Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 14 de setembro de 2016 Páx. 42281

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 2 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas efectuadas polas entidades colaboradoras desta consellería para a realización de actividades de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

BDNS (identif.): 316787.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades colaboradoras, públicas ou privadas, inscritas no rexistro administrativo de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural, que presten servizos de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Só serán elixibles aqueles cursos de formación e capacitación dirixidos a impartir formación de base en materias relacionadas coa aplicación/manipulación de produtos fitosanitarios.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas para a programación de accións formativas efectuadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao exercicio de 2016.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 2 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas efectuadas polas entidades colaboradoras desta consellería para a realización de actividades de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Orzamento

1. O financiamento das axudas para a programación das accións formativas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0 e ao proxecto orzamentario 201600213, por un valor total de 400.000 euros.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

4. As retribucións por tipoloxía de accións ofertadas será a seguinte:

a) Curso de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico: máximo 1.875 €.

b) Curso de renovación de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios nivel básico: máximo 450 €.

c) Curso de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado: máximo 2.500 €.

d) Curso de renovación de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios nivel cualificado: máximo 590 €.

e) Curso ponte de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico a nivel cualificado: máximo 2.500 €.

No Documento para a harmonización dos sistemas de formación dos usuarios profesionais de produtos fitosanitarios, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, no seu número 4.3 de formación complementaria e accións de actualizacións, establécese que se poderá ofertar un curso ponte que permita obter o nivel cualificado para aqueles usuarios profesionais que teñan o nivel básico.

5. O método de cálculo da axuda por curso será o seguinte:

a) Cada curso contará cun número de 20 alumnos para poder recibir a axuda. Se no transcurso do curso algún alumno abandona, aplicarase unha penalización de 50 € por alumno. Non se financiará ningún curso que remate con menos de 15 alumnos.

b) No caso de ser autorizada unha visita dentro do programa do curso, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

c) O límite máximo anual da axuda será de 20.000 € por entidade de formación, incluídas as visitas.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes remata nun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2016

Tomás Fernández-Couto Juanas
Director xeral de Ordenación e Produción Forestal