacións ou explotacións industriais ou comerciais que alberguen especies incluídas no catálogo. No seu punto primeiro non foi declarada nula pola Sentenza núm. 637/2016, co que procede a súa aplicación. Indica que as administracións competentes exixirán aos titulares das instalacións ou explotacións industriais ou comerciais que alberguen especies incluídas no catálogo e, se é o caso, as incluídas na relación indicativa de especies exóticas con potencial invasor a que se refire o artigo 8.1 deste real decreto, consideradas recursos pesqueiros, zooxenéticos ou fitoxénicos con aproveitamento para a agricultura ou a alimentación, a adopción de medidas preventivas apropiadas e suficientes, incluíndo a regulación da súa localización para previr escapes, liberacións e verteduras. Estas medidas, se é o caso, poderán ser obxecto dun desenvolvemento regulamentario polas autoridades competentes en ambiente, que poderán requirir aos titulares de tales instalacións protocolos de actuación para os casos de liberación accidental e información sobre os movementos de exemplares destas especies.

Unha vez analizada a situación da acuicultura continental e a produción de wakame na nosa comunidade autónoma, procede, en aplicación da citada sentenza, determinar as actuacións que debe desenvolver esta Administración co fin de darlle cumprimento.

Os centros de acuicultura continental de alta no Rexistro de Establecementos de Acuicultura, conforme o disposto no artigo 126 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, teñen un peso importante na produción acuícola galega. Os ditos centros teñen autorizado o cultivo da especie Oncorhynchus mykiss (troita arco da vella), ben soa, ben xunto con outras especies como a Anguilla anguilla (anguía), ou o Salmo salar (salmón), na fase de engorda ou en cultivo en ciclo pechado, é dicir, como centro de reprodución, selección, produción de crías e engorda.

Os titulares destes establecementos deben adoptar as medidas necesarias para evitar calquera influencia negativa no ambiente e na biodiversidade.

En virtude do exposto, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Establecer un cronograma de actuacións para a adecuación dos establecementos de acuicultura dedicados ao cultivo de Oncorhynchus mykiss ou Undaria pinnatifida, en relación coa prevención de escapes, liberacións e verteduras, que será o disposto a continuación:

1º. Requirimento de documentación.

A consellería solicitará ao titular para que presente nun prazo máximo de 30 días, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, a seguinte documentación:

a) As medidas preventivas, apropiadas e suficientes, previstas na súa instalación, para efectos de previr escapes, liberacións e verteduras, incluída a regularización da súa situación (xeográfica). Ademais, achegará unha memoria descritiva, acompañada cos planos e/ou fotos correspondentes das instalacións, xunto con toda aquela información relativa á prevención de escapes, liberacións e verteduras que se considere de interese.

b) Copia dos protocolos de actuación para os casos de liberación accidental. Os protocolos de actuación deberán ter un contido mínimo nos termos establecidos nesta resolución.

c) Información sobre os movementos producidos desde o 4.8.2013 (data de entrada en vigor do Real decreto 630/2013, do 2 de agosto), mediante copia das follas correspondentes e recollidas na epígrafe de entradas e saídas do libro de rexistro de actividades.

No suposto de que o titular do establecemento non achegase a documentación necesaria ou esta non fose suficiente, o órgano competente requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos.

2º. Inspección e informe.

Recibida a documentación a que se refire o punto primeiro e dentro do prazo máximo de 30 días, os servizos técnicos de inspección do órgano competente da Consellería do Mar comprobarán in situ o establecemento, que este conta coas medidas indicadas no punto anterior e cos protocolos e información sobre os movementos, e que estes son axeitadas.

Os servizos técnicos competentes en sanidade dos animais acuáticos e establecementos de acuicultura en cada caso emitirán informe ao respecto, indicando se o centro de acuicultura cumpre coas medidas preventivas, se hai algunha deficiencia que pode ser emendada ou se non conta con medidas preventivas e, nestes supostos, describirán as carencias observadas. En cada caso o titular do establecemento de acuicultura contará con un prazo adecuado e suficiente para a adopción das medidas novas ou complementarias.

3º. Adecuación ás deficiencias sinaladas no informe.

Se o establecemento de acuicultura conta coas medidas preventivas, apropiadas e suficientes, previstas na súa instalación, para efectos de previr escapes, liberacións e verteduras, pero ten deficiencias non substanciais das indicadas no informe do servizo técnico, o órgano competente outorgará un prazo máximo de 90 días para a execución destas.

No suposto de non contar con medidas preventivas apropiadas e suficientes, o titular presentará a memoria descritiva das obras que realizará, e o prazo establecerase en función das citadas obras e/ou autorizacións que se requiran, que en ningún caso excederá 1 ano.

Transcorridos os prazos, os titulares deben remitir, xunto coa correspondente memoria descritiva, os planos e/ou fotos correspondentes e, de ser o caso, os protocolos de prevención.

4º. Inspección e informe final.

Rematados os prazos, os servizos técnicos competentes en sanidade dos animais acuáticos e establecementos de acuicultura emitirán informe ao respecto, indicando se o centro de acuicultura cumpre ou non coas medidas preventivas e protocolos.

Aos centros de acuicultura que alberguen especies exóticas invasoras e que non dispoñan de medidas preventivas apropiadas e suficientes para previr escapes, liberacións ou verteduras aplicaráselles o previsto no Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, para as especies incluídas no Catálogo.

5º. Contido mínimo do protocolo.

O Protocolo para a prevención de escapes ou casos de liberacións accidentais debe conter, como mínimo:

I. Análise de puntos críticos.

II. Plan de continxencias que deberá conter, polo menos:

• Medidas de prevención e desenvolvemento de plans de continxencia.

• Protocolo coas medidas das actuacións que se desenvolverán.

• Avaliación da continxencia coa finalidade de optimizar as futuras accións de recaptura e mitigar os efectos negativos dos escapes.

• Información e seguimento dos efectos provocados na zona afectada por un período de 30 días, detallando as accións levadas a cabo para reparar os danos que orixinaron os escapes e comunicación á Administración.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, segundo o establecido nos artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2016

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 30.3.2012)
Juan Carlos Maneiro Cadillo
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica