Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 14 de setembro de 2016 Páx. 42257

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas efectuadas polas entidades colaboradoras desta consellería para a realización de actividades de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2016.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española e no Estatuto de autonomía, na forma establecida no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal correspóndelle o exercicio das competencias inherentes á ordenación, fomento e mellora da produción forestal, as medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais. Correspóndenlle tamén, no ámbito do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario, as funcións de programación, coordinación e impulso da innovación e investigación e a innovación tecnolóxica, en coordinación co departamento desta administración competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a formación, a transferencia e a adopción dos resultados da investigación; a realización de programas formativos dirixidos ao persoal dependente da consellería que melloren a súa capacitación e o seu coñecemento técnico no eido agroforestal, sen prexuízo das competencias en materia de formación doutros departamentos desta administración.

Máis concretamente, correspóndelle a formación das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras, así como das súas asociacións e agrupacións, empresas de servizos agrarios e industrias agropecuarias, agroalimentarias e forestais, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, do persoal dependente da consellería en materias técnicas en colaboración, de ser o caso, con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal e sen menoscabo das competencias atribuídas a estas entidades.

De acordo co Regulamento (UE) número 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e co Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) para o período de programación 2014-2020, dentro da medida M01: Accións de transferencia de coñecementos e información (artigo 14), promoverá actividades de formación profesional e adquisición de competencias, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, a mozos e mozas e mulleres do medio rural.

En particular, esta medida de transferencia de coñecementos e actividades de información debe afondar na promoción de sistemas de formación profesional en materia agropecuaria e forestal, con especial orientación a agricultores e silvicultores mozos.

As actividades e o contido da formación incidirán, entre outros, en aspectos como a mellora da competitividade, a incorporación de tecnoloxías e prácticas innovadoras, a xestión económica e comercial, a calidade dos produtos, a xestión sustentable dos recursos naturais, incluídos os aspectos da condicionalidade, protección do ambiente e conservación da paisaxe, Rede Natura 2000 e a mitigación e adaptación ao cambio climático.

A Consellería do Medio Rural, de cara a complementar a oferta formativa que se facilita a través da estrutura da consellería, considera necesario contar coa colaboración doutras entidades nas actividades de formación continua que permitan unha capacitación integral das persoas que traballan no sector agroalimentario galego.

Por todo o exposto, en consecuencia co establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e posteriores modificacións,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas para a programación de accións formativas efectuadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao exercicio de 2016.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades colaboradoras, públicas ou privadas, inscritas no rexistro administrativo de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural, que presten servizos de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Só serán elixibles aqueles cursos de formación e capacitación dirixidos a impartir formación de base en materias relacionadas coa aplicación/manipulación de produtos fitosanitarios.

3. Non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades que:

a) Se beneficiasen dunha axuda ilegal anterior declarada incompatible por unha decisión da Comisión, ata que esa entidade reembolse o ingresado ilegalmente cos correspondentes xuros de recuperación.

b) As empresas en crise definidas no punto 35.15 das directrices da Unión Europea aplicables ás axudas estatais nos sectores agrícolas e forestais nas zonas rurais do período 2014 a 2020.

Artigo 3. Descrición do tipo de accións formativas

1. As accións formativas que se executarán serán actividades de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, á mocidade e mulleres do medio rural.

2. As actividades e o contido da formación seguirán o establecido no Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios.

Artigo 4. Contía das axudas

1. Retribucións por tipoloxía de accións ofertadas:

a) Curso de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico: máximo 1.875 €.

b) Curso de renovación de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios nivel básico: máximo 450 €.

c) Curso de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado: máximo 2.500 €.

d) Curso de renovación de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios nivel cualificado: máximo 590 €.

d) Curso ponte de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico a nivel cualificado: máximo 2.500 €.

No Documento para a harmonización dos sistemas de formación dos usuarios profesionais de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, no seu número 4.3 de formación complementaria e accións de actualizacións, establécese que se poderá ofertar un curso ponte que permita obter o nivel cualificado para aqueles usuarios profesionais que teñan o nivel básico.

2. O método de cálculo de axuda por curso será o seguinte:

a) Cada curso contará cun número de 20 alumnos para poder recibir a axuda. Se no transcurso do curso algún alumno o abandona, aplicarase unha penalización de 50 € por alumno. Non se financiará ningún curso que remate con menos de 15 alumnos.

b) No caso de ser autorizada unha visita dentro do programa do curso financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

c) O límite máximo anual da axuda será de 20.000 € por entidade de formación, incluídas as visitas.

