Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 14 de setembro de 2016 Páx. 42316

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social, Sección Primeira)

EDICTO de notificación de resolución (RSU 1424/2016. BC).

Tipo e número de recurso: RSU recurso de suplicación 1424/2016. BC

Xulgado de orixe/autos: despedimento/cesamentos en xeral 651/2015 Xulgado do Social número 4 da Coruña

Recorrente: Tomás Villaverde Brandariz

Avogado: José Nogueira Esmorís

Recorridos: Fogasa, Sumtec, S.L., General Panels, S.L., Puertas Blindex, S.L., Bianinver Sociedad de Inversiones, S.L., administración concursal Sumtec (Fernández Obanza Carro)

Avogado/a: Fogasa, Tamara Vallejo Martínez

Procuradora: María Jesús Gandoy Fernández

Eu, M. Socorro Bazarra Varela, letrada da Administración de Xustiza da Sección Primeira da Sala Segunda do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fago saber que no procedemento de recurso de suplicación 1424/2016 desta sección, seguido por instancia de Tomás Villaverde Brandariz contra Fogasa, Sumtec, S.L., General Panels, S.L., Puertas Blindex, S.L., Bianinver Sociedad de Inversiones, S.L., administración concursal Sumtec (Fernández Obanza Carro) sobre resolución de contrato, foi ditada a seguinte resolución:

«Decidimos estimar en parte o recurso de suplicación formulado por Tomás Villaverde Brandariz contra a sentenza ditada no 28 de novembro de 2015 polo Xulgado do Social número 4 da Coruña en autos numero 651/2015 sobre rescisión de contrato e reclamación de cantidade contra Sumtec, S.L., Puertas Blindex, S.L., General Panels, S.L., Bianinver Sociedad e Inversiones, S.L., Caamaño e Bianchi Sociedad de Inversiones, S.L., administración consursal de Sumtec, S.L. e Fogasa, e, con anulación parcial da devandita resolución, acordamos repor os autos ao momento en que se ditou a devandita resolución para que, con liberdade de criterio e asumindo a competencia propia, se resolva a acción de reclamación de cantidades acumulada, e, desestimando no resto o recurso formulado, mantense a declaración de incompetencia da xurisdición social para coñecer da acción de resolución de contrato formulada pola parte demandante.

Modo de impugnación: faise saber ás partes que contra esta sentenza cabe interpor recurso de casación para unificación de doutrina, que se preparará mediante escrito presentado ante esta sala dentro do prazo improrrogable de dez días hábiles inmediatos seguintes á data de notificación da sentenza. Se o recorrente non tiver a condición de traballador ou beneficiario do réxime público de seguridade social, deberá efectuar:

– O depósito de 600 euros na conta de 16 díxitos desta sala, aberta no Banco de Santander (Banesto) co nº 1552 0000 37 seguida de 4 díxitos correspondentes ao número do recurso e 2 díxitos do ano deste.

– Así mesmo, se houber cantidade de condena, deberá consignala na mesma conta, pero co código 80 en vez do 35 ou ben presentar aval bancario solidario en forma.

– Se o ingreso se fixer mediante transferencia bancaria desde unha conta aberta en calquera entidade bancaria distinta, haberá que emitila á conta de 20 díxitos
0049 3569 92 0005001274 e facer constar no campo “Observacións” ou “Concepto da transferencia” os 16 díxitos que corresponden ao procedemento (1552 0000 80
ou 35 **** ++).

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos por esta nosa sentenza.

Voto particular que formula a maxistrada Isabel Olmos Parés, á cal se adhiren os maxistrados José Manuel Mariño Cotelo, José Elías López Paz, María Antonia Rey Eibe, Fernando Lousada Arochena, Emilio Fernández de Mata, Manuel Carlos García Carballo e Raquel Naveiro Santos, á sentenza ditada no recurso de suplicación 1424/2016 por esta Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 28 de xuño de 1916.

En aplicación da facultade establecida no artigo 260 da Lei orgánica do poder xudicial e do artigo 205 da Lei de axuizamento civil, e co máximo respecto á opinión maioritaria, emitimos o seguinte:

Voto particular.

Primeiro. Discrepamos da sentenza de Sala xeral sobre a base das seguintes consideracións:

a) Adúcese e aplícase a doutrina do TS, Sala Cuarta, contida nas sentenzas do 9 de febreiro de 2015 (Recurso 406/2014) e outra posterior do TS do 13.4.2016 (Recurso 2874/2014), para concluír afirmando que a sentenza do xuíz social que se declara incompetente en relación a unha acción resolutoria individual ao abeiro do artigo 50.1.b) do ET é axustada a dereito.