Artigo 5. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas para a programación das accións formativas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.422L.770.0 e proxecto orzamentario 201600213, por un valor total de 400.000 euros.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22, 5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

Artigo 6. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

Ás axudas reguladas nesta orde seranlles de aplicación os artigos 14 e 81 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Igualmente, aplicaránselles os artigos 42, 107, 108 e 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

As axudas de formación profesional e adquisición de competencias no sector forestal están comunicadas polo Estado español e concedidas de conformidade co artigo 38 do Regulamento UE nº 702/2014 da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE; o número de axuda é SA.43478 (2015/XA) e a base xurídica son as convocatorias públicas das autoridades de xestión baseadas nos programas de desenvolvemento rural Feader 2014-2020, e cunha intensidade de axuda do 100 %.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo de que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o orzamento solicitado nin a intensidade máxima da axuda.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. As axudas previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos, efectuados posteriormente á presentación da solicitude da axuda, que estean directamente relacionados coa realización das accións formativas propostas, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan:

a) Gastos de profesorado (incluirá a impartición das ensinanzas das distintas unidades didácticas, tanto teóricas como prácticas): máximo 60 €/hora impartida.

b) Material didáctico (incluído material de prácticas): 0,50 € por alumno e hora de actividade formativa, ata un máximo de 1.000 €.

c) No suposto de que a acción formativa supoña a organización de visitas, a maiores, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

2. A formación será gratuíta para todo o alumnado das accións formativas derivadas desta orde.

Artigo 9. Gastos non subvencionables

Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude.

Artigo 10. Requisitos dos solicitantes

1. A persoa física ou a entidade solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita no rexistro administrativo de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural e prestar servizos de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

d) Dispor dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado.

e) No caso de entidade, posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención da subvención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou con outros entes públicos.

f) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cualificacións mínimas do persoal docente.

a) Titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias e afíns.

b) O persoal docente de prácticas poderá contar coa titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia profesional agraria ou asimilados.

c) Poderán ser docentes de accións de formación práctica os titulares de explotacións agrarias, titulares forestais ou da empresa agroalimentaria e forestal que acrediten una experiencia no sector mínima de 5 anos.

Artigo 11. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no artigo 2 e 10 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da presente orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Documentación que cómpre presentar

1. Anexo I. A solicitude da axuda cos datos da identificación da acción formativa que se deberá realizar, datos da persoa ou entidade solicitante, que asumirá a xestión económica do proxecto e a plena responsabilidade fronte á Administración para os efectos de pagamentos, reembolsos e recuperacións.

2. Memoria descritiva das accións formativas que se van desenvolver, de acordo co modelo do anexo II, coa indicación dos seguintes contidos: tipo de accións formativas solicitadas, obxectivos, colectivo a que van dirixidas, orzamento e, se é o caso, descrición da viaxe formativa programada.

3. Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

4. Cando se trate dun empresario individual, deberá achegar a copia do DNI ou NIE, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. Se se trata dunha persoa xurídica deberá achegar a copia do NIF só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

5. Copia cotexada da póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado ou, no seu defecto, o compromiso de achegalo con anterioridade ao comezo da actividade lectiva. Esta documentación deberá estar sempre actualizada e á disposición da Administración para a súa comprobación.

6. Documentación que acredite a cualificación profesional do persoal docente (titulación académica e, se é preciso, acreditación da experiencia).

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles corrixa as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Órgano responsable da tramitación

A unidade responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta orde será a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

Artigo 14. Tramitación

1. A avaliación das solicitudes será realizada por unha comisión que aplicará os criterios expostos no artigo 15. A dita comisión actuará como órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal, ou a persoa en que delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, designado polo director xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios designados polo mesmo director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería do Medio Rural.

2. A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre os proxectos solicitados.

Artigo 15. Criterios de avaliación

1. Para a avaliación e ordenación en orde decrecente das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios de puntuación, en función dos beneficiarios das accións de formación (máximo 60 puntos):

a) Accións formativas segundo a actividade económica:

– Accións dirixidas a agricultores activos: 20 puntos.

– Accións dirixidas ao persoal de empresas agrarias, alimentarias e entidades asociativas agrarias: 10 puntos.

– Accións dirixidas ao persoal das entidades asociativas profesionais agrarias: 10 puntos.