Declarouse probado que a demanda de extinción individual do artigo 50.1.b) do ET se presenta no mes de abril de 2015; con data do 11 de decembro de 2015 celébrase o xuízo. A sentenza é da mesma data, 11 de decembro de 2015. Pola súa parte, o xuíz mercantil inicia ERE concursal no 21 de setembro de 2015 e dita auto de extinción no 27 de xaneiro de 2016, no cal se inclúe o traballador de cuxa acción extintiva se declarou incompetente o xuíz social.

Non se cuestiona no presente voto particular a competencia do xuíz mercantil para poder extinguir o contrato de traballo do actor incluíndoo no ERE e despois no auto extintivo do 27 de xaneiro de 2016.

E é que, sobre iso, si existe doutrina unificada, a contida nas sentenzas xa mencionadas. Nelas a Sala Cuarta entende que o xuíz do mercantil é competente para resolver a extinción colectiva dos contratos de traballo, incluído o do traballador que ten pendente demanda ante o xulgado do social sobre extinción do contrato, ao abeiro do artigo 50 do ET (tamén por analoxía unha acción de despedimento tácito). E iso, porque da dicción literal do artigo 64 da lei concursal non se deduce que o xuíz mercantil perda a competencia para decidir acerca da extinción colectiva de contratos cando consta presentada demanda resolutoria do artigo 50 do ET ante a xurisdición social. E iso sobre a base, sobre todo, de que a existencia desta última demanda non supón a existencia de litispendencia respecto á acción de extinción colectiva de contratos e porque a mera presentación de demanda resolutoria non ten incidencia sobre a vixencia do contrato.

Por iso a sentenza do TS do 9 de xuño de 2015 afirma expresamente que “non se trata de se o xuíz do social é competente para coñecer a demanda de extinción do contrato de traballo, formulada polos traballadores ante o devandito xulgado, ao abeiro do artigo 50.1.b) do ET, con anterioridade a que a empresa fose declarada en concurso. A cuestión litixiosa é se é posible que o xuíz do mercantil resolva a extinción colectiva de contratos de traballadores dunha empresa que se encontra en concurso cando, previamente, algúns dos devanditos traballadores formularon demanda de extinción do contrato de traballo, ante o xulgado do social, ao abeiro do artigo 50.1.b) do ET e a devandita demanda non foi aínda resolta”.

Afírmase a seguir que “o xuíz do social é competente para coñecer da demanda interposta polo traballador, ao abeiro do artigo 50.1.b) do ET, solicitando a extinción do seu contrato, xa que esta foi presentada con anterioridade a que a empresa fose declarada en concurso”.

Entendo, por tanto, que a citada xurisprudencia que, en definitiva, declara a competencia do xuíz mercantil para extinguir calquera contrato de traballo da empresa concursada, sen límite e sen distinción ningunha, non permite concluír ao mesmo tempo que o xuíz do social, no caso concreto, tivese perdido a competencia para extinguir cando ditou a sentenza, nin antes cando celebrou o xuízo, nin aínda antes, cando se iniciou o ERE concursal en setembro de 2015, se en ningún deses momentos se materializase a decisión extintiva do xuíz do concurso.

b) É certo que a dicción literal do artigo 64.10 da LC, conforme á cal “As accións resolutorias individuais interpostas ao abeiro do artigo 50 do Estatuto dos traballadores, motivadas pola situación económica ou de insolvencia do concursado, terán a consideración de extincións de carácter colectivo, desde que se acorde a iniciación do procedemento previsto neste artigo, para a extinción dos contratos” establece unha regra de conversión en colectivas de toda acción extintiva individual (ou despedimento tácito por analoxía), desde que se inicie o ERE concursal. Deste modo, conforme a doutrina antes sinalada, o xuíz mercantil é competente para extinguir o contrato de traballo de calquera traballador da empresa concursada.

Ese é o sentido da xurisprudencia do TS arriba mencionada. Ninguén pode quedar á marxe do concurso. Cousa distinta é, non obstante, como acontece no caso concreto, que o xuíz social se declare incompetente, polo mero feito de ter coñecemento do ERE, aínda que este non concluíse por auto extintivo.

E é que a norma –o artigo 64.10 da LC– prevé solucións diversas distinguindo entre demandas anteriores e demandas posteriores á solicitude de concurso, o que presupón que ata que o contrato se extingua o xuíz social mantén a competencia, ben sexa para suspender ben sexa para extinguir.

Non se comparte a conclusión da maioría da Sala en relación a que o artigo 64.10 da LC no seu primeiro inciso regula especificamente a situación das demandas de resolución do contrato de traballo mentres que o segundo inciso da devandita norma, que distingue entre demandas previas ao concurso e demandas posteriores a este, se refire ao resto de demandas que se poidan dirixirse contra a concursada.

Ao meu xuízo, o precepto, artigo 64.10 da LC ten por único fin, todo el, regular e coordinar as demandas individuais de extinción do contrato, ao abeiro do artigo 50 do Estatuto dos traballadores, motivadas pola situación económica ou de insolvencia do concursado.

A propia sentenza utiliza, máis adiante, como argumento, o que a demanda do demandante é anterior ao preconcurso que presentou a empresa, o que podería ser equiparado á solicitude de concurso; despois recoñece que as demandas previas ao concurso das cales fala o precepto son as mesmas a que se refire o primeiro inciso, isto é, as demandas individuais de extinción do contrato, ao abeiro do artigo 50 do Estatuto dos traballadores, motivadas pola situación económica ou de insolvencia do concursado.

En todo caso, entendo que, para os efectos da competencia, non é preciso distinguir entre demandas previas ao concurso e demandas posteriores a este.

A decisión maioritaria da sala presupón, ademais, a posibilidade de recuperar a competencia da orde social, cando ao cabo o xuíz mercantil rexeite a extinción colectiva, ou ben decida non extinguir determinados contratos, entre eles os dos traballadores con demandas extintivas pendentes na xurisdición social. Ou se é competente ou non se é. O que non pode afirmarse é que se perde a competencia pola mera existencia dun ERE concursal, aínda sen decisión extintiva.

O obxecto da competencia que cuestionamos é competencia para extinguir o contrato. Deste modo, a competencia do xuíz mercantil suporá a perda da competencia do xuíz social no momento en que aquel decidise a medida extintiva. Ata ese momento o xuíz social mantena.

A competencia non pode ser discutida sobre a base de que o xuíz mercantil poida extinguir ad futurum, aínda que non o fixese no momento de axuizamento do xuíz social e, por tanto, mantense viva a relación laboral.

c) Non hai norma que limite o dereito dos traballadores a solicitar, ante os xulgados do social, a extinción dos contratos, ao abeiro do artigo 50 do ET, antes ou durante a tramitación dun ERE, sen prexuízo do cal o xuíz mercantil poida tamén acordar a extinción deses mesmos contratos.

Tampouco está en vigor a redacción do artigo 51.1 da LC que, antes da reforma da LC abordada pola Lei 38/2011, permitía ao xuíz mercantil acumular ao concurso as xuízos declarativos que, sendo competencia do xuíz do concurso conforme o artigo 8 (a extinción colectiva éo), estimaba que a súa resolución tiña transcendencia substancial para a formación do inventario ou da lista de acredores.

Esta redacción era a vixente no momento dos feitos axuizados na sentenza do TS do 9 de xuño de 2015.

O actual artigo 51.1 da LC sinala agora que “Os xuízos declarativos en que o debedor sexa parte e que se encontren en tramitación no momento da declaración de concurso continuaranse a tramitar ante o mesmo tribunal que estiver a coñecer deles ata a firmeza da sentenza.

Por excepción, acumularanse de oficio ao concurso, sempre que se encontren en primeira instancia e non finalizase o acto de xuízo ou a vista, todos os xuízos por reclamación de danos e perdas á persoa xurídica concursada contra os seus administradores ou liquidadores, de feito ou de dereito, e contra os auditores.

Como se comproba, nada indica sobre a posibilidade de que o xuíz do concurso pretenda esa acumulación requirindo de inhibición os xulgados do social nestes casos.

E a regra especial, o xa mencionado artigo 64.10 da LC, non arbitra un sistema de acumulación, senón de suspensión das demandas individuais posteriores á solicitude do concurso, desde o momento en que se inicie o ERE concursal, o que vén ser na práctica unha regra que resolve unha sorte de cuestión prexudicial conexa, moi próxima á litispendencia, aínda que non o sexa, o que se corrobora despois no propio texto legal pola eficacia de cousa xulgada que o auto extintivo do xuíz do concurso terá sobre os procedementos individuais, de modo que mentres non se produza a cousa xulgada, o xuíz social retén a competencia, tanto se as demandas son ou non anteriores á solicitude do concurso.

Trátase do efecto positivo da cousa xulgada, que exixe a identidade subxectiva, de sorte que o pronunciamento da primeira sentenza (aquí auto do xuíz do concurso) se presente como un “antecedente lóxico da outra”, o que é cousa distinta da litispendencia, e que xa aparece así distinguido pola doutrina xurisprudencial máis recente; véxase, para o efecto, a sentenza do Tribunal Supremo do 23 xaneiro 2006 (Recurso de casación ordinario nº 30/2005) e a sentenza do Tribunal Supremo do 22 de abril de 2010
(RCUD nº 1789/2009).

Nestes casos de mera conexión, a solución, evidentemente, non é a exclusión do segundo proceso, senón que pasaría por aplicar, se é o caso, as regras da acumulación dos dous procesos. Así o prevén as nosas normas procesuais. De forma expresa, a LAC no seu artigo 76.1 da LAC, ao establecer como supostos en que procede a acumulación “cando a sentenza que se deba ditar nun dos procesos poida producir efectos prexudiciais no outro”; e o mesmo o artigo 76.2 do mesmo texto legal, cando “entre os obxectos dos procesos cuxa acumulación se pide existe tal conexión que, se se seguisen os dous procesos por separado, parece claro que poderían ditarse sentenzas con pronunciamentos ou fundamentos contraditorios, incompatibles ou mutuamente excluíntes”.

Se a acumulación non for posible ou non estiver prevista, como é o caso, existe unha segunda solución cal é a prevista de forma innovadora pola vixente LRXS, no seu artigo 86.4 da LRXS, que dispón o seguinte: non obstante, por solicitude de ambas as dúas partes “poderase suspender o procedemento ata ser ditada resolución firme noutro procedemento distinto, cando neste se deba resolver a que constitúa obxecto principal do primeiro proceso. Trátase dunha fórmula moi parecida ao artigo 43 da LAC, pero, a diferenza da fórmula do artigo 43 da LAC, no procedemento laboral exíxese que sexan ambas as dúas partes as que o soliciten para que así se acorde, mentres que na LAC chega con que a pida unha soa das partes.

A conclusión é que a regra especial de suspensión do artigo 64.10 da LC resolve un problema de conexión, por iso é temporal, o que é moi distinto a afirmar a incompetencia do xuíz social, que é definitiva.

Pero a suspensión ou non do proceso social á espera do que aconteza no concurso é unha decisión do xuíz social, logo é competente.

Ao meu xuízo, esta solución explica e xustifica a retención da competencia entre o xuíz social até se producir a cousa xulgada, de maneira que poida arbitrar unha solución á conexión, mais nunca declarándose incompetente cando, como é o caso, non está resolta a cuestión principal, que é a que provoca a conexión, isto é, a extinción do contrato.

En definitiva, se o xulgado do social tiver coñecemento da tramitación dun ERE que afecte a empresa concursada, e este non foi resolto no momento de resolver as correspondentes demandas de extinción, ex artigo 50 do ET, deberá suspendelas ou, se for o caso, resolvelas, e só se os contratos xa foron extinguidos polo xuíz mercantil, no seo do procedemento concursal, deberá desestimar as demandas.

d) Os autos ditados pola sala de conflitos do TS non conforman xurisprudencia. En todo caso, o cambio de criterio de que fai eco, por exemplo o auto do 3 de novembro de 2015 (Recurso nº 21/2015) en relación co criterio precedente da sala de conflitos e contido nos autos 17/2007, 18/2007, 19/2007 e 30/2011, prodúcese sobre a base da xurisprudencia do TS, isto é, con cita expresa da STS do 9 de febreiro de 2015 (Recurso nº 406/2014), o que non fai senón reiterarme no previamente sinalado na alínea a) destas consideracións.

En todo caso, nos supostos resoltos pola sala de conflitos achábase na base deste o requirimento de inhibición que o xulgado do mercantil fixera ao xulgado do social, o que non sucede no presente caso, no cal en ningún momento o xulgado mercantil require o social para que se inhiba solicitando a acumulación. E é que a devandita posibilidade xa non está prevista, como sinalei antes, no artigo 51.1 da LC.

Non obstante, o auto da sala de conflitos do 3 de novembro de 2015, xa mencionado, segue fundando, no fundamento xurídico cuarto, a súa resolución, no artigo 51 da LC.

Por todo iso, a solución ao recurso presentado, a xuízo dos asinantes do voto particular, debeu ser a contraria á do voto maioritario, declarando a competencia do xuíz do social.

Así o pronunciamos e asinamos.

A Coruña, 28 de xuño de 2016».

E para que sirva de notificación en legal forma a Bianinver Sociedad de Inversiones, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 23 de agosto de 2016

O letrado da Administración de xustiza