– Accións dirixidas a persoas emprendedoras no sector primario para desenvolver no medio rural: 10 puntos.

– Accións dirixidas a persoas emprendedoras en sectores económicos para desenvolver no medio rural: 5 puntos.

– Accións dirixidas ao persoal de pemes que operen nas zonas rurais: 5 puntos.

– Accións dirixidas a agricultores non activos pero con intereses na agricultura: 5 puntos.

b) Accións dirixidas, preferentemente, a mozos e mozas e mulleres do medio rural:

– Mozos agricultores: 20 puntos.

– Mozas agricultoras: 30 puntos.

– Mozas e mozos con expectativas de incorporación á actividade agraria: 30 puntos.

– Mulleres agricultoras maiores de 41 anos: 20 puntos.

– Mulleres maiores de 41 años con expectativas de incorporación: 20 puntos.

– Maiores de 41 anos con expectativas de incorporación: 10 puntos.

2. A solicitude de axuda deberá acadar un limiar mínimo de puntuación que se corresponderá co 30 % da puntuación máxima total que se poida acadar (60 puntos × 30 % = 18 puntos) no procedemento de selección en función dos criterios de selección aplicados.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A dita avaliación conterá unha relación dos proxectos priorizados que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, xunto cunha relación dos proxectos avaliados positivamente en lista de espera e a relación dos proxectos que se consideran non financiables.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 1, submedida 1.1, prioridade 1.C, e tamén da obriga do beneficiario en cuestión de publicidade, establecidas no anexo III do Regulamento (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de tres meses contados a partir da publicación da presente convocatoria. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes poderanse entender desestimadas.

4. A Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin se pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión de publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das accións obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a acción proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal por delegación da conselleira do Medio Rural, logo de instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, o interesado comunicará expresamente a súa renuncia ou aceptación á subvención transcorridos dez días desde a notificación desta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, por delegación da conselleira, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Facer constar en todos os documentos e publicidade das actividades formativas o anagrama de Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) e do Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade infórmaselles aos participantes que está financiada pola Consellería do Medio Rural, polo Magrama e polo Feader.

Nos locais de impartición das accións formativas deberán figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel do cofinanciamento (anexo VII), que permanecerán expostos ao longo da realización da dita actividade.

En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vinculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará como mínimo o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

2. Comunicarlle á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

3. Reintegrar as cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberanse someter aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) número 809/2014.

5. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

7. O Regulamento (UE) 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, establece no artigo 71 o compromiso por parte dos beneficiarios de axudas no marco das medidas de desenvolvemento rural de proporcionarlle á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

Artigo 20. Pagamento das subvencións

1. A entidade solicitante xustificará a subvención, coa data límite do 30 de novembro de 2016, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario.

2. As solicitudes de pagamentos (anexo III) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:

a) Anexo IV. Memoria cos datos das accións formativas que se desenvolveron cuberta en todas as súas epígrafes, xunto coa documentación fotográfica de todas as súas fases: teórica, práctica e, se é o caso, das visitas correspondentes.

b) Enquisa de satisfacción (anexo V) cuberta por todos os alumnos asistentes á acción formativa.

c) Partes de asistencia diarios (anexo VI) de cada unha das accións formativas realizadas.

d) Documentación acreditativa de realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, con indicación, neste último caso, da contía exacta que resulte afectada pola subvención.

e) No caso de gastos de viaxes relacionados coa execución da acción formativa deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto.

f) Certificación en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita o pagamento da subvención.

3. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar, virá determinada pola aplicación de criterios de gradación, que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

Artigo 21. Control

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das accións subvencionadas. Ademais do seguimento baseado nos informes finais recibidos, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal poderá facer un seguimento técnico da acción formativa mediante a presenza in situ do persoal técnico designado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións formativas propostas.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de cooperación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, o órgano pagador do Feader, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) número 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) número 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Artigo 22. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 23. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da acción subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007. Así mesmo, seralles aplicable o procedemento de reintegro de acordo co Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión.

Artigo 24. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e en concreto nos artigos 3, 4 e 17 desta, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 25. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) número 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1698/2005 do Consello, e Regulamento delegado (UE) número 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) número 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C(2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases se deben axustar ao contido do programa.

Disposición adicional segunda. Formularios

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o punto 2.c) do artigo segundo da Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no rexistro de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificacións e diplomas oficiais por parte da Administración pública (DOG nº 60, do 27 de marzo).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase o director xeral de Ordenación e Produción Forestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